Federación de Administración Pública da CIG

Federación de Administración Pública da CIG

Ligazóns sectores

Autonómica
Correos
Xustiza

Ligazons confederacion

CIG - Avantar
Forga
Saúde laboral
Fesga

Procurar no web

Novas
Consúmase a amortización de prazas no CGAI e afóndase no desmantelamento do centro PDF Imprimir Correo-e
Venres, 08 Xullo 2016 09:41

A CIG anuncia que presentará demanda polo despedimento do traballador que ocupaba a praza de proxeccionista

Coincidindo coa xuntanza da Comisión de Persoal de Función Pública, CIG, CCOO, UGT e representantes do sector audiovisual galego concentrábanse diante da EGAP, para denunciar a pretensión do goberno do PP de amortizar prazas no CGAI e camiñar así cara o seu desmantelamento. Ao remate da Comisión representantes sindicais confirmaban que non se movera unha coma da proposta de RPT inicial, que implica a desaparición de 3 postos de traballo e o despedimento do traballador que ocupaba o de proxeccionista.
16-07-06  concentracion CGAI 001

Deste xeito confírmase tamén que tanto o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, como o deputado do PP César Fernández trataban unicamente de escorrer o vulto cando afirmaron que eran falsas as denuncias da CIG respecto do desmantelamento encuberto do Centro Galego de Artes da Imaxe (Filmoteca de Galiza) e aseguraban que non habería nin despedimentos, nin recortes.

Cristina Terrón, representante da CIG, asegura que tamén se confirma agora que a retirada da proposta de RPT da Comisión de Persoal  non era máis que unha medida electoralista, xa que a que se aprobou este mércores, non cambia nin unha coma respecto da presentada inicialmente.

A CIG lamenta que coa supresión destes postos de traballo o PP afonde no desmantelamento do único centro audiovisual da Galiza. “Condenarase de forma irreversíbel (50% de despedimentos na área de proxección e 40% menos das prazas cas que contaba o centro) e progresivamente á Filmoteca de Galiza á súa desaparición como tal, recortando os servizos públicos que viña prestando e danando o futuro dos galegos  e galegas”, reitera Terrón.

Para a representante da CIG, con todo, “o peor está por vir” xa que, con estas novas amortizacións “quedará sen cubrir un servizo público tan básico como necesario, que ten como fin defender e velar pola defensa da cultura e do sector audiovisual galego”.

 
O paro baixou en Galiza un total de 13.144 persoas en xuño, pero a afiliación á Seguridade Social só medrou en 8746 PDF Imprimir Correo-e
Martes, 05 Xullo 2016 11:12

O mercado laboral galego experimenta un novo aumento da precariedade, da desprotección e da expulsión de activos/as

O mercado laboral galego experimentou no mes de xuño un novo aumento da precariedade, da temporalidade e da desprotección, características que van camiño de converterse en estruturais. O número de contratos rexistrados neste período acadou un maximo histórico, pero pola contra o paro baixou en só 13.144 persoas, o que se explica por unha temporalidade de máis do 93%. De igual xeito, o descenso do desemprego non coincide co incremento da afiliación á Seguridade Social, xa que unicamente medrou en 8746 persoas, o que significa que 4398 activos/as foron expulsados do mercado laboral.
12-05-02 Peche ofina Inem Ferrol2

Como cada ano, o inicio do período estival e das rebaixas fan de xuño un mes tradicionalmente positivo no que a datos do paro se refire. Nesta ocasión o descenso do desemprego atinxiu en Galiza o 5,6%, o que se traduce en 13.144 parados/as rexistrados/as menos. Deste xeito, a cifra total de desempregados/as no noso país sitúase nas 207.320 persoas.

Porén, o que a priori semella un dato positivo contrasta co feito de que a afiliación á Seguridade Social medrou unicamente en 8746 persoas, o que significa que 4398 activos/as foron expulsados do mercado laboral, ben sexa porque xa non se anotan nas oficinas do SEPE por falta de confianza no sistema ben porque deciden buscar un futuro na emigración. O que vén a significar que preto do 35% do descenso do desemprego non se corresponde cun incremento da ocupación, polo que probablemente a emigración e o desencanto co sistema expliquen unha parte importante do descenso do paro.

De igual xeito, o optimismo que inunda a propaganda gubernamental dilúese se temos en conta que o número de contratos acadou un máximo histórico (93.293), dos que o 93,4% se rexistraron baixo algunha das modalidades de contratación temporal. Ademais, non é que se trate só de contratos maioritariamente temporais, senón que tamén son de escasa duración xa que son poucos/as os novos/as contratados/as para un número de contratos tan elevado. O 79,3% destes contratos rexistráronse nalgunha actividade do sector servizos.

Asemade, tanto o paro prolongado como a escasa duración dos contratos fan que mes a mes diminúa a cantidade de parados/as que perciben algunha prestación. No último mes, tan só o 46% ingresou algunha; deles/as, unicamente o 38,8% recibiron a prestación contributiva. Estes factores están a disparar o número de persoas en risco de exclusión social ao provocar un progresivo empobrecemento da clase traballadora.

Fronte a estes datos, o secretario confederal de Emprego e Industria, Miguel Malvido, incide na necesidade de cambiar este modelo produtivo baseado na precariedade e temporalidade e aposta pola implementación dun plan de desenvolvemento industrial baseado no reforzo dos nosos principais sectores produtivos, “que ademais son precisamente os que teñen maior capacidade de crear emprego digno e de calidade”. A central levou precisamente esta proposta ao Parlamento galego a través dunha ILP que o PP rexeitou.

 
Denuncian que a Xunta mantén pechada a base de helicópteros contraincendios de Valdeorras PDF Imprimir Correo-e
Xoves, 30 Xuño 2016 08:39
O sector de Autonómica da CIG-Administración reclama o uso racional das instalacións públicas e o reforzo deste distrito
O sector de Autonómica da CIG-Administración denuncia que a Xunta de Galiza deixa no abandono a base de helicópteros contraincendios de Valdeorras, en Ourense, que a día de hoxe se atopa pechada e sen depósito de combustíbel. Dende a central reclaman o uso racional das instalacións públicas e o reforzo do distrito forestal “máis complicado orograficamente do país”.
2013 04 05 HelicopterosServizoContraincendiosXunta01

A CIG vén de rexistrar un escrito diante da Xefatura Territorial da Consellería de Medio Rural esixindo un uso racional das instalacións públicas despois de que a Xunta deixase en desuso a base de Vilanova, situada no distrito XIII Valdeorras-Trives, “deixando ao descuberto o distrito coa orografía máis complicada de toda Galiza e cunha riqueza ecolóxica e forestal dun importantísimo valor”.

No texto remitido ao departamento autonómico lembran que se trata dunha instalación na que se investiron centos de miles de euros “e que a día de hoxe se atopa pechada, sen helicóptero e sen depósito de combustíbel para repostar, estando totalmente desaproveitada para a protección do medio”. Salientan que este distrito ten lugares dunha importancia paisaxística económica e forestal enorme: a Serra do Eixe, con máis de 5000 hectáreas de piñeiro silvestre; o parque natural da Serra da Enciña da Lastra ,cunha das escasas concentracións de aciñeiras de todo o país; ou o Teixedal de Casaio, un dos poucos bosques de teixo existentes en Europa.

Nesta zona tamén se atopa o Macizo Central e as Ribeiras do Bibei, así como Xares e Návea. “Todos estes contornos naturais, que contarían cunha altísima protección noutros lugares do continente, parecen quedar aquí ao dispor da sorte, se nos remitimos aos datos deste distrito no que a número de lumes se refire”, denuncian.

Ao mesmo tempo, salientan que este distrito contaba con dous helicópteros anos atrás. “Máis, a día de hoxe, nin helicópteros nin base para recarga de combustíbel, o que nos parece incomprensíbel, xa que conta coa orografía máis complicada e escarpada de Galiza, con accesos reducidos a puntos chave debido ás condicións do terreo”. Por iso consideran un erro que se retiren os medios aéreos “fundamentais” para a súa protección

Finalmente, e ante o anuncio da Xunta de que se vai reforzar o dispositivo contraicendios coa contratación de novos helicópteros, reclaman o reforzo deste distrito con helicóptero e brigada para mellorar a capacidade de extinción, “xa que ademais nesta zona se dan as peores condicións de temperatura e humidade no que a condicións favorábeis para o desenvolvemento de lumes se refire”.

 
A CIG denuncia o “lamentable estado” da base do Grupo de Emerxencias Supramunicipal de Castro Caldelas PDF Imprimir Correo-e
Venres, 17 Xuño 2016 22:10
Insta ao Concello a arranxar os desperfectos e a rematar coas disfuncións do servizo
A federación de Administración da CIG de Ourense vén de denunciar o “lamentable estado” no que se atopa a base do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) de Castro Caldelas, até o punto de cualificalas como “insalubres”. Lembra que a Inspección de Traballo, a instancias da propia central, instou o ano pasado ao Concello a poñer fin a esta situación, “sen que até o de agora se teña feito nada”.
2016 06 16 MalEstadoBaseGrupoEmerxenciasCastroCaldelas01

Dende a federación de Administración da CIG sinalan que os GES puxéronse en marcha en agosto de 2013 a raíz dun convenio de colaboración en materia de emerxencias e prevención e defensa contra incendios forestais subscrito entre a Xunta, a Federación Galega de Municipios e Provincias e as Deputacións Provinciais.

No acordo establécese que os Concellos deberán aportar unhas instalacións-base axeitadas para a prestación do servizo, permitindo a localización dos recursos humanos e materiais propios do servizo, “algo que en Castro Caldelas non se está a cumprir”.

Neste senso, critican que case tres anos despois da entrada en funcionamento do servizo “as instalacións ás que facemos referencia están nun estado lamentable, chegando incluso a poder cualificarse de insalubres”. Os desperfectos pódense comprobar perfectamente dende o exterior (cristais rotos e fiestras tapadas con cartóns, suciedade, etc.), “mais o deterioro é máis evidente, se cabe, no interior da base”.

Ao mesmo tempo, indican que a CIG se puxo en contacto co Concello de Castro Caldelas en innumerabeis ocasións “nun intento de solucionar este problema, entre outros varios que afectan o servizo, pero estas xestións nunca chegaron a dar froitos”.

Ademais, en abril de 2015 a central denuncia ante a dirección xeral da Inspección de Traballo a situación na que se atopa a base do GES. “Dous meses despois, en xuño de hai exactamente un ano, recibimos resposta na que se insta ao Goberno local a arranxar a base e a cumprir coa Lei de Prevención de Riscos Laborais, pero a día de hoxe non está nada feito”, lamentan.

Por todo isto, dende a CIG reclámanlle ao Concello de Castro Caldelas a adecuación inmediata da base dos GES e o arranxo todas as disfuncións que existen no servizo, “dignificando o traballo dos profesionais que velan as 24 horas do día pola seguridade da veciñanza”.

 
Caravana de vehículos pola Coruña para denunciar as irregularidades nas bolsas de contratación de Correos PDF Imprimir Correo-e
Venres, 17 Xuño 2016 22:09
CIG-Correos demanda unha modificación do actual sistema de contratación, tanto no que ten a ver co procedemento como os criterios e as formas de chamamento
A CIG realizou unha caravana de vehículos pola Coruña o pasado sábado para chamar a atención e denunciar as irregularidades da contratación do persoal que se atopa nas bolsas para substitucións de Correos na provincia. A caravana saíu dende a parte posterior do Edificio de Sindicatos na Avda. Alfonso Molina e percorreu as principais rúas da cidade da Coruña até rematar cunha concentración diante do Edificio Principal de Correos na Avda. da Mariña.
16-06-11 caravanaCorreos7

A normativa pola que se rexe a contratación en Correos está recollida no Convenio Colectivo e na Convocatoria das Bolsas de Emprego, ambas de 2012, e nelas estabelécese que os chamamentos se farán por orde de puntuación -de maior a menor- dos candidatos e candidatas de forma rotativa até que se esgote a bolsa para logo volver comezar dende o principio.

Porén, criticou Ramudo, “Correos introduciu nos criterios unhas rotacións nos chamamentos que nada teñen a ver co sistema rotativo estipulado e que ninguén pode controlar”. Deste xeito, o persoal das bolsas descoñece por que número van os chamamentos, a quen lle corresponde o seguinte “ou se foi feito conforme á legalidade”. Neste senso, denuncia que Correos está deixando de chamar a traballadores e traballadoras que figuran nas bolsas de contratación e pasa a cubrir eses postos con “persoas seleccionadas a dedo e que son alleas a estes listados”.

Xunto a isto, dende mediados do mes de maio, Correos está aplicando unha tipoloxía de contrato diferente para as substitucións das vacacións.  Até o de agora, aclara Ramudo, eses contratos facíanse por interinidade en substitución do traballador ou traballadora que collía as vacacións. “Pero dende maio os contratos de vacacións e por permisos retribuídos pasaron a ser de eventualidade por circunstancias da produción, porque non substitúen a ningún traballador/a que estea nunha situación de reserva de posto”.

Isto supón que, se até agora as persoas contratadas tiñan a posibilidade de facer 6 meses de contratos de eventualidade nos últimos 12 meses e, unha vez esgotado este período, podían a maiores facer os contratos dos períodos de vacacións, “de agora en diante isto non vai ser posíbel porque excederían o tempo permitido para eses contratos”.

Ademais, con este método, este verán a maioría das bolsas quedarán esgotadas “porque as persoas inscritas terán os 6 meses cumpridos nos últimos 12 meses e sen posibilidade de facer os contratos das vacacións”.

Fronte a isto, dende a CIG-Correos demándase unha modificación do actual sistema de contratación, tanto no que ten a ver co procedemento como os criterios e as formas de chamamento. “A CIG e o persoal das bolsas esiximos a Correos unha contratación que se rexa polos principios de ética, da xustiza e da transparencia”, aseverou o representante sindical.

A este respecto, lembrou que a CIG xa ten presentado multitude de denuncias diante da Inspección de Traballo e a xustiza, pola falta da información necesaria para poder controlar o proceso dos chamamentos e as irregularidades nas contratacións.

 
Caravana de vehículos pola Coruña para denunciar as irregularidades nas bolsas de contratación de Correos PDF Imprimir Correo-e
Venres, 17 Xuño 2016 22:09
CIG-Correos demanda unha modificación do actual sistema de contratación, tanto no que ten a ver co procedemento como os criterios e as formas de chamamento
A CIG realizou unha caravana de vehículos pola Coruña o pasado sábado para chamar a atención e denunciar as irregularidades da contratación do persoal que se atopa nas bolsas para substitucións de Correos na provincia. A caravana saíu dende a parte posterior do Edificio de Sindicatos na Avda. Alfonso Molina e percorreu as principais rúas da cidade da Coruña até rematar cunha concentración diante do Edificio Principal de Correos na Avda. da Mariña.
16-06-11 caravanaCorreos7

A normativa pola que se rexe a contratación en Correos está recollida no Convenio Colectivo e na Convocatoria das Bolsas de Emprego, ambas de 2012, e nelas estabelécese que os chamamentos se farán por orde de puntuación -de maior a menor- dos candidatos e candidatas de forma rotativa até que se esgote a bolsa para logo volver comezar dende o principio.

Porén, criticou Ramudo, “Correos introduciu nos criterios unhas rotacións nos chamamentos que nada teñen a ver co sistema rotativo estipulado e que ninguén pode controlar”. Deste xeito, o persoal das bolsas descoñece por que número van os chamamentos, a quen lle corresponde o seguinte “ou se foi feito conforme á legalidade”. Neste senso, denuncia que Correos está deixando de chamar a traballadores e traballadoras que figuran nas bolsas de contratación e pasa a cubrir eses postos con “persoas seleccionadas a dedo e que son alleas a estes listados”.

Xunto a isto, dende mediados do mes de maio, Correos está aplicando unha tipoloxía de contrato diferente para as substitucións das vacacións.  Até o de agora, aclara Ramudo, eses contratos facíanse por interinidade en substitución do traballador ou traballadora que collía as vacacións. “Pero dende maio os contratos de vacacións e por permisos retribuídos pasaron a ser de eventualidade por circunstancias da produción, porque non substitúen a ningún traballador/a que estea nunha situación de reserva de posto”.

Isto supón que, se até agora as persoas contratadas tiñan a posibilidade de facer 6 meses de contratos de eventualidade nos últimos 12 meses e, unha vez esgotado este período, podían a maiores facer os contratos dos períodos de vacacións, “de agora en diante isto non vai ser posíbel porque excederían o tempo permitido para eses contratos”.

Ademais, con este método, este verán a maioría das bolsas quedarán esgotadas “porque as persoas inscritas terán os 6 meses cumpridos nos últimos 12 meses e sen posibilidade de facer os contratos das vacacións”.

Fronte a isto, dende a CIG-Correos demándase unha modificación do actual sistema de contratación, tanto no que ten a ver co procedemento como os criterios e as formas de chamamento. “A CIG e o persoal das bolsas esiximos a Correos unha contratación que se rexa polos principios de ética, da xustiza e da transparencia”, aseverou o representante sindical.

A este respecto, lembrou que a CIG xa ten presentado multitude de denuncias diante da Inspección de Traballo e a xustiza, pola falta da información necesaria para poder controlar o proceso dos chamamentos e as irregularidades nas contratacións.

 
CIG-Correos organiza unha caravana de vehículos pola Coruña para denunciar as irregularidades nas bolsas de contratación PDF Imprimir Correo-e
Luns, 13 Xuño 2016 08:47
O sábado 11 de xuño, con saída ás 11:30 horas, dende o edificio de sindicatos
A CIG-Correos ten convocada unha caravana de vehículos para este sábado 11 de xuño, para chamar a atención e denunciar as irregularidades da contratación do persoal que se atopa nas bolsas para substitucións de Correos na provincia da Coruña. A caravana sairá ás 11:30 horas dende a parte posterior do Edificio de Sindicatos na Avda. Alfonso Molina e percorrerá as rúas da cidade da Coruña até rematar cunha concentración diante do Edificio Principal de Correos na Avda da Mariña.
16-06-10 RP CIG Correos

Miguel Ramudo, delegado de persoal da CIG en Correos, explicou que na provincia da Coruña hai 44 oficinas con 135 bolsas de substitucións, nas que están incluídos 389 servizos rurais, con máis de 1.800 contratados e contratadas. A normativa pola que se rexe a contratación en Correos está recollida no Convenio Colectivo e na Convocatoria das Bolsas de Emprego, ambas de 2012, e nelas estabelécese que os chamamentos se farán por orde de puntuación -de maior a menor- dos candidatos e candidatas de forma rotativa até que se esgote a bolsa para logo volver comezar dende o principio.

Porén, criticou Ramudo, “Correos introduciu nos criterios unhas rotacións nos chamamentos que nada teñen a ver co sistema rotativo estipulado e que ninguén pode controlar”. Deste xeito, o persoal das bolsas descoñece por que número van os chamamentos, a quen lle corresponde o seguinte “ou se foi feito conforme á legalidade”. Neste senso, denuncia que Correos está deixando de chamar a traballadores e traballadoras que figuran nas bolsas de contratación e pasa a cubrir eses postos con “persoas seleccionadas a dedo e que son alleas a estes listados”.

Xunto a isto, dende mediados do mes de maio, Correos está aplicando unha tipoloxía de contrato diferente para as substitucións das vacacións.  Até o de agora, aclara Ramudo, eses contratos facíanse por interinidade en substitución do traballador ou traballadora que collía as vacacións. “Pero dende maio os contratos de vacacións e por permisos retribuídos pasaron a ser de eventualidade por circunstancias da produción, porque non substitúen a ningún traballador/a que estea nunha situación de reserva de posto”.

Ler máis...
 
O sector da Autonómica da CIG-Administración denuncia a obriga do persoal da Xunta a ceder os seus datos con fins comerciais PDF Imprimir Correo-e
Xoves, 09 Xuño 2016 19:10
Presentou unha denuncia por esta cuestión diante da Axencia de Protección de Datos por permitir
O sector da Autonómica da CIG-Administración vén de presentar denuncia ante a Axencia Española de Protección de Datos (AEPD) contra a Xunta de Galiza e a empresa certificadora AC CAMERFIRMA S.A., propiedade de Banesto, do Consejo Superior de Cámaras de Comercio e de varias cámaras de comercio españolas, que, sen o persoal sabelo, teñen a súa autorización para usar os seus datos persoais con fins comerciais ou publicitarios.
Xunta de Galiza

Segundo explica o sector da Autonómica da CIG-Administración, a Xunta de Galiza exixe á maioría dos empregados e empregadas do sector público autonómico (DOG 27/05/2011) á obtención e uso da tarxeta criptográfica acreditativa da súa identidade a efectos de control do tempo de traballo, acceso a datos e demais. “A negativa a "solicitar" a obtención da tarxeta supón unha sanción disciplinaria, como xa lle ocorreu a algún compañeiro”, denuncian.

As tarxetas conteñen un certificado dixital que, cunha vixencia de tres anos, están actualmente ou ben xa renovadas ou ben pendentes de renovación. A entidade que emite os certificados renovados é a empresa AC CAMERFIRMA S.A., unha sociedade mercantil participada polo Consejo Superior de Cámaras de Comercio, varias Cámaras de Comercio españolas e o grupo bancario Banesto. Anteriormente, os certificados foran xerados pola entidade pública empresarial Fábrica Nacional de Moneda y Timbre - Real Casa de la Moneda.

No proceso de solicitude do certificado dixital, sexa novo ou renovado, o usuario é redirixido desde o web da Xunta ao web de AC CAMERFIRMA S.A., onde debe consignar unha serie de datos persoais (nome, apelidos, DNI, correo electrónico, unidade administrativa e cargo), e aceptar as condicións que impón a empresa.

Para a lectura das cláusulas desas condicións (que constan de 56 parágrafos, 2.167 palabras), tan só se ofrece unha caixa de texto que non permite visualizar máis de oito liñas, o que dificulta extremadamente a lectura. Unicamente se ofrece a posibilidade de imprimir as condicións no paso posterior, unha vez que xa foi todo aceptado.

Obrigados a aceptar cláusulas de cesión de datos

Entre as condicións que os empregados e empregadas da Xunta se ven obrigados a aceptar (exixidos pola Administración para o desempeño do traballo), figuran as seguintes cláusulas de tratamento e cesión de datos a empresas privadas con finalidade comercial ou publicitaria:

"[..] se le informa de que sus datos personales [..] podrán ser utilizados para informarle de aquellos otros productos o servicios ofrecidos por la AC o la AR y la Cámara Oficial de Comercio, Industria, Servicios y Navegación de España relacionados exclusivamente con las actividades que les son propias dentro del sector de promoción de la actividad empresarial ó de las Administraciones Públicas, y que pudieran resultar de su interés [..]

El Titular [empregado] y el suscriptor [Administración], otorgan su consentimiento para que sus datos sean cedidos a la AR y a la Cámara Oficial de Comercio, Industria, Servicios y Navegación de España quienes los tratarán con la finalidad de mantenerles informado sobre sus actividades propias [..]"

A CIG-Autonómica non cuestiona a idoneidade da tarxeta criptográfica como medio para acreditar a identidade do persoal ao servizo do sector público, pero afirma que “non parece razoable nin proporcionado que a Xunta de Galiza obrigue os seus empregados e empregadas a ceder os seus datos persoais a unha empresa privada ou a un organismo cameral, máis alá do tratamento que sexa estritamente necesario para a propia prestación do servizo de certificación electrónica”.

Neste sentido, sinala que o procedemento utilizado pola Xunta e por AC CAMERFIRMA S.A. para solicitar o consentimento para o tratamento e comunicación dos datos non respecta os mínimos de dereito necesarios regulados polo RD 1720/2007, polo que se aproba o Regulamento de desenvolvemento da Lei orgánica 15/1999, de protección de datos de carácter persoal.

"Se o responsábel do tratamento solicitase o consentimento do afectado [..] para finalidades que non garden relación directa [..], deberá permitir ao afectado que manifeste expresamente a súa negativa ao tratamento ou comunicación de datos.”

Ademais, neste caso, “non se permite ao afectado manifestar expresamente a súa negativa”. Antes ao contrario, as cláusulas de condicións controvertidas están incorporadas a un documento extenso e de escasa lexibilidade, que ten que ser aceptado integramente polo usuario para poder obter un instrumento de traballo exixido pola propia Administración, “so pena de incorrer en responsabilidades disciplinarias”.

Os feitos denunciados poden ser constitutivos de infracción moi grave da Lei orgánica de protección de datos de carácter persoal, por implicar "a recollida de datos de forma enganosa ou fraudulenta".

Por conseguinte, a CIG solicitou á AEPD que inicie procedemento sancionador co fin de cortar a actuación sinalada e que mentres, dite medidas provisionais que requiran á Xunta de Galiza e a AC CAMERFIRMA S.A. para que inmediatamente procedan a parar na utilización e cesión ilícita dos datos, así como á eliminación das cláusulas mencionadas.

Como denunciantes, a CIG solicita á AEPD que se lle notifique toda actuación e resolución que recaia. “Consideramos que polo de agora esta denuncia é abonda, non sendo necesario ningún paso individual”.

 
Persoal laboral concéntranse nos edificios administrativos da Xunta de cada provincia “pola recuperación dos dereitos perdidos” PDF Imprimir Correo-e
Xoves, 09 Xuño 2016 19:10
A protesta foi convocada polo Comité Intercentros
Traballadores e traballadoras laborais da Xunta de Galiza desenvolveron concentracións este xoves diante dos edificios administrativos da Coruña, Ourense, Lugo e Pontevedra en demanda da recuperación dos dereitos perdidos e pola non discriminación que se está a dar entre o propio persoal laboral, a causa da diferentes interpretacións das normativas vixentes.
16-06-09 Concentracion A Corunha1

Na protesta, convocada polo Comité Intercentros do Persoal Laboral, exixiuse a reversión da Lei 1/2012 de medidas no emprego público, especialmente no que se refire á suspensión do artigo 19 do Convenio Colectivo do Persoal Laboral, e a derrogación da disposición adicional décimo cuarta da Lei 1/2014, de 19 de decembro de orzamentos xerais da comunidade autónoma de Galiza para o ano 2015, pola que se suspende o art. 19.1 do convenio colectivo, así como o primeiro parágrafo do punto 3.3.8 do acordo polo que se establecen as condicións especiais de traballo do persoal do servizo de prevención de incendios forestais de Galiza.

Ademais, demandaron a restitución do 100% das retribucións en caso de IT, o dereito a comedor, a compensación por traballo en domingos e festivos, a gratificación por xubilación; etc.

Neste senso, dende o Comité Intercentros lembrouse que as/os empregadas/os públicas/os levan sufrido, desde o ano 2010, todo tipo de recortes  nas súas retribucións, como a diminución do 5% do salario, a supresión de pagas extras de 2013, a eliminación do complemento específico das pagas extras, etc.

Mais tamén unha redución do complemento por incapacidade temporal e do salario por enfermidade; a eliminación dos días de descanso adicional por antigüidade; a redución dos días de asuntos propios; a supresión do dereito a comedor; a eliminación da compensación por traballar en domingos e festivos; ou redución do descanso semanal a día e medio.

A isto hai que engadir a falta de cobertura de vacantes e taxas de reposición insuficientes para que os centros de traballo conten cun cadro de persoal necesario para atender as demandas dos usuarios e usuarias e que garantan a conciliación laboral e familiar dos traballadores e traballadoras.

 
A CIG lanza unha iniciativa a favor da xestión pública do Plan de Pensións da Administración Xeral do Estado PDF Imprimir Correo-e
Luns, 06 Xuño 2016 15:42

O fondo, nutrido basicamente con achegas que se detraen das retribucións do persoal laboral e funcionario, conta cun patrimonio de máis de 600 millóns de euros

A CIG-Administración vén de pór en marcha unha iniciativa para mudar a xestión privada do Plan de Pensións da Administración Xeral do Estado á xestión pública do mesmo. Segundo os últimos datos publicados pola entidade xestora (sociedade participada por BBVA, CCOO e UGT), a finais de 2014 había un total de 601.012 persoas adheridas do Plan de Pensións, que conta cun patrimonio neto de 645.462.429 euros. Que o fondo estea depositado e sexa de xestión pública, alén ofrecer  maiores garantías, suporía que os beneficios da xestión revertan nos ingresos patrimoniais das arcas públicas.
16-06-03 RP AXE

Así o aseguraron a Secretaria Nacional da CIG-Administración, Maricarme López Santamariña, e o Secretario Nacional do Sector do Estado da Federación, Xaime Rey, en rolda de prensa ofrecida este venres na Coruña. Rey explicou que o Fondo de Pensións nútrese basicamente coas achegas que se detraen dos incrementos retributivos estabelecidos nos Orzamentos do Estado para o persoal da Administración.

Por exemplo, se nun ano se acorda unha suba salarial do 2%, unha porcentaxe vai para ese fondo e o resto do incremento pasa á nómina. Até o ano 2010, a porcentaxe da masa salarial destinada ao plan foi do 0.5%, nos anos 2010 e 2011 do 0.3%, e dende o 2012, por mor das limitacións de gasto público, suprimiuse calquera tipo de achega das administracións aos fondos de pensións.

Por defecto, explicou Xaime Rey, todo persoal funcionario e laboral da AXE está adherido a este fondo, “pero se te retiras, perdes a parte do teu incremento salarial destinada ao plan porque non se detraen as cantidades de xeito individual”. Esta cantidade tampouco conta nas cotizacións á Seguridade Social.

Ademais, as persoas adheridas ao plan de pensións poden pactar achegas voluntarias coa entidade depositaria (neste caso o BBVA). “Segundo os nosos cálculos non chega ao 5% o total de traballadores e traballadoras que fan ingresos a maiores. Tendo en conta este dato, xunto co feito de que perdes os cartos se saes do plan, podemos dicir que basicamente somos partícipes forzosos”, engadiu.

A entidade xestora percibe substanciosas comisións

Ler máis...
 
CIG non está disposta a asinar un acordo para a devolución de parte da paga extra de 2013 que a Xunta xa está obrigada a aplicar PDF Imprimir Correo-e
Xoves, 02 Xuño 2016 12:57

A Área Pública considera que se trata dunha proposta electoralista que a central non avala

Como xa tiña anunciado, a CIG non asinou o acordo coa Xunta de Galiza de pagar a parte devindicada da paga extraordinaria do ano 2013, porque non se trata de ningún dereito a negociar, senón dun dereito recoñecido por múltiples sentenzas xudiciais gañadas pola central sindical, que a Xunta ten a obriga de executar. Para a CIG este acordo non supón máis que unha escusa para o goberno de Feijoo poder realizar outro anuncio electoralista.
DefensaSalariosadmonpublica

A derradeira proposta trasladada por Función Pública aos sindicatos contempla o pago da parte devindicada (xaneiro e febreiro) do complemento específico da paga extra de xuño de 2013 durante o ano 2016. Porén, a Área Pública da CIG (Administración, Ensino e Saúde) reitera que non se trata dunha esmola que a Xunta lle regala ás empregadas e empregados públicos en ano de eleccións, senón que se trata dunha parte do salario indebidamente subtraído polo Goberno de Núñez Feijoo ao conxunto do seu persoal.

A CIG-Área Pública non asinou o acordo sindical, pois, como xa anunciara, só está disposta a negociar un texto que recolla o pagamento integro do complemento específico e demais complementos dos anos 2013/14/15/16 (tal e como se lle ten proposto á Xunta en innumerábeis ocasión a través dun Plan de renegociación da débeda salarial), a recuperación de dereitos retributivos, laborais e sociais e a restitución de acordos sectoriais.

Pos iso, volveu reclamar á Xunta de Galiza que cumpra a súa propia Lei de Orzamentos do ano 2013 e pague integramente; e de forma inmediata, o que os xulgados están recoñecendo como dereito a percibir: a parte da paga extraordinaria devindicada dos meses de xaneiro e febreiro do ano 2013. Ademais demanda que fagan efectivas as sentenzas gañadas polo persoal e que non está efectivizando a Xunta de Galiza.

Sobre isto, denuncian o carácter electoralista deste acordo, que nin sequera pasou polos órganos de negociación, senón que se presentou en Comisión de Persoal, algo que ao entender da voceira da CIG-Área Pública, Maricarme López Santamariña, demostra “as presas do goberno de Feijoo por darlle publicidade nos medios”.

As Federación de Ensino, Saúde e Administración Pública consideran unha falta de respecto cara as empregadas e empregados públicos que a Xunta continúe adiando as súas obrigas e teña a ousadía de incluír no  texto do acordo un punto que especificamente contempla que a Xunta se “compromete a recuperar na Lei de Orzamentos para 2017 as dúas pagas adicionais do complemento específico ou retribucións equivalentes”.

Un compromiso que López Santamariña lembra xa se anunciara o pasado ano durante a negociación dos orzamentos para 2016, que xa está recollido na propia Lei de Emprego da Xunta e que se poña nun acordo algo que está recollido en múltiples disposición parécenos cómico e ridículo”. Por outra parte non recolle sequera recuperar definitivamente a totalidade da paga extra.

A CIG tamén rexeita a actitude das organizacións sindicais presentes na mesa xeral que si asinaron este acordo, pois supón avalar as políticas de recorte da Xunta, entrar no xogo  propagandístico do PP e asumir os recortes tanto salariais como de dereitos laborais padecidos polo persoal das administracións públicas galegas ao longo destes anos.

A Área Pública da CIG considera que é inaceptábel que se traslade a un acordo que “a sinatura do presente documento non implica para as organizacións sindicais asinantes a renuncia ás demais reivindicacións que poidan formularse ante a Xunta de Galiza”. “O que faltaba! Acaso cabería preguntarse se se ten que pedir permiso á Xunta para reclamar os nosos dereitos ao recollelo nun acordo”.

A este respecto, cómpre lembrar que se a Xunta de Feijoo se ve agora forzada a reintegrar un terzo da paga extra de 2013 non é porque exista vontade política, senón porque se ve obrigada despois de moitas sentenzas gañadas pola CIG que viñan mesmo impoñendo o pago de costas á administración.

A Área Pública de CIG segue pois reclamando as pagas extras completas dos anos 2013/14/15/16; a recuperación de dereitos retributivos, laborais e sociais e recuperación de acordos sectoriais.

 
Seixo advirte que a mocidade se está a incorporar ao mercado laboral en peores condicións que a xeración anterior PDF Imprimir Correo-e
Martes, 31 Maio 2016 15:20

O Secretario Xeral da CIG interveu nunha conferencia na UdC sobre a non ratificación da Carta Social Europea polo estado español

O Secretario Xeral da CIG advertiu da precarización xeneralizada do mercado laboral por mor das políticas adoptadas dende o inicio da crise. A visibilización clara deste deterioro atopámola no feito de que a xeración de mozos e mozas que se incorporan ao mercado laboral, estano a facer en peores condicións que a xeración anterior.
16-05-27 Conferencia Carta Social Europea (5)

Xesús Seixo lanzaba esta advertencia no marco da conferencia que o pasado venres tivo lugar na UdC para abordar a transcendencia da non ratificación da Carta Social Europea revisada por parte do Estado español e da que a CIG era unha das organizacións colaboradoras.

Na súa intervención, o Secretario Xeral da CIG avaliou o impacto sobre os dereitos socioeconomicos -mais tamén os civís-, que están a ter as medidas adoptadas polos diferentes gobernos españois – a instancias de institucións tan pouco democráticas como o BCE, o FMI ou a CE- dende o inicio da crise no ano 2008.

Seixo, alertou da progresiva perda de dereitos e o retroceso das condicións laborais que se agochan baixo unha batería de medidas tendentes a consolidar un modelo económico e social favorábel aos grandes grupos económicos, en detrimento da maioría social. Reformas en materia de contratación, xornada laboral, modificación substancial das condicións de traballo, prestacións por desemprego, pensións públicas ou negociación colectiva, “coa falsa xustificación de tratarse de medidas de carácter conxuntural e absolutamente necesarias para poder saír da crise”.

Para aplicar estas medidas recorreuse ao argumento de que a crise no estado español tiña moito que ver coas rixideces do mercado laboral “ou con estar a vivir por riba das nosas posibilidades, ocultando deliberadamente as verdadeiras razóns desta crise que transcenden á problemática do mercado laboral e gardan fundamentalmente relación cun modelo económico e financeiro altamente especulativo e concentrador da riqueza”.

Precarización do mercado laboral

Este conxunto de reformas está a provocar unha precarización xeneralizada do mercado laboral, que supera á contratación de carácter temporal e que afecta a todos os sectores da clase traballadora. Así, Seixo aseverou que nos atopamos ante un “verdadeiro atentado ao dereito do traballo”, na media en que este muda como dereito tuitivo  e protector da parte máis débil das relacións laborais, a clase obreira, “para convertelo nunha ferramenta ao servizo da competitividade e do beneficio empresarial”.

Xunto a isto, dáse un retroceso do modelo social e produtivo europeo, cunha consecuencia inmediata: as novas xeracións de mozos e mozas incorpóranse ao mercado laboral en peores condicións salariais, laborais e de protección social, que a xeración anterior; e fano nun momento no que a sociedade ten máis capacidade para xerar riqueza.

A este respecto, denunciou os gravísimos ataques a unha ferramenta básica para a clase traballadora como é a negociación colectiva. As reformas nesta materia aprobadas polos gobernos do PSOE primeiro e do PP despois, implican debilitar esta instrumento, individualizar a atomizar a negociación e debilitar a clase traballadora mudando a correlación de forzas a favor da patronal.

Deste xeito, advertiu o Secretario Xeral da CIG, dificúltase, cando non se imposibilita, a capacidade de resposta das traballadoras e traballadores, á hora de evitar o recorte das condicións laborais que se están a dar na actualidade, mais tamén “á hora de loitar para melloralas no futuro”.

Seixo denunciou que estas medidas teñen vocación estrutural e non conxuntural como se pretende vender dende os gobernos, e que tampouco obedecen a razóns técnicas, senón que teñen un marcado carácter ideolóxico. “Teñen como principal obxectivo o de favorecer o incremento da marxe de beneficios do capital a conta de empobrecer a clase traballadora”, concluíu.

 
A CIG-Área Pública cualifica de “vergoñenta” a proposta da Xunta de devolver a extra de 2013 en dous prazos e dous anos PDF Imprimir Correo-e
Martes, 31 Maio 2016 15:19

A central sindical esixe o pagamento íntegro e inmediato da débeda recoñecida por múltiples sentenzas xudiciais

Logo das múltiples sentenzas condenando a Xunta de Galiza a devolver a parte devindicada da paga extraordinaria do ano 2013, o Goberno galego acaba de presentar unha proposta ás organizacións sindicais para abonar estas cantidades en dous prazos e dous anos diferentes (2016-2017). Unha proposta que a Área Pública da CIG considera un novo engano do Executivo de Feijoo ás empregadas e empregados públicos.
11-12-21 area publica 3

A Área Pública da CIG (Ensino, Saúde e Administración Pública) demanda á Xunta de Galiza que cumpra a súa propia Lei de Orzamentos do ano 2013 e pague integramente o que os xulgados están recoñecendo como dereito a percibir: a parte da paga extraordinaria devindicada dos meses de xaneiro e febreiro do ano 2013.

“Consideramos que é unha vergoña e unha falta de respecto ao seu persoal, a proposta remitida pola Xunta de Galiza para pagar esa débeda en dous prazos e dous anos”, aseveran. Neste senso, á Área Pública da CIG denuncia a “baixa catadura moral da administración dirixida por Núñez Feijoo, a quen non lle tremeu a man para subtraernos ilegalmente parte da paga extra do ano 2013 e que agora parece que lle doe ter que devolver ese diñeiro”.

Dende a CIG-Área Pública critican a falta de negociación real do acordo remitido pola Xunta e que este fora anunciado nos medios de comunicación cun claro obxectivo electoralista. “A CIG non vai entrar a negociar nin a colaborar de ningunha maneira neste novo engano aos traballadores e traballadoras da Xunta”.

Sobre todo, tendo en conta que a Xunta está obrigada, agora, a efectivizar esta débeda, despois dos numerosos xuízos gañados pola CIG, cuxas sentenzas a están obrigando a facer o pagamento desa parte da extra do ano 2013.

Por iso, adiantan que a CIG-Área Pública non entrará a negociar ningún acordo que non recolla o pagamento integro do complemento específico e demais complementos dos anos 2013/14/15/16, a recuperación de dereitos retributivos, laborais e sociais e a restitución de acordos sectoriais.

 
“Ten trascendencia que o Estado español non ratificase a versión revisada da Carta Social Europea?” PDF Imprimir Correo-e
Venres, 27 Maio 2016 09:01

Baixo ese título celebrarase unha conferencia o venres 27 na UdC na que participa , entre os relatores, o secretario xeral da CIG, Suso Seixo

A esta pregunta tratarase de dar resposta o vindeiro venres, día 27 de maio, nunha conferencia que terá lugar, ás 12:00 horas, no Salón de Graos da facultade de Dereito da Universidade da Coruña, na que entre os poñentes figura o secretario xeral da CIG, Suso Seixo. A central sindical é, ademais, unha das entidades colaboradoras no evento.
16-05-25 Charla Carta Social Europea

Na conferencia, xunto a Suso Seixo estará Luís Jimena Quesada, presidente do Comité Europeo de Dereitos Sociais do Consello de Europa entre os anos 2011 e 2014 e catedrático de Dereito Constitucional na Universitat de Valencia.

A presentación correrá a cargo do catedrático de Dereito do Traballo e da Seguridade Social na Universidade da Coruña e director do Instituto de Investigación da Asociación Coruñesa de Dereito Comparado do Traballo e Seguridade Social, Jesús Martínez Girón.

A conferencia está organizada polo Centro de Excelencia Jean Monnet da Universidade da Coruña, a través de Xosé Manuel Carril, profesor titular de Dereito do Traballo e da Seguridade Social e coordinador da actividade número 18, Dereito do Traballo e da Seguridade Social.

Entre as entidades colaboradoras, ademais da CIG, están o Instituto de Estudos Europeos Salvador de Madariaga, UdC e o Instituto de Investigación da Asociación Coruñesa de Dereito Comparado do Traballo e Seguridade Social.

Para explicar as razóns que levan a celebrar esta conferencia, Luís Jiménez Quesada sinala que o Estado español, malia autoproclamarse “Estado social e democrático de Dereito na Constitución está a participar ao nivel máis baixo nese pacto europeo de estabilidade e democracia económica e social que é a Carta Social Europea, posto que aínda non ratificou a versión revisada de 1996 (aínda permanecemos ancorados na de 1961), nin aceptou o Protocolo de 1995 de reclamacións colectivas, en agravio comparativo (en prexuízo das persoas que viven en España) en ambos os supostos con, por exemplo, os nosos países veciños (Francia, Italia e Portugal), que si asumiron ambos os compromisos internacionais”.

 
Sanidade impón servizos mínimos abusivos, superiores ao 53%, para a folga de Inspectores Farmacéuticos PDF Imprimir Correo-e
Luns, 23 Maio 2016 09:18

CIG, CCOO, CSIF e UGT denuncian que impiden e reducen o exercicio do dereito á folga

O acordo sobre o establecemento dos servizos mínimos na folga indefinida convocada por CIG, CCOO, CSIF e UGT para o persoal funcionario do corpo de Farmacéuticos Inspectores de Saúde Pública da Administración Autonómica foi imposíbel ao impoñer unilateralmente a Consellería de Sanidade que foran superiores ao 53%
Xunta de Galiza

Os sindicatos denuncian á Consellería por pretender establecer uns servizos mínimos que cualifican de “claramente abusivos”. Aseguran que o colectivo de Farmaceúticos Inspectores de Saúde Pública se sente dobremente discriminado, primeiro por ter unha estrutura deficitaria que reduce a capacidade de execución ante situacións de risco para a saúde, e segundo, por estes servizos mínimos impostos para xustificar un funcionamento que de xeito ordinario acostuma a desatender.

Aseguran que deste xeito impídese e redúcese o dereito a folga, na que só se deberían establecer o número mínimo de efectivos para cubrir as necesidades no caso de que existise algunha situación de risco inminente para a saúde pública. Ademais “actúa (a consellaría) como un piquete esquirol, presionando aos traballadores do Laboratorio de Saúde Pública de Lugo para realizar quendas de garda na fin de semana, que en circunstancias ordinarias non se realizan”, afirman.

Consideran “lamentábel” a actuación do goberno de Feijoo, que en vez de negociar co persoal inspector impón horas extras ilegais ao persoal do Laboratorio e denuncian que “a estratexia esgrimida pola Consellería, parece máis enfocada a afogar a folga que van levar a cabo os farmacéuticos, en demanda de reivindicacións xustas e xustificadas, que en velar pola Sanidade Ambiental do conxunto da cidadanía”.

Lembran que noutras situacións comprometidas para a saúde pública, a consellería de Sanidade “nunca fixera uso deste Servizo na fin de semana, comprometendo en moitos casos a saúde dos cidadáns”. E denuncian que “agora, diante dunha folga legal, pretende boicotela, primeiro con servizos abusivos e despois con practicas propias de esquirolaxe”.

Diante do posicionamento inamobíbel, adoptado pola Conselleria de Sanidade, as organizacións sindicais CIG, CCOO, CSIF e UGT denunciarán diante dos tribunais a fixación dos servizos mínimos abusivos e deproporcionados, impostos.

 
<< Inicio < Anterior 1 2 3 4 5 6 7 8 9 10 Seguinte > Final >>

Páxina 9 de 47
Joomla Templates at JoomlaShack