Federación de Administración Pública da CIG

Federación de Administración Pública da CIG

Ligazóns sectores

Autonómica
Correos
Xustiza

Ligazons confederacion

CIG - Avantar
Forga
Saúde laboral
Fesga

Procurar no web

A Xunta retira helicópteros das bases con persoal público e mantén as xestionadas por Natutecnia PDF Imprimir Correo-e
Martes, 15 Novembro 2016 19:08

O sector autonómico da CIG-Administración esixe un servizo profesional, único e público, que remate co “negocio do lume”

O sector autonómico da CIG-Administración denuncia que unha vez rematada a tempada de alto risco, que este ano se prolongou até o 15 de outubro, a consellaría de Medio Rural retirou os helicópteros das bases con persoal propio do Servizo Público de Defensa Contra Incendios Forestais (SPDCIF) mentres mantén a pleno rendemento as bases xestionadas pola empresa privada NATUTECNIA.

Trátase, segundo explican, das bases de Marroxo en Lugo, Campiño en Pontevedra e Vilamaior en Ourense. Bases que contan con persoal fixo descontinuo de 9 meses, traballadores da Administración Autonómica que agora están a prestar servizo como brigadas helitransportadas sen helicóptero.

Denuncian que mentres desactivan o servizo público, o resto de bases xestionadas pola empresa Natutecnia continúan a día de hoxe con todo o persoal de terra e todos os medios aéreos a pleno rendemento.

A maiores do persoal propio das bases helitransportadas, sinalan que a Xunta de Galiza rematou os contratos do persoal propio de reforzo de verán o pasado 1 de outubro, deixando sen persoal o período correspondente á ampliación do tempo de alto risco decidida pola Xunta (do 1 ao 15 de outubro).

“Isto responde á práctica á que nos ten desgraciadamente acostumados a Consellaría do Medio Rural, favorecendo sempre a privatización do dispositivo de loita contra incendios forestais, encargando a empresas privadas a xestión e aproveitamento das bases de utilidade e propiedade pública, prexudicando o funcionamento do servizo coa única finalidade de privatizar e pasar o servizo público a mans privadas”.

Lembran que neste ano aumentouse a duración do contrato das empresas privadas das brigadas helitransportadas, encomendándoselles tamén como novidade tarefas de prevención.

“Estamos entón, a día de hoxe, co reforzo de verán do SPDCIF na casa, con brigadas do dispositivo público helitransportado con contrato ata rematar novembro pero sen helicópteros, e coas brigadas de empresa privada a pleno rendemento prestando máis funcións e durante máis tempo”, denuncian.

Por iso o sector da Autonómica reclama un servizo único profesional e público, que corte de raíz co negocio do lume, “do que se está a beneficiar a empresa privada Natutecnia e que foi perniciosamente proxectado dende a Consellaría do Medio Rural”.

Xunto a isto lembran que xa no mes de maio presentaron no Parlamento unha Proposición Non de Lei solicitando a ampliación a nove meses do período de traballo do persoal de reforzo de tres meses do SPDCIF, “onde demostrabamos que o custe económico desta proposta sería arredor dun millón de euros por ano e provincia, cantidade netamente inferior a empregada nas helitransportadas privadas, demostrando que non se trataba dun problema de cartos senón de vontade política”.

Partillar no Chuza!Partillar no DoMelhorPartillar no MenéamePartillar no TuentiPartillar no Buzz it!Partillar no Digg it!Partillar no FacebookPartillar no TwitterPartillar no Cabozo
 
Joomla Templates: by JoomlaShack