Federación de Administración Pública da CIG

Federación de Administración Pública da CIG

Ligazóns sectores

Autonómica
Correos
Xustiza

Ligazons confederacion

CIG - Avantar
Forga
Saúde laboral
Fesga

Procurar no web

A CIG non asinará acordos que non garantan a recuperación de dereitos laborais do persoal público PDF Imprimir Correo-e
Martes, 26 Setembro 2017 09:00

A Mesa de Negociación das Administracións Públicas foi adiada até a próxima semana

A Mesa Xeral de Negociación das Administracións Públicas, convocada este xoves para aprobar as cuestións relativas a condicións laborais e salariais dos empregados/as públicos/as -para a súa inclusión nos Orzamentos Xerais do Estado de 2018-, quedou adiada para a semana que vén malia o Goberno do PP ter avanzados acordos con CCOO, UGT e CSIF á marxe do organismo. Dende a CIG xa adiantaron que non asinarán ningunha proposta que non contemple a recuperación dos dereitos que lle foron arrebatados ao funcionariado dende 2010.

Na Mesa, as organizacións sindicais recibiron como xustificación deste atraso que cunha semana máis se pode seguir mellorando o acordo. Ademais entregouse un novo documento e convidouse aos sindicatos con representación na mesma a estudalo e presentar propostas.

Ao comezo da xuntanza a representante da Área Pública da CIG, Maricarme López Santamariña trasladou á Secretaria de Estado a denuncia polas negociacións que se veñen desenvolvendo con CCOO, UGT e CSIF á marxe da Mesa Xeral, excluíndo a outras organizacións sindicais que, como a CIG, contan con representación na mesma. Negociacións que a Secretaria de Estado tratou de xustificar argüíndo que se desenvolveron no marco dunha comisión creada coas organizacións asinantes do anterior acordo.

López Santamariña apuntou ademais que ao incio da xuntanza o representante do CSIF “tivo unha intervención esperpéntica trasladando a Mesa e o Ministerio a súa solidariedade cos funcionarios/as cataláns que están pola defensa da unidade de España e do ordenamento xurídico español”.

A portavoz da Área Pública explica que o acordo contempla cuestións relativas a condicións laborais, pero deixa á marxe o referido a retribucións. “Entendemos que forma parte desa escenificación, porque van apoiar o documento do goberno pero amosar oposición no que respecta ás retribucións, para que esa posición lles sirva como lavado de cara”.

Con todo, a Área Pública da CIG xa manifestou a súa decisión de non apoiar ningún acordo que non contemple a derrogación dos Decretos-Lei impostos ao persoal das Administracións públicas desde o ano 2010, entre outros: RD-Lei 8/2010, polo que se adoptan medidas extraordinarias para a redución do déficit público; RD-Lei 20/2011, de medidas urxentes en materia orzamentaria e tributaria para a corrección do déficit público; e RD-Lei 20/2012, de medidas para garantir a estabilidade orzamentaria e de fomento da competitividade.

Isto xunto con todos aqueles decretos impostos polo Goberno español relativos a reformas laborais, reforma da negociación colectiva, modificacións das pensións e demais recortes das condicións laborais e salariais que afectan ao conxunto da clase traballadora.

A Área Pública da CIG exixe tamén a restitución de todos os dereitos laborais e salariais (horarios, pagas extras, salarios, 100% do salario en situación de IT, fondo social, etc) que lle foron arrebatados ao persoal empregado público desde o ano 2010.

Taxa de reposición

A proposta que se baralla contempla manter taxas de reposición , o que para a CIG “sentenza aos sectores produtivos a seguir perdendo persoal” . De feito limítase ao 100% para sectores prioritarios tal e como se aprobou no 2017 e pasa do 50 ao 75% nos sectores considerados non prioritarios, Iso si, nos ámbitos de seguridade cidadá (policía nacional, local…. ) será do 115%.

A intención do goberno é que cada administración poida dispoñer dun 5% adicional  a engadir ás taxas xénericas que se aproben, para calquera dos  sectores que cada administración estime conveniente. Con todo “néganse a aprobar a nosa demanda de restitución da capacidade de decisión das comunidades autónomas sobre a xestión do seu cadro de persoal. Lonxe disto, centralízase aínda máis”.

Establécese, xunto a isto, unha taxa de reposición especial – sen definir- para a dotación de interventores na administración local.

Estabilización do persoal

A proposta da administración fala dunha taxa de reposición adicional, que non se podería considerar como tal  e que sería  xeral para todos os ámbitos, que non computará  na taxa xenérica de reposición. “Sería algo así como ampliar algo o texto e liña de actuación  do último acordo que asinaron coas centrais sindicais sobre a estabilización do persoal das administracións públicas”.

A CIG-Área Pública chama a atención sobre esta cuestión porque se están vendendo estes procesos de estabilización de emprego, como un aumento de emprego público. “Non é verdade porque o único que se pretende con isto é cumprir as sentenzas europeas referidas á precariedade que padece o persoal das administracións públicas. Unha situación a que están máis dun 40% dos traballadores/as que teñen un contrato eventual, interino ou por horas ou días”, denuncia López Santamariña.

Retribucións

A proposta de incremento salarial, que non vai incluída no acordo cos sindicatos CCOO, UGT e CSIF contempla un incremento fixo para tres anualidades do 1,5% para 2018; do 1,75% para 2019 e do 2% para 2020, xunto cunha parte variábel que estaría condicionada ao PIB de cada ano que consistiría nun 0,25% e un 0,50% adicionais se se cumpren as previsións.

Para a Área Pública esta medida é inaceptable nun contexto de incremento de prezos e produto interior bruto por enriba do 3%. “Non se propoñen medidas de ningún tipo para recuperar o poder adquisitivo perdido durante estes anos, que en conxunto  se poden cifrar nun 27% para o persoal que traballa para a Administración do Estado e nun 38,7% para o persoal que traballa no ámbito da administración da Xunta de Galiza”, sinala a portavoz da CIG que advirte ademais que “as diferenzas salariais e de condicións económicas entre o persoal das distintas administracións continuará sen converxer, sendo discriminatoria a carga da  perda adquisitiva que sufrimos os traballadores das administracións polo só feito de traballar para unha administración ou para outra”.

A representante da CIG é contundente sinalando que “nos parece unha tomadura de pelo que aos traballadores e traballadoras das administracións públicas se nos fale de recuperación económica, tendo en conta todo o que perdemos nestes anos”.

INDICE DE EVOLUCIÓN DO IPC E SUBA SALARIAL NOS ÚLTIMOS 7 ANOS (1-1-09 a 31-12-16)

ANO      IPC GALIZA         IPC ESTADO       SUBA SALARIAL               DIF GZ                  DIF ESTADO

2009      0,8%                      0,9%                     2%                                      1                       1,1%

2010      3%                      3,1%                       -5%                                    -8%                     -8,1%

2011      2,4%                  2,5%                         0%                                   -2,4%                   -2,5%

2012      2,9%                   2,6%                       -7%                                 -9,9%                   -9,6%

2013      0,3%                   0,5%                       -4% (Autonómica           -4,3%                     -0,5%

2014      -1%                    -1%                        0%                                      1%                         1%

2015      0,%                    -0,2%                     0%                                      0,0%                    0,2%

2016      1,6%                 1,6%                       1%                                    -0,6%                      -0,6%

TOTAL   10                       10                        -13                                      -23                          -19

IFonte: INE e Orzamentos Xerais do Estado e da Xunta de Galiza dos anos correspondentes.

Partillar no Chuza!Partillar no DoMelhorPartillar no MenéamePartillar no TuentiPartillar no Buzz it!Partillar no Digg it!Partillar no FacebookPartillar no TwitterPartillar no Cabozo
 
Joomla Templates by JoomlaShack