Federación de Administración Pública da CIG

Federación de Administración Pública da CIG

A plataforma Galiza con Catalunya convoca unha manifestación o día 30 polo “dereito a decidir” PDF Imprimir Correo-e
Martes, 26 Setembro 2017 08:59

Fai unha convocatoria urxente de concentracións para esta mesma tarde contra a represión

A plataforma Galiza con Catalunya -constituída desde hai meses, en apoio ao proceso democrático iniciado en Catalunya, por organizacións sociais, culturais, políticas e sindicais galegas- anunciou esta mañá, en rolda de prensa, a convocatoria dunha manifestación que terá lugar en Compostela o vindeiro sábado día 30 de setembro, con saída ás 12:00 horas da Alameda, “en apoio á democracia e ao dereito a decidir do pobo catalán”.


En representación da Plataforma, Olaia Chaves sinalou que as organizacións que a conforman uníronse “por unha causa común que é a defensa dos dereitos colectivos dos pobos e a defensa da democracia”.

Asegurou que “desde Galiza somos conscientes de que a situación política en Catalunya é de máxima excepcionalidade” e denunciou que se chame “desafío secesionista ao dereito de autodeterminación dun pobo” e que se cualifique como “referendo ilegal a un acto lexítimo de expresión da democracia”.

Condena á represión

Desde a plataforma Galiza con Catalunya condenaron tamén a represión que se está a vivir, por mor das detencións realizadas esta mesma mañá, mais tamén por todos os acontecementos que se veñen producindo que “están poñendo en evidencia que se está aplicando o artigo 155 da Constitución de maneira encuberta”. Por iso, reiterou, “queremos expresar a nosa máis rotunda condena a estes feitos”.

Manifestación

A preguntas das/os xornalistas respecto da posibilidade de que se impida a saída da manifestación, a portavoz da plataforma lembrou que non houbo problema algún cunha manifestación de características semellantes celebrada en Euskadi a semana pasada.

Xunto a isto, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, aclarou que xa está comunicada á delegación do Goberno e asegurou que “si ou si, o día 30 vai a haber esta manifestación á que chamamos a todas as galegas e galegos a participar”.

A Plataforma convidou a sumarse a todas as organizacións que se queiran adherir e convidou a participar na manifestación “a todas aquelas persoas que estean de acordo co dereito dos pobos á súa autodeterminación e a decidir cal é o futuro para o seu pobo”.

Organizacións que conforman a Plataforma Galiza con Catalunya: ANOVA, Agora Galiza, Bloque Nacionalista Galego (BNG), Briga, Causa Galiza, Ceivar, Centro Social Gómez Gaioso, Colectivo Nacionalista de Marín, Confederación Intersindical galega (CIG), Centro Social Fuscalho, Fronte Popular galega (FPG), Sindicato Labrego galego (SLG), Corrente Vermella, Erguer Estudantes da Galiza, Fundación Artabria, Federación Rural Galega, Galiza Nova, Isca, Mar de Lumes Comité Galego de Solidariedade Internacionalista, Movemento Galego ao Socialismo, Mulheres Nacionalistas Galegas, e Centro Social Xebra.

Partillar no Chuza!Partillar no DoMelhorPartillar no MenéamePartillar no TuentiPartillar no Buzz it!Partillar no Digg it!Partillar no FacebookPartillar no TwitterPartillar no Cabozo
 
Joomla Templates: by JoomlaShack