Federación de Administración Pública da CIG

Federación de Administración Pública da CIG

A CIG logra que o Xulgado de Ourense aplique o convenio do persoal laboral da Xunta a empregados/as de Seaga PDF Imprimir Correo-e
Xoves, 14 Xullo 2016 11:27
A medida beneficia a 71 brigadistas, mais a central intentará que se estenda aos 500 operarios/as
O Xulgado do Social número 3 de Ourense vén de decretar, resolvendo dúas das catro demandas interpostas pola Unión Local da CIG de Verín e A Limia en representación de 71 traballadores/as de Seaga, que os dereitos e deberes do persoal, ao carecer de convenio colectivo propio, deben de estar regulados polo convenio do persoal laboral da Xunta. A central xa anunciou que iniciará unha campaña para estender o efecto destas sentenzas, que aínda poden ser recorridas diante do TSXG, aos 500 empregados/as da compañía pública.
2016 07 12 RoldaPrensaCeagaConvenioPersoalLaboralXunta

A decisión xudicial que se vén de coñecer, e que hoxe foi presentada en rolda de prensa, respalda as teses defendidas pola CIG, que basea a súa argumentación nos artigos 45 e 46.6 da Lei 16/2010 do Sector Público Autonómico, “que non son respectados nin pola dirección de Seaga nin pola Consellaría do Medio Rural”.

Dende a central lembran que o primeiro destes artigos establece que as sociedades mercantís públicas autonómicas, como Seaga, forman parte das denominadas entidades públicas instrumentais da Xunta, mentres o artigo 46.6 determina que os instrumentos que regulen as condicións de traballo e réxime retributivo do persoal deste tipo de sociedades deben de contemplar <<un réxime retributivo semellante ao do resto do persoal laboral da Xunta>>.

Na CIG entenden que o persoal da Seaga deu un paso moi importante tanto na normalización imediata dos seus dereitos e obrigas (retribucións, descansos, vacacións, antigüidades, etc.) como na futura negociación colectiva “que supoñemos que agora si a dirección da empresa estará interesada en emprender, baixo risco de aplicación do convenio do persoal laboral da Xunta de non facelo”.

Así, trasládanlle os seus parabéns xa que, aínda que a aplicación destas resolucións se poida demorar no caso de que sexan recorridas ao TSXG, “constitúen un fito chave dirixido a rescatar da precariedade un servizo público esencial para o rural galego e para os nosos montes”.

Ao mesmo tempo, anuncian que iniciarán nos próximos meses unha campaña para estender o efecto destas sentenzas a todo o persoal da Seaga na Galiza (500 operarios/as), así como para reclamar a aplicación do resto dos dereitos contidos no convenio da Xunta ao persoal da empresa pública, “non só as horas extras e nocturnas que foron o motivo inicial polo que se interpuxeron as demandas”.

A decisión xudicial chega pouco despois de que a Sala do Social do TSXG condenase a Seaga a estender o período de contratación de todos os traballadores/as fixos/as descontinuos/as á duración completa das campañas de perigo alto, o que implicará un aumento de 35 días a cada empregado/a. A sentenza, que afectará a uns 500 brigadistas de extinción de incendios forestais de todo o país, chegou a raíz da demanda de conflito colectivo presentada pola CIG.

Partillar no Chuza!Partillar no DoMelhorPartillar no MenéamePartillar no TuentiPartillar no Buzz it!Partillar no Digg it!Partillar no FacebookPartillar no TwitterPartillar no Cabozo
 
Joomla Templates: by JoomlaShack