Federación de Administración Pública da CIG

Federación de Administración Pública da CIG

Ligazóns sectores

Autonómica
Correos
Xustiza

Ligazons confederacion

CIG - Avantar
Forga
Saúde laboral
Fesga

Procurar no web

Novas
A Xunta inicia o desmantelamento do Centro Galego das Artes da Imaxe PDF Imprimir Correo-e
Luns, 23 Maio 2016 09:16

Propón unha redución de máis do 40% do persoal co que chegou a contar

O Centro Galego das Artes e da Imaxe (CGAI) é o único arquivo audiovisual e filmoteca de toda Galiza. Alberga todas as obras do patrimonio audiovisual e fotográfico galego e asume a responsabilidade do apoio á industria audiovisual. Porén corre o perigo de desaparecer, segundo denuncia o sector da Autonómica da CIG-Administración logo de analizar a proposta de modificación de postos de traballo do AGADIC, enviada pola Xunta de Galiza ás centrais sindicais.
16-05-18 Logo CGAI

A CIG-Autonómica explica que se trata dunha proposta de axuste de persoal “inverosímil” que suporía unha reducción de prazas de “máis do cuarenta por cento do persoal co que o centro da coruñesa rúa de Durán Loriga chegou a contar para o seu normal funcionamento”.

Explican que a situación de deterioro actualmente padecida pola filmoteca galega -que desde a súa fundación mantén a sede nos baixos da Casa da Cultura “Salvador de Madariaga” na cidade da Coruña- responsable por designación administrativa da recuperación, conservación e difusión do patrimonio fotográfico e audiovisual da Galiza, así como do apoio ao sector cinematográfico e audiovisual, “non é produto da improvisación”, nin nace no presente momento.

“A supresión da figura da bibliotecaria, coa conseguinte desaparición do servizo de consulta do seu completo fondo bibliográfico, ou a eliminación do servizo de préstamo do seu fondo audiovisual, do que se fornecía de modo principal o sector do ensino, así como a desaparición doutras tarefas desempeñadas por contratados laborais, constitúen un tan demorado como paulatino acoso e derrubo do Centro Galego das Artes da Imaxe por parte das propias instancias administrativas das que depende”, denuncian.

A isto engaden que a falta de reposto do persoal de programación da filmoteca que non foi cuberta, así como a de parte do resto de persoal anteriormente citado, “súmase agora a tentativa de eliminación da metade do equipo de proxección cinematográfica, quedando así reducida esta función a un único proxeccionista, para as dúas quendas de mañá e tarde do centro, quen ademais, asume múltiples tarefas como responsable técnico da institución”.

Por iso alertan de que a consumación desta drástica eliminación, que supón o 50% de redución de persoal laboral nesta área técnica, “afectará drásticamente ao conxunto da programación do centro e ao resto das tarefas reflexadas”.

Esforzo e dedicación dun equipo diminuído

Aseguran que a permanencia do CGAI débese realmente “ao redobrado esforzo e dedicación do diminuído equipo de traballo que actualmente o conforma. Un equipo que asume, segundo explican, as tarefas dos servizos de arquivo e catalogación (cada vez máis desatendidos como evidencian as torres de caixas e bobinas que se amorean ate o teito); a programación semanal, en dobre sesión diaria, en numerosas ocasións acompañadas de presentacións, conferencias, coloquios e outros eventos mesmo musicais e da índole artística máis heteroxénea, coa presenza de importantes autores, etc...; os ciclos de divulgación cinematográfica para os máis xóvenes, baixo o título de “CGAI Junior”, e as colaboracións con centros de educación en materia de cursos audiovisuais agrupadas en “Cinema en curso”, que eles sós representan a afluencia de máis de 2500 nenos/as e mozos/as ó ano...; a maiores dos pases de prensa, de probas, de equipo de rodaxe para apoio ás diferentes producións audiovisuais en curso na Galiza, ademais dun longo etcétera de imprevistos.

Unha ampla e completa programación anual, que se traduce nun elevado número de proxeccións coa presenza de máis de dez mil espectadores/as, que só resulta posible por mor da decidida entrega laboral do equipo de traballadores e traballadoras que, co seu esforzo e dedicación, suplen o atranco do seu reducido número e que agora a administración galega pretende recortar á mínima expresión.

O sector da Autonómica da CIG-Administración  denuncia o camiño iniciado pola Xunta de Galiza que conduce ao desmantelamento encuberto do CGAI así como a incompatibilidade total desta proposta de recorte de persoal e de funcións co fin para o que foi creado o CGAI no seu momento, e que así se reflexa na presentación da súa páxina web, onde aparece, e citamos textualmente:

Creado por decreto 210/1989 do 5 de outubro da Xunta de Galicia, o CGAI inaugurouse o 15 de marzo do ano 1991, data desde a que vén desenvolvendo as súas actividades nos ámbitos do audiovisual e da fotografía de xeito regular:

As súas funcións no ámbito audiovisual, como institución responsable desde a administración autonómica, son:

A programación de proxeccións, exposicións, conferencias, publicacións, etc. co fin de proporcionar un maior coñecemento das artes da imaxe.

A recuperación, catalogación, custodia e difusión das producións e obras do patrimonio audiovisual e fotográfico galego.

“Sería lamentábel confirmar que todos estes movementos respondesen a unha operación de peche encuberto ou privatización, como moitas veces advertimos e denunciamos na CIG, o que suporía un gravísimo -outro máis- magnicidio cultural”, afirman.

Ameaza para a memoria histórica

Único organismo galego adscrito á Federación Internacional de Arquivos Fílmicos, o CGAI é hoxe, logo de 25 anos de vida, un centro de referencia no ámbito do Estado. A súa desaparición ou confinamento a un mero organismo decorativo, que é o que entenden que a Xunta pretende con esta eliminación de postos de traballo, “constitúe unha grave ameaza para a memoria histórica da Galiza e para a subsistencia do sector audiovisual galego”, conclúen.

 
A CIG chama a participar na manifestación en defensa da lingua o martes en Santiago PDF Imprimir Correo-e
Luns, 16 Maio 2016 09:14

A plataforma Queremos Galego convoca a mobilización polo Día das Letras Galegas

A CIG fai un chamamento a participar este martes 17 de maio, Día das Letras Galegas, na manifestación en defensa da lingua convocada pola plataforma Queremos Galego en Santiago de Compostela. Coa mobilización, que se celebra baixo o lema "O idioma é a vida" e que partirá da Alameda ás 12.00 horas, preténdese reivindicar cambios na lexislación que eviten decretos ou sentenzas contra o idioma propio do país. A central amosa a súa satisfacción polo feito de que as Letras Galegas deste ano se lle dediquen a Manuel María, escritor lucense que ademais de salientar pola súa extensa e valiosa obra literaria fíxoo pola súa militancia sindical, política, cultural e de defensa da lingua.
2016 05 17 2016 05 17 CartazManifaQueremosGalego

O lema escollido para esta convocatoria é “O idioma é a vida”, recollendo un verso do coñecido poema “A fala” de Manuel María, autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2016. Dende a CIG amosan a súa satisfacción polo feito de que a edición deste ano se lle dedique ao escritor lucense, que ademais de salientar pola súa extensa e valiosa obra literaria fíxoo pola súa militancia sindical, política, cultural e de defensa da lingua.

O seu compromiso co nacionalismo galego chegou a converterse en materia literaria e deixou pegada en moitas das súas composicións, de igual xeito que a súa concepción dialéctica da sociedade. Por exemplo, no libro “Poemas pra construír unha patria”, de 1977, aborda a importancia de contar con sindicatos de clase para defendérmonos da explotación capitalista e colonial.

 

Poema/Democrático/G/Sindical

O SINDICATO é o noso único

lar posíbel,

fogar

que nos defende contra a

esplotación/capitalista

C--O--L--O--N--I--A--L;

arma que empregamos

pra loitar contra os

nosos nemigos;

vencello que

nos xungue como clase e

nos fai sentir povo

concencia=alerta=coleutiva.

Un home só non é ninguén.

Nada pode un home só.

O

individualismo é sempre

pernicioso/insolidario,

E--G--O--I--S--T--A.

Por eso louvo ó SINDICATO

UNICO=GALEGO=DEMOCRATICO.

Fago un chamamento

apaixoado, con toda a forza

que tén a miña voz, pra que

o meu povo,

O NOSO POVO

COLONIZADO/NEGADO/ASOBALLADO

forme

SINDICATOS VERDADEIROS

que resposten únicamente

ás necesidás i aspiraciós

que tén prantexadas a clase

OBREIRA/LABREGA/MARIÑEIRA

semente e mais raigaña

do P--O--R--V--I--R

CEIBE/PROLETARIO DE GALICIA.

 
Presentan no rexistro da Xunta un informe no que se evidencia o grave deterioro que sofren os centros de atención directa PDF Imprimir Correo-e
Venres, 13 Maio 2016 08:33

Representantes do Comité de Empresa solicitaron ademais unha entrevista co conselleiro de Política Social para explicarlle a situación

Representantes do Comité de Empresa de Política Social da Coruña, acompañados polo secretario xeral da CIG, Suso Seixo, e polo Secretario Nacional do Sector Autonómica FSP-UGT Galicia, José Vázquez González, presentaron este mércores, no rexistro xeral da Xunta de Galiza, o Informe sobre situación dos Centros de Atención Directa (residencias de maiores, centros de menores e CPAD da Coruña), dependentes da consellaría de Política Social na provincia da Coruña.

Coincidindo co acto de presentación do informe as e os membros do comité de empresa e os representantes sindicais concentráronse ás portas do rexistro, no edificio administrativo da Xunta, en San Caetano, para denunciar a situación de deterioro e abandono destes centros. Unha situación que, segundo explicaron, ten chegado a un punto “alarmante”, a consecuencia dos recortes e da non cobertura de postos de traballo que “ameazan a calidade das prestacións e o mantemento dos servizos básicos a prestar aos usuarios”.

Xunto a isto denunciaron que durante os dous mandatos de Nuñez Feijoo “non se abriu ningunha residencia de maiores, ningún centro de menores, nin ningunha escola infantil. Nestes anos de goberno do PP, todo foron privatizacións e recortes para os orzamentos dos centros de atención directa”.

O Presidente do Comité de Empresa, José Manuel López Viqueira, foi o encargado de presentar o informe, no que se detallan punto por punto as graves carencias que están a ter as Residencias da Terceira Idade, Centros de Menores e CAPD da Coruña. Carencias que foron recollidas centro por centro e verificadas polos representantes dos traballadores no Comité de Empresa.

A este respecto, Lopez Viqueira asegurou que nestes centros falta de todo "dende lavalouzas que non funcionan e obrigan a lavar a louza a man, até falta de guindastres, arneses e baños xeriátricos" e incidiu especialmente en que "o informe mostra a situación real e non a pompa e boato publicitario co que Nuñez Feijoo e Rey Varela adornan a neglixencia e a incuria coa que se xestionan os centros de atención directa de Política Social na provincia da Coruña".

O informe foi remitido ao conselleiro de política social, Rey Varela, ao que ademais solicitaron unha entrevista para poderlle explicar, directamente, tanto esas carencias como as condicións de sobreexplotación e perigosidade nas que está a traballar o persoal laboral.

O comité de empresa agarda que o conselleiro, unha vez coñecida e valorada a situación dos centros que se refiren no Informe, tome as medidas oportunas para solucionar a problemática e proceda a dotalos das infraestruturas, medios e persoal necesario para o seu funcionamento.

 
A CIG denuncia falta de organización na Policía Local do Carballiño pola ausencia dunha cadea de mando efectiva PDF Imprimir Correo-e
Xoves, 12 Maio 2016 21:21

Os propios axentes traladáronlle ao alcalde o seu malestar polo funcionamento do servizo

A federación de Administración da CIG de Ourense vén de denunciar a falta de organización existente na Policía Local do Carballiño despois de que os propios axentes lle trasladasen ao alcalde o seu malestar polo funcionamento do servizo. Os problemas no corpo policial prodúcense ao non existir unha cadea de mando clara e efectiva, “o que pode dar en situacións de inseguridade”.
Concello Carballiño

A CIG-Administración ten constancia de que en días pasados a totalidade dos membros da Policía Local que traballan a quendas no Concello do Carballiño tiveron unha xuntanza co alcalde e co concelleiro responsábel para manifestarlle o seu descontento co funcionamento do servizo.

“Este malestar ben dado por que non existe unha cadea de mando clara e efectiva, atopándose o servizo en quendas de traballo onde non existe unha xefatura efectiva no corpo, o que pode dar a situacións de inseguridade”, sosteñen.

Lembran na relación de postos de traballo do servizo de Policía Local existía a figura de sarxento/a, coas funcións de xefe/a, figura que foi amortizada e que provocou que a xefatura se crease a través dun decreto de Alcaldía, “onde non se respectan os principios de igualdade, mérito e capacidade”. Diante disto, esixen que se anule decreto e se convoque a cobertura da xefatura a través de criterios obxectivos.

“Atopámonos con que nestes momentos non se sabe cando e como está de servizo a xefatura, xa que non existe unha planificación de quendas de traballo onde figure incluída, algo imprescindíbel para o bo funcionamento do servizo”, indican.

Así, solicitan o establecemento dunhas quendas de traballo anuais onde figure a presenza e horario da xefatura do servizo, cubrindo as diferentes quendas de traballo. “Entendemos que como tal ten unha dispoñibilidade que excede o traballo habitual, pero ten que estar claro que presenzas persoais ten en quendas de mañá, tarde ou noite, porque o que non pode pasar é que non se saiba en ningún momento cando vai a estar dispoñíbel ou que na semana estea unicamente dous días sen ningún tipo de xustificación”.

Ao mesmo tempo, critican a disfunción que existe a día de hoxe cos vehículos do servizo, onde os 12 axentes que están a facer servizos a quendas están a utilizar vehículos con diferentes problemas mecánicos, “cando outros que están en perfectas condicións non se sabe que uso se fai deles”.

Por outra banda, e como xa denunciaron en diferentes ocasións, continuan sen ter un reparto obxectivo dos diferentes conceptos de produtividade, “polo que non entendemos que despois dun ano cun novo Goberno municipal non se teña artellado aínda un sistema retributivo obxectivo entre todos/as os membros do servizo”.

 
A CIG demanda dos grupos parlamentares iniciativas en defensa da negociación colectiva en Galiza PDF Imprimir Correo-e
Martes, 10 Maio 2016 08:43

Reuniuse esta mañá con representantes do BNG e AGE que manifestaron o seu apoio ás demandas da central sindical

Unha representación da Executiva da CIG reuniuse este luns con representantes dos grupos parlamentares do BNG e AGE para alertar do grave deterioro que sofre a negociación colectiva en Galiza e solicitar a presentación de iniciativas en defensa dun Marco Galego de Relacións Laborais. Ambos os grupos manifestaron o seu apoio ás propostas da central sindical que está pendente de manter xuntanzas tamén, ao longo desta semana, co PSOE e co Grupo Mixto. O único que non contestou aínda foi o PP.
16-05-09 Parlamento negociacion colectiva 001

O secretario xeral da CIG, Suso Seixo, que foi acompañado polo secretario confederal de Finanzas, Ramiro Oubiña, explicou que os cambios introducidos nos anos 2011 e 2012 polos sucesivos gobernos españois na normativa legal a través do Real Decreto Lei 7/2011, Real Decreto Lei 3/2012 e a Lei 3/2012, supuxeron unha modificación moi importante do Estatuto dos Traballadores en materia de negociación colectiva, en temas fundamentais como a aplicación e interpretación do convenio colectivo, a flexibilidade interna, a estrutura da negociación colectiva, a lexitimación para negociar ou a concorrencia, prevalencia, contido e vixencia dos convenios colectivos.

Seixo sinalou que a prioridade dos convenios de empresa fronte aos de sector podendo rebaixar o que estes recollen, o limitar a ultraactividade dos convenios a un período máximo dun ano, a facilidade ou a liberdade das empresas para non aplicar un convenio colectivo, “teñen xerado un panorama realmente desolador”.

Para exemplificalo explicou que “o contido dos convenios empeorou; os salarios nuns casos diminuíron, noutros quedaron conxelados e noutros tiveron uns incrementos ridículos; cada vez, inaplícanse máis convenios ou simplemente non se negocian e increméntanse as desigualdades salariais entre traballadores e traballadoras dunha mesma empresa e mesmo entre empresas dentro dun mesmo sector”.

Esta é, segundo o secretario xeral da CIG, a “dura realidade” que evidencia en que medida estas reformas da negociación colectiva están a prexudicar os intereses da clase traballadora xerando un marco de negociación claramente desequilibrado a favor dos intereses da patronal. “Estamos a falar, pois, de cambios na normativa laboral, feitos conscientemente polos gobernos españois correspondentes, coa finalidade de provocar unha caída xeneralizada dos salarios, dividir a clase traballadora pola vía da atomización dos convenios e a individualización da negociación das condicións laborais, en definitiva, matar o principal instrumento de participación e de conquista de melloras salariais e laborais  que teñen os traballadores e traballadoras”, afirmou.

Ler máis...
 
Axentes medioambientais alertan de que o dispositivo contra incendios forestais non está preparado PDF Imprimir Correo-e
Mércores, 04 Maio 2016 11:45

Os e as profesionais revén unha campaña de verán “complicada” en Galiza

A piques de cumprirse unha década do triste e fatídico verán do 2006, cando os incendios forestais arrasaron os montes galegos, as e os Axentes Medioambientais veñen de alertar dunha campaña de verán complicada porque, segundo afirman, o dispositivo non está preparado para afrontar unha vaga de incendios forestais como a de aquel ano.
incendio forestal 01

As e os Axentes Medioambientais denuncian que no canto de profesionalizar o dispositivo único e público, volven atoparse no monte con empresas privadas, brigadas municipais, empresas semipúblicas, Protección Civil, militares, Bombeiros profesionais, etc..., todos eles baixo a responsabilidade dos Axentes Medioambientais nos incendios forestais.

“Todo este abano de diferentes medios fai pensar que a Xunta de Galiza  está derivando a súas responsabilidades cara ás empresas privadas e outras administración públicas, e descargando a extinción dos lumes en medios alleos á Administración galega, como é o caso da UME”.

O anuncio dunha campaña complicada vén avalada pola ampla experiencia dos Axentes Medioambientais, xa que son os que dirixen a extinción do 99% dos lumes de Galicia. Condicións climatolóxicas adversas, vento forte do nordés e previsións de bo tempo fan que en pleno mes de maio se produzan incendios coma os acontecidos neste fin de semana pasado. “Lumes coma o do concello coruñés de Negreira que debido ás circunstancias climatolóxicas antes anunciadas propiciou que superara as 50 has. Ademais deste sucedéronse nesa mesma fin de semana lumes de menor importancia, coma foi o caso dos ocorridos nos concellos coruñeses de Lousame, Santiago e Cedeira e nos concellos pontevedreses de A Cañiza e Covelo”, explican.

Estes lumes amosan, ao seu entender, a alta actividade incendiaria que se ben dando asociada ao bo tempo. Por iso pídenlle ao Goberno autonómico que se aumente o número de efectivos para poder afrontar unha previsible campaña complicada, unha volta cara a un modelo público e profesional de extinción, así como unha suficiente e operativa dotación de medios.

Lembran que o dispositivo contraincendios está mermado e piden que se cubran as xubilacións e as baixas do persoal laboral e funcionario do SPDCIF, que é o que soporta o maior número de incendios de toda a península, especialmente no caso da provincia de Ourense.

 
O paro medra en Galiza nove veces máis que no conxunto do Estado PDF Imprimir Correo-e
Luns, 02 Maio 2016 11:21

O noso país contabiliza 227.900 desempregados/as, 5200 máis que no período anterior

Segundo os datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) do primeiro trimestre de 2016 feitos públicos hoxe, o paro subiu en Galiza en 5200 persoas, un 2,31% máis con respecto ao período anterior, malia caer a poboación activa e a poboación ocupada. Trátase dun incremento nove veces superior ao rexistrado no conxunto do Estado, onde o desemprego medrou un 0,25%. Para a CIG, estas cifras constatan a gravidade da situación laboral do noso país, evidencian o fracaso das políticas económicas do PP e contrastan coas mensaxes electoralistas da Xunta e do Goberno español.
2010 12 07 folga cine fraga vigo3

Os datos da EPA do primeiro trimestre de 2016 constatan un incremento do número de persoas desempregadas, respecto do trimestre anterior, en 5200 (un 2,31% máis), o que sitúa a taxa de paro no 18,2%, cinco décimas máis. Deste xeito, o número total de galegos/as en situación de desemprego acada os 227.900. Isto supón que a taxa de paro medrou no noso país até nove veces máis que no conxunto do Estado, onde a subida foi do 0,25%.

Para a CIG é especialmente alarmante que se produza este incremento cando, parello a isto, cae o número de persoas activas en 6.200, situándose a taxa de actividade no 53,1%, e cae tamén o número de persoas ocupadas en 11.400, acadando unha taxa de ocupación do 43,5%.

A situación é tanto máis grave se a comparamos co mesmo trimestre do ano 2009, ao comezo da crise. Datos que poñen de relevo o deterioro que sufriu o mercado laboral. A poboación galega de 16 anos ou máis era daquela de 2.387.500 persoas; hoxe é de 2.351.100 persoas (82.100 menos). Había un total de 1.331.100 persoas activas, cando hoxe son 1.249.000, co que se reduciu en exactamente o mesmo número de persoas en idade de traballar (-82.100).

Porén, reduciuse en moita maior medida o número de persoas ocupadas, que en 2009 era de 1.168. 500, cando hoxe son 1.021.100, unha caída de nin máis nin menos que 147.400 persoas ocupadas. E o número de desempregados/as, que daquela era de 162.700 é hoxe de 65.200 máis. A este desolador panorama hai que lle engadir que respecto do último trimestre de 2015, o número de fogares no que todos os seus membros activos están no paro incrementouse en 5100, situándose en 80.200.

Segue a medrar a temporalidade

Ler máis...
 
A clase traballadora ateiga as rúas do país no 1º de Maio para rexeitar as reformas laborais e a lei mordaza PDF Imprimir Correo-e
Luns, 02 Maio 2016 11:20

O secretario xeral da CIG, Suso Seixo, esixiu a derrogación dunhas medidas que precarizan o emprego e criminalizan a resposta social contra os recortes

A clase traballadora galega ateigou as rúas das principais cidades e vilas do país convocada pola CIG este domingo 1 de maio, Día Internacional da Clase Obreira, para rexeitar as reformas laborais e a lei mordaza. O secretario xeral da central nacionalista, Suso Seixo, que participou na manifestación de Vigo -que novamente foi a máis numerosa do país con arredor de 10.000 asistentes-, esixiu a derrogación dunhas medidas que precarizan o emprego e criminalizan a resposta social contra os recortes.
2016 05 01 ManifaPrimeiroMaioVigo01

Galería de imaxes de Vigo

Galería de imaxes da Coruña, Lugo, Ferrol, A Mariña e Cee

Galería de imaxes Compostela

Galería de imaxes de Pontevedra e Cangas

Galería de imaxes de Ourense

Vídeo da Coruña

Os traballadores/as galegos/as secundaron de xeito masivo unha vez máis o chamamento feito pola CIG para conmemorar o Primeiro de Maio, data que simboliza a loita do proletariado de todo o mundo para rematar coa explotación de clase, mellorar as súas condicións de vida e conquistar unha sociedade xusta, libre e igualitaria.

A marcha central, que tivo lugar en Vigo, foi novamente a que rexistrou unha maior participación das 13 convocadas nas principais cidades e vilas do país baixo o lema 'Reformas laborais e lei mordaza, anulación xa'. Durante o percorrido, no que participaron distintas organizacións políticas e sociais e que congregou arredor de 10.000 persoas, as consignas máis coreadas foron “A crise social que a paque o capital”, “Nas empresas e na rúa a loita continúa”, “Feijóo cacique Galiza vai a pique”, “Banca e patronal, ladróns por igual” e “Queremos traballar e non emigrar”.

Ao remate da mobilización, xa na Porta do Sol, tomou a palabra o secretario comarcal da CIG-Vigo, Alberto Gonçalves, para denunciar que as reformas laborais aprobadas polo PP en 2012 e polo PSOE en 2010 “comparten unha mesma lóxica de precarización, de recorte de dereitos e de empobrecemento da clase traballadora e responden ao mesmo programa de saqueo que ditan a Unión Europea e a Troika para aumentar a nosa explotación”.

Incidiu tamén na importancia de continuar coas mobilizacións até lograr que sexan derrogadas e sinalou que a CIG non pode aceptar que se traizoen os milleiros e milleiros de traballadores/as que nestes anos “fixeron Historia con maiúsculas” con folgas xerais masivas “que demostraron a capacidade de resposta da clase obreira”.

Intervención do secretario xeral

O encargado de pechar o acto, antes da interpretación da Internacional e do himno galego, foi o secretario xeral da CIG, Suso Seixo. O máximo responsábel da central nacionalista artellou a súa intervención arredor de cinco grandes temas.

En primeiro lugar, repasou as principais consecuencias da aprobación das sucesivas reformas laborais: abaratamento dos despidos individuais e colectivos, redución das prestacións por desemprego, caída xeneralizada dos salarios, incremento da xornada laboral e da precariedade e debilitamento da negociación colectiva. Segundo denunciou, estas reformas constitúen o maior ataque contra os dereitos e intereses da clase traballadora dende a transición, “e foron levadas adiante coa única finalidade de debilitar a clase traballadora e incrementar o poder e os beneficios do capital”.

A continuación abordou a Lei de Seguridade Cidadá, coñecida popularmente como Lei Mordaza, promovida polo PP para reprimir a contestación social contra as súas políticas antisociais e antiobreiras. “É unha lei antidemocrática, un instrumento represivo en mans da Policía e da dereita que pode ser usado de forma arbitraria e discrecional contra aquelas persoas e organizacións que resulten molestas por opoñerse ás políticas promovidas dende o poder”.

Despois denunciou o trato que a Unión Europea está a dar ás milleiras persoas refuxiadas que buscan protección en Europa fuxindo, na maioría dos casos, das guerras que se producen nos seus países de orixe. “Trátase de seres humanos que foxen de escenarios de miseria ou de perigo de morte, provocados polas políticas imperialistas da UE e dos seus aliados para favorecer os intereses xeoestratéxicos e económicos do capital transnacional”. Diante disto, esixiu a anulación inmediata do acordo entre a UE e Turquía e o máximo respecto polos dereitos destas persoas.

Rematar co sistema capitalista

A seguir reivindicou o dereito de Galiza a decidir sobre o seu futuro como nación no marco do Estado español e da Unión Europea e amosouse convencido de que o noso país non ten futuro mentres dependa de forzas políticas e de institucións políticas e financeiras españolas “que non só non van facer nada por mudar a realidade política e económica que padecemos, se non que van seguir traballando e lexislando para que Galiza siga a cumprir o papel dunha nación dependente e periférica, economicamente falando, e sometida cultural e politicamente”.

Neste senso, apostou por que o nacionalismo se converta nun movemento político e social maioritario no noso país xa que “calquera proceso revolucionario, de transformación política, económica e social no Estado español só vai vir da man e do exercicio da soberanía por parte das nacións que formamos parte del”. Tamén aproveitou para denunciar o acoso do Estado español contra o nacionalismo galego vía ilegalización de organizacións políticas e represión daqueles símbolos que nos identifican como pobo”.

Finalmente, fixo fincapé na necesidade de mudar o actual modelo económico e social capitalista. Lembrou que o 1º de Maio, Día do Internacionalismo Proletario, celébrase para poñer en valor a solidariedade dos traballadores/as de todas as nacións do mundo na loita común pola súa emancipación como clase e que o sistema capitalista no que vivimos representa xustamente o contrario. “Estamos a falar dun sistema que fomenta a insolidariedade; a desigualdade; a incultura; o feminicidio; a opresión dos pobos; a negación do carácter universal de dereitos fundamentais como o ensino, a saúde, o traballo, a vivenda, a enerxía ou as pensións; o confronto entre pobos e seres humanos; e a explotación do home polo home”.

Seixo rematou o seu discurso renovando o compromiso e a determinación da CIG de seguir a loitar por superar este modelo capitalista e facer realidade un novo sistema económico e social en Galiza que faga realidade a emancipación social e nacional da clase obreira galega.

 
A CIG convoca mobilizacións para o Primeiro de Maio baixo o lema “Reformas laborais e lei Mordaza, anulación xa!” PDF Imprimir Correo-e
Xoves, 28 Abril 2016 08:34

Denunciará ademais, nas 13 manifestacións previstas, as políticas da UE, nomeadamente o comportamento inhumano en materia de refuxiados/as

A CIG presentou este luns os contidos da campaña do Primeiro de Maio, Día Internacional da Clase Obreira, e o documento no que se recollen as principais demandas que a central sindical dirixe ao goberno que se conforme no Estado español. Demandas que se concretan precisamente no lema escollido “Reformas laborais e lei mordaza, anulación Xa!” e que se acompañan coa denuncia das políticas antisociais da UE e do seu carácter proimperialista.
16-04-25 RP Primeiro de Maio

O secretario xeral da CIG, Suso Seixo, que compareceu acompañado polo secretario confederal de Comunicación, Francisco Miranda Vigo, explicou, que a central sindical exixe a derrogación das contrarreformas laborais que levaron adiante primeiro o PSOE e posteriormente, con máis intensidade, o PP. Contrarreformas que foron impostas “so pretexto de que a entrada na crise tiña que ver coas rixideces do mercado laboral e que era necesario rematar con elas para saír da mesma”.

Denunciou que isto provocou que se promoveran toda unha serie de medidas que no fondo o que perseguían era a precarización xeneralizada das condicións laborais e unha caída tamén xeneralizada dos salarios. “Buscaban ir cara un modelo de relacións laborais cada vez máis individualizado, prexudicando claramente á clase traballadora, na medida en que así se debilitaron tanto as súas condicións laborais como a súa capacidade de resposta fronte a patronal”.

Sinalou que estas contrarreformas supuxeron a flexibilidade na contratación; a modificación substancial das condicións de traballo; facilitar o despedimento tanto de carácter individual como colectivo; facilitar ás empresas o incumprimento dos convenios e mesmo facilitar que moitos deses convenios acaben caendo se non se negocien, como está a pasar agora, ao suprimir a ultraactividade”.

Toda unha serie de medidas que, denunciou, provocaron unha caída moi importante dos salarios, o incremento da precariedade laboral, da contratación a  tempo parcial e unha “fraude enorme” porque “moitos dos contratos a tempo parcial son en realidade contratos a xornada completa porque se obriga a traballadoras e traballadores a facer xornada completa cando teñen asinado un contrato por media xornada e mesmo por menos”.

A isto engadiu que se legalizou todo o que ten quen ver cos falsos autónomos, a través da creación da figura do autónomo economicamente dependente. “Unha figura que fai que a incorporación da xente nova, en moitos casos, sexa en bastante peores condicións que as que tiñamos xeracións anteriores”.

Para o secretario xeral da CIG estas contrarreformas levaron, non só á precarización das condicións laborais, senón tamén a deixar á clase traballadora en moito peores condicións para responder a calquera tipo de recorte nos nosos dereitos.

Ler máis...
 
A CIG denuncia o acordo asinado por CCOO, CSIF, UGT e Función Pública porque anula parte do V Convenio Colectivo PDF Imprimir Correo-e
Luns, 25 Abril 2016 08:41

O acordo afecta á promoción interna da OPE 2016

A CIG-Administración Autonómica presentou unha demanda no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza contra o acordo que deixa sen efecto un artigo do convenio colectivo do persoal laboral da Administración Autonómica que afecta á promoción interna da Oferta de Emprego Público para o ano 2016.
Xunta de Galiza

A demanda da CIG-Autonómica vai contra os puntos primeiro, segundo e terceiro do acordo asinado o 24 de febreiro de 2016 por CCOO, CSIF e UGT con Función Pública, onde deixan sen efecto para a Oferta Pública de Emprego de 2016 parte do V convenio colectivo.

Nese senso, dende o Sector de Autonómica da CIG aclaran que o denunciado foi á modificación do artigo 9 do V Convenio Colectivo do persoal laboral da Xunta de Galiza a través dun acordo que a CIG considera ilegal. Este artigo rubricado “Quenda de promoción interna e cambio de categoría”  dispón, ou máis ben dispoñía, na súa alínea 4 que: “As vacantes non cubertas por esta quenda acumularanse á quenda de acceso libre”.

"Con esta alteración do convenio colectivo as prazas de promoción interna que non se cubran, elimínanse, de xeito que se o Tribunal dun proceso selectivo aproba a menos persoas candidatas que prazas na quenda de promoción interna, estas desaparecen sen acumularse á quenda libre, en contra do pactado entre os sindicatos asinantes do convenio colectivo e a Xunta de Galiza", engaden.

A CIG denuncia que o citado acordo que altera o convenio colectivo non foi obxecto de negociación polo Comité Intercentros, que é o  órgano competente para a negociación do convenio (art. 46.6.a do V convenio).

Asemade, non se constituíu comisión negociadora (art. 89.1 Estatuto dos Traballadores) nin foi presentado para rexistro perante a autoridade laboral (art. 90.2 ET) nin foi obxecto de publicación oficial (art. 90.3 ET)  no “Diario Oficial de Galicia”, como se ten feito en ocasións anteriores nas que se modificou o convenio.

Coa sinatura deste acordo estase tamén a inflar a oferta de emprego público de 2016 coa incorporación de prazas ofertadas en anos anteriores e que non foron convocadas en tempo.

O sector da Autonómica censura que "CCOO, CSIF e UGT permiten con este acordo que non haxa unha promoción interna real e efectiva naqueles grupos e categorías cunha maior demanda, como son os grupos I e II".

Ao tempo, co que cualifican de "vergoñenta submisión", permiten que nunha categoría xa convocada como é a de ordenanza non exista promoción interna, "é dicir, toda aquela persoa que tiña aspiracións a promocionar dentro do grupo V para a categoría de ordenanza, pola incompetencia e complicidade destes sindicatos coa Administración, non o vai poder facer".

"Grazas á colaboración destes “sindicatos” co goberno do Partido Popular,  non se garante en ningún momento a convocatoria da OPE 2016, tal e como aconteceu coa OPE 2015 que non se convocou". Dende a CIG-Autonómica lamentan que estas organizacións sindicais participen do xogo de "demagoxia e manipulación" do goberno do PP.

Dende a CIG esíxese a convocatoria do 100% das prazas vacantes, que se respecte o Convenio Colectivo, que se faga unha promoción interna real, e que as prazas non cubertas por esa quenda se acumulen á oferta libre.

 
A Área Pública da CIG demanda da Xunta que acate as sentenzas e pague a parte devengada da paga extra de 2013 PDF Imprimir Correo-e
Luns, 25 Abril 2016 08:36

Denuncia que está obstaculizando o funcionamento da Xustiza e incumprindo a súa propia lei

Representantes da Área Pública da CIG –CIG-Aministración; CIG-Saúde e CIG-Ensino- compareceron esta mañá en rolda de prensa para demandar da Xunta de Galiza que acate as sentenzas que a obrigan a pagar a parte devengada da paga extra do ano 2013. Xunto a isto, exixiron que se paralice dunha vez a dinámica xudicial na que está inmersa para aforrar os custos e recursos públicos derivados dos “pleitos sen sentido aos  que está recorrendo contra o seu propio persoal”.
16-04-22 RP Area Publica paga extra

A secretaria nacional da CIG-Administración, e portavoz da Área Pública da CIG, María Carme López Santamariña explicou que para o persoal laboral, nos anos 2014 e 2015 o TSXG, foi ditando sentenzas favorábeis aos conflitos colectivos relativos ao persoal laboral da Xunta de Galiza, Universidades galegas, e entes o organismos públicos dependentes da administración pública galega. Sentenzas que foron recorridas pola administración e que vén de ratificar o Tribunal Supremo.

“Temos constancia xa de que o Supremo recoñeceu en firme o dereito a cobrar a parte devengada da extra de 2013 do persoal de Portos de Galiza, persoal do V Convenio da Xunta, INGACAL, IGAPE, Fundación para o Fomento da Calidade Industria e Consorcio Galego de Benestar Social”, explicou López Santamariña, quen matizou a respecto do Consorcio que este organismo foi o único que xa anunciou a súa intención de pagar de oficio a parte devindicada, tras da sentenza do Tribunal.

Persoal funcionario

Respecto do persoal funcionario sinalou que o longo do ano 2015 e deste estanse recibindo numerosas sentenzas de distintos xulgados do contencioso que recoñecen tamén o dereito a percibir a parte devengada ata 1 de marzo de 2013 tanto de persoal docente como persoal estatutario do SERGAS, da administración xeral e universidades, entre outros. “Hai ademais 5 sentenzas que recoñecen o dereito a cobrar a extra completa”, subliñou a secretaria nacional de CIG-Administración.

López Santamariña salientou ademais que hai uns días o TSXG emitiu unha sentenza que confirma o recorte ilegal feito pola Xunta de Galiza e ratifica a sentenza ditada polo contencioso. “Despois desta sentenza non cabe dúbida sobre o dereito a percibir a parte proporcional devengada do complemento específico da paga extra de 2013 para todo o persoal que depende da Xunta”, afirmou.

Respecto desta cuestión a secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín, engadiu que a propia xustiza estalle dicindo á Xunta que “ten que cumprir as súa propia lei de orzamento de 2013, aprobada no parlamento, e que en base a esa lei, que entrou en vigor o 1 de marzo dese ano, as traballadoras e traballadores públicos teñen dereito a percibir a parte do complemento específico devengado nos meses de xaneiro e febreiro”.

Abuín matizou ademais que por cada día traballado o persoal dependente da administración pública galega ten dereito a percibir un día de salario e 1/180 de paga extra.

A día de hoxe a Área Pública da CIG ten pendentes máis de 1.000 reclamacións e recursos. “Á vista das sentenzas que se están ditando é un absurdo que a administración obrigue a continuar co trámite xudicial tendo en conta que todas as resolucións relativas a esta cuestión van no mesmo sentido”.

Por iso Anxo Louzao, secretario nacional da CIG-Ensino, denunciou que “estamos ante unha actuación irresponsábel, despilfarradora e insubmisa ás resolucións xudiciais, que se fora imputábel a calquera cidadán tería consecuencias penais, na medida en que no ámbito xudicial está resolto este conflito mentres que é a Xunta quen está decidida a incumprilo”.

Unha situación que o levou a exixir que “cese nesta actitude, que supón obstaculizar o traballo da Xustiza e sobrecargar de traballo os xulgados, obrigando ademais os seus traballadores e traballadoras a recorrer individualmente”.

Custos para a administración

A Área Pública da CIG denunciou, diante disto, os custos nos que o goberno do PP está metendo a administración ao optar por recorrer as sentenzas que logo chegan de volta en firme e con imposicións de  costas que van entre os 100 e os 400 euros. “Facendo unha aproximación, se todo o persoal da administración galega –arredor de 100.000 traballadores e traballadoras- fixeran a demanda nos atopariamos cuns 20 millóns de euros só en concepto de costas”.

Ademais de reclamar o pagamento do adebedado de 2013 de oficio, cuestión para a que a Área Pública xa solicitou unha entrevista co conselleiro de Facenda, reiterou que a CIG seguirá demandando que “nos devolvan tamén o roubado nos anos 2014, 2015 e 2016.

 
Queremos Galego concentrouse diante do TSXG na Coruña para frear a nova ofensiva xudicial contra o galego nos concellos PDF Imprimir Correo-e
Mércores, 20 Abril 2016 12:49

Durante o acto entregouse un escrito para o presidente da Sala que ditou a sentenza contra o galego

A plataforma cidadá Queremos Galego, composta por máis de 600 colectivos sociais de todo tipo -entre eles a CIG- concentrouse esta mañá ás portas da sede do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG), para mostrar o seu rexeitamento á sentenza da Sala do contencioso-administrativo, xa recorrida polo Concello de Lugo. Durante o acto entregouse un escrito dirixido ao presidente da Sala que ditou a resolución xudicial contra o galego.
16-04-14 QuremosGalego_TSXG (2)

Durante o acto Queremos Galego fixo entrega dun escrito dirixido ao presidente da Sala, indicando o posicionamento de Queremos Galego contra unha sentenza que elimina aspectos básicos da Ordenanza de uso do galego en Lugo, como o dereito da cidadanía a recibir igualdade de trato ao se dirixir en galego a servizos contratados pola administración a empresas privadas; o recoñecemento do galego como lingua propia e oficial do Concello de Lugo; a rotulación en galego de oficinas, despachos e sinalización viaria; o efecto normalizador das axudas e subvencións; ou cuestións tan evidentes como a existencia dun ámbito lingüístico galego.

Sentenza contra os acordos impulsados coa mobilización social

O portavoz da plataforma cidadá Queremos Galego, Marcos Maceira, puxo de relevo a existencia neste momento de discriminacións en servizos públicos polo uso do galego: “hai persoas en Galiza ás que se lle negou atención en servizos municipais en Galiza só por falar galego alegando o dereito ao descoñecemento por parte das empresas que prestan o servizo”, precisamente unha das cuestións que viña a solucionar a ordenanza de Lugo e outras que se están a tramitar en Galiza.

“Falamos galego e queremos facelo en liberdade sen coaccións de ningún tipo para que mudemos de lingua, e menos de empresas que deberían estar ao servizo da cidadanía, e non ao revés”, afirmou, para engadir que “parece que coa onda de privatizacións tamén queren recortar o dereito a vivirmos en galego”.

Por este motivo, sinalou o portavoz da plataforma, “temos que rexeitar sentenzas como esta que agriden acordos unánimes” en referencia á lexislación ou acordos nacionais que van deste a Lei de Normalización Lingüística, o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, a lei de uso do galego como lingua oficial polas administracións locais; ou internacionais como a Carta Europea das Linguas ou da Declaración universal de dereitos lingüísticos. “Todos eles ratificados por todas as forzas políticas o pasado 15 de xullo a instancias da Mesa pola Normalización Lingüística”. Non se pode consentir que unha minoría amparada polo poder xudicial actúe contra acordos e dereitos conquistados pola inmensa maioría da sociedade galega.

Avances para o galego

Para Queremos Galego non é suficiente frear estes ataques. “Galiza e a súa lingua precisan afondar nunha lexislación que ten que ser máis favorábel ao galego, precisamente para evitar sentenzas como esta, baseadas en interpretacións sectarias, baseadas na imposición de prexuízos seculares e contrarias a calquera paso adiante para a lingua de Galiza que estea encamiñado a conseguir un mínimo de igualdade e de oficialidade real.

Neste sentido o portavoz de Queremos Galego chamou ao presidente da Xunta Alberto Núñez Feijoo a cumprir coa súa obriga de defender o galego e Galiza, comezando por se sumar “ás miles de persoas que reclaman o seu dereito a vivir en galego con plena normalidade e a actuar promovendo mudanzas lexislativas”, tan necesarias, sinalou “cando aínda en 2016 hai máis de 500 disposicións legais que amparan ou obrigan ao uso do castelán fronte a menos dunha decena a favor do galego e que no mellor dos casos consenten simplemente o seu uso”.

17 de maio: o idioma é a vida

O portavoz de Queremos Galego avanzou que o lema do vindeiro 17 de maio será “o idioma é a vida”, comezo dun coñecido verso do poema “A fala” de Manuel María.

Maceira sinalou tamén que agardan un 17 de maio masivo que contribúa dunha maneira decisiva a devolver o galego ao lugar de normalidade e pleno dereito que nunca debeu perder, así como a parar os ataques que está a sufrir con avances significativos.

A campaña do 17 de maio será presentada nos próximos días.

 
A 16ª edición do Correlingua percorrerá unha ducia de localidades baixo o lema 'O galego está en nós' PDF Imprimir Correo-e
Mércores, 20 Abril 2016 08:40

A popular carreira do alumnado a prol do idioma celebrarase entre o 2 e o 16 de maio

A decimosexta edición do Correlingua, carreira pola lingua na que participa o alumnado de todos os ciclos informativos e que percorrerá unha ducia de localidades galegas entre o 2 e o 16 de maio baixo o lema 'O galego está en nós', foi presentada hoxe en Pontevedra. No acto participaron, ademais dos representantes das entidades organizadoras, un total de 70 alumnos/as dos tres centros gañadores dos certames de Manifesto, Vídeo e Banda Deseñada.
16-04-19 correlingua 002

O Correlingua 2016, que foi presentado este martes no Museo Provincial de Pontevedra, percorrerá un total de 12 localidades galegas entre o 2 e 16 de maio baixo o lema 'O galego está en nós', inspirado nun poema do poeta chairego ao que se lle dedica o Día das Letras Galegas 2016, Manuel María. O propio poeta participou en numerosas ocasións nesta actividade.

Na presentación do Correlingua, na que estiveron presentes e interviñeron en nome das entidades organizadoras Anxo Louzao, secretario nacional da CIG-Ensino; Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística; Mª dos Anxos González Refoxo, vicepresidenta da AS-PG; Goretti Sanmartín, Vicepresidenta da Deputación da Coruña; e Xosé Leal, deputado de Cultura da Deputación de Pontevedra, realizouse a entrega de premios ao alumnado gañador de cada un dos certames, que foi:

-No certame de Manifesto: “Os portugas”, alumnado de 4º da ESO do IES de Ribadeo Dionisio Gamallo.

-No certame de Vídeo: alumnado de 3º da ESO do IES de Elviña.

-No certame de Banda Deseñada: alumnado de 2º de Primaria do CPI de Pontecesures.

O alumnado recolleu os premios manifestando a súa satisfacción por ter participado nunha actividade colectiva que, ademais, lles permitiu reflexionar sobre a nosa lingua.

Ao longo do curso escolar

Ler máis...
 
Persoal da Administración Xeral do Estado trasladou a Vigo as protestas contra a privatización de servizos PDF Imprimir Correo-e
Mércores, 20 Abril 2016 08:40

Xunta de persoal e comité de empresa desenvolven unha campaña para informar das consecuencias aos usuarios/as

Representantes do persoal funcionario e laboral da Administración Xeral do Estado na provincia de Pontevedra realizaron hoxe unha xornada reivindicativa polas rúas de Vigo para denunciar a privatización e o desmantelamento dos servizos públicos. A mobilización fai parte da campaña que desenvolven para rexeitar estas políticas e informar das súas consecuencias aos usuarios/as.
2016 04 19 ProtestaAdminXeralEstadoVigo01

Un grupo de delegados e delegadas sindicais, ao igual que aconteceu a semana pasada en Pontevedra, levou a cabo concentracións ao longo de toda a mañá diante de distintos edificios públicos e aproveitaron para repartir follas informativas entre os seus usuarios/as.

A xornada comezou ás portas das oficinas do SEPE na rúa López Mora e a continuación a protesta trasladouse á oficina do CAISS, rúa Pintor Laxeiro; despois pasou pola Comisaría de Policía, Dirección Xeral de Tráfico e rematou diante de Facenda, na rúa Lalín.

O obxectivo da campaña é sensibilizar a cidadanía do custo engadido que supoñen as privatizacións dos servizos públicos e informar aos usuarios/as das consecuencias dunhas privatizacións “que empeoran a calidade do servizo público ofrecido, mesmo producíndose duplicidade, incrementando o custe e deixando en mans de empresas privadas o manexo de miles de datos sensíbeis”.

Neste senso, denuncian que está demostrado que en ocasións os servizos privatizados teñen maior custe económico que cando son realizados por empregados/as públicos/as, mais a Admninistración “négase a facer estudos obxectivos que avalen o suposto abaratamento”. Así, lembran que o propio Tribunal de Contas ten amosado críticas a respecto dos contratos con estas empresas por falta de xustificación, transparencia, etc.

 
Máis de 500 bombeiros/as de todo o país percorren as rúas de Ourense para rexeitar a privatización dos parques PDF Imprimir Correo-e
Martes, 19 Abril 2016 08:54

A Mesa Intersindical reclama a xestión directa do servizo polas Administracións públicas

Máis de medio milleiro de bombeiros/as públicos e privados das catro provincias galegas participaron hoxe na manifestación convocada pola Mesa Intersindical en Ourense para rexeitar a privatización dos parques comarcais e reclamar un modelo de xestión directa por parte das Administracións públicas. A mobilización, celebrada baixo o lema 'Rescátanos', contou co apoio da Plataforma de Bombeiros Públicos Galegos e da Coordinadora Unitaria de Bombeiros Profesionais.
2016 04 18 ManifaBombeirosOurense01

(Galería de imaxes)

A marcha arrincou ao mediodía do parque municipal de bombeiros/as e rematou ás portas do edificio da Deputación Provincial -a única das catro que non se pronunciou a favor de abandonar o actual modelo de xestión privada- arredor das 13.30 horas tras percorrer as principais rúas da cidade e pasar por diante da casa consistorial.

A protesta, que contou co apoio da Plataforma de Bombeiros Públicos Galegos e da Coordinadora Unitaria de Bombeiros Profesionais, concluíu coa lectura dun manifesto e cunha tirada de petardos e botes de fume, tras o que os participantes celebraron unha comida de confraternidade no parque municipal.

A Mesa Intersindical, da que fai parte a CIG, decidiu convocar a mobilización debido á inquietude que está a xerar no sector a intención do Consorcio Provincial de Extinción de Incendios e Salvamento de Ourense de sacar a concurso a xestión dos parques de bombeiros/as do Carballiño, Verín, Xinzo e Valdeorras. “Os tres últimos xa se atopan dirixidos por empresas privadas, mentres que o primeiro, logo de seren construído e dotado de vehículos e material con cartos públicos, preténdese poñer en funcionamento baixo xestión privada”, denuncian.

Lembran que o órgano de goberno do Consorcio está composto de xeito paritario pola Xunta de Galiza e pola Deputación de Ourense e sinalan que se ben é certo que o presidente provincial, Manuel Baltar, xa deixou claro o seu interese por continuar coa xestión privada do servizo público de bombeiros/as, a Vicepresidencia da Xunta está a 'marear a perdiz'. “Por unha banda aseguran que non teñen inconveniente en valorar a proposta de rescate do servizo, e pola outra amosan claramente a súa postura en prol de deixar en mans privadas a xestión dos parques galegos”, critican.

A mobilización fai parte da campaña de protestas que o colectivo desenvolve baixo o lema “Rescátanos”para reclamar a xestión directa do servizo por parte das Administracións públicas, o que segundo os cálculos da Mesa Intersectorial permitiría un aforro de até un 30%. Na actualidade unicamente sete dos máis de 30 parques existentes no país están baixo xestión pública, e os arredor de 420 traballadores/as afectados/as levan máis de dous anos en folga para denunciar esta situación.

 
<< Inicio < Anterior 1 2 3 4 5 6 7 8 9 10 Seguinte > Final >>

Páxina 10 de 47
Joomla Templates: by JoomlaShack