Federación de Administración Pública da CIG

Federación de Administración Pública da CIG

Ligazóns sectores

Autonómica
Correos
Xustiza

Ligazons confederacion

CIG - Avantar
Forga
Saúde laboral
Fesga

Procurar no web

A CIG non asinará ningún acordo con Facenda que non contemple a recuperación de dereitos laborais e sociais PDF Imprimir Correo-e
Mércores, 11 Outubro 2017 10:29

O conselleiro anunciou na mañá deste martes que a Xunta non negociará esa recuperación

O conselleiro de Economía, Valeriano Martínez, convocou esta mañá á Área Pública da CIG a unha xuntanza para presentar as propostas da Xunta de Galiza relativas ao Plan de Estabilización de Emprego nas administracións públicas galegas; a Lei de Orzamentos 2018 e a Lei de Medidas Temporais. Propostas que a CIG rexeitou anunciando ademais que non asinará acordos que non garantan recuperación de dereitos do persoal das administracións públicas galegas.

No relativo ao Plan de Estabilización o conselleiro anunciou que a Xunta ten a intención de aprobar un acordo marco que atinxa os anos 2018, 2019 e 2020 no que se contempla consolidar emprego e trasladar a Galiza o acordo que se asine en Madrid este ano máis o asinado cos sindicatos españois xa en marzo de 2017.

A este respecto, a Área Pública da CIG manifesta que “é lamentábel que a Xunta de Galiza traslade mimeticamente un acordo acadado en Madrid, sen facer sequera o esforzo de adaptalo ás especificidades da administración pública galega, nin ter en conta a situación na que se atopa o seu persoal”.

María Carme López Santamariña, portavoz da CIG-Área Pública denuncia ademais que “ese acordo vai consolidar os recortes de persoal que se fixeron ao longo de todos estes anos”. A isto engade que “lonxe de como o intentan vender publicamente non suporá un aumento de emprego público xa que o que vai facer é darlle saída a unha situación insostíbel de temporalidade que hai hoxe na administración pública galega para lavar a súa imaxe”.

Con todo, o texto non foi entregado na xuntanza e, segundo informou o conselleiro, será remitido no decurso deste martes día 10. A Área Pública da CIG, unha vez o avalíe pormenorizadamente dará conta da súa posición definitiva respecto do mesmo.

Lei de Orzamentos 2018

No relativo a incrementos salariais, que teñen que ser recollidos na Lei de Orzamentos, López Santamariña explica que o propio conselleiro sinalou que a situación, por mor da paralización dos Orzamentos Xerais do Estado, “non lles permite avanzar nesta cuestión o que implica que as traballadoras e traballadores da administración verán máis unha vez os seus salarios conxelados até que desde Madrid lles diten o que teñen que facer”.

Isto denota para a portavoz da Área Pública “a grave incapacidade da Xunta de Galiza para tomar as súas propias decisións cando ten competencias para  facelo”. Lembra ademais que porén “cando decidiu recortarnos, entre outras cousas, o 40% das pagas extra desde o ano 2013 ao 2016 aí non solicitou permiso algún a Madrid para executar ese roubo”.

López Santamariña denuncia ademais que o propio conselleiro xa anunciou que non tiña intención algunha de abordar calquera caste de recuperación de dereitos laborais, salariais ou sociais do persoal das administracións públicas galegas.

Lei de Medidas

En canto á Lei de Medidas Temporais, o conselleiro anunciou modificacións no referido a permisos de maternidade/paternidade na liña do xa anunciado por Feixóo no debate do Estado da Nación. A CIG xa adiantou sobre esta cuestión que “a postura acordada pola central sindical é de loitar por conseguir permisos de maternidade de, como mínimo, un ano e igualar estes co de paternidade”.

Plans de Igualdade nas Administracións Públicas Galegas

Ademais a CIG puxo sobre a mesa tanto a situación na que se atopan os xulgados de violencia de xénero como a demanda de aplicación real e efectiva da lexislación actual en materia de igualdade, para garantir a igualdade real entre homes e mulleres na administración pública galega a través da negociación de Plans de Igualdade de Oportunidades.

Unha demanda que xa lle fixo chegar a central sindical ao propio Presidente da Xunta no mes de xullo e que recibiu como resposta literal que con data de 21 de agosto “deuse traslado deste á Vicepresidencia e Consellaría de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, para o seu coñecemento e efectos que procedan”.

Traslado do que non tiña constancia o conselleiro tras ser preguntado por esta cuestión para saber se se procedería a adoptar algunha medida. En todo caso “á marxe de recoñecer as eivas da administración pública galega respecto desta materia o conselleiro non se comprometeu a solucionar nin esta cuestión nin a situación dos xulgados de violencia de xénero”, conclúe López Santamariña.

Partillar no Chuza!Partillar no DoMelhorPartillar no MenéamePartillar no TuentiPartillar no Buzz it!Partillar no Digg it!Partillar no FacebookPartillar no TwitterPartillar no Cabozo
 
Joomla Templates: by JoomlaShack