Federación de Administración Pública da CIG

Federación de Administración Pública da CIG

Ligazóns sectores

Autonómica
Correos
Xustiza

Ligazons confederacion

CIG - Avantar
Forga
Saúde laboral
Fesga

Procurar no web

Novas
Denuncian temperaturas insoportábeis nos Xulgados de Compostela PDF Imprimir Correo-e
Luns, 26 Xuño 2017 08:32

ÁS 8:30 horas superan xa o 30 graos no xulgado do terceiro andar

O  Sector de Xustiza  da CIG vén de denunciar as insoportábeis condicións laborais nas que o persoal dos xulgados de Compostela ten que desenvolver o seu traballo por mor das elevadas temperaturas. Aseguran que se superan os trinta graos, temperatura que no terceiro andar xa se acadaba estes días ás 8:20 horas.

A CIG xa solicitou en múltiples ocasións a instalación do aire acondicionado no edificio dos xulgados de Fontiñas, do que aínda carece, tendo que utilizar uns refrixeradores portátiles situados nalgúns xulgados pero que “son claramente insuficientes”.

De seguir así a situación, a CIG-Xustiza de Compostela non desbota paralizar a actividade e que o persoal abandone as instalacións, tal e como xa sucedeu nos Xulgados de Majadahonda en días pasados.

 
A CIG pide a diminisión de Montoro, responsábel máximo da amnistía fiscal PDF Imprimir Correo-e
Xoves, 22 Xuño 2017 12:31

O Tribunal Constitucional anula a medida e recoñece que o goberno do PP lexitimou a fraude con esta lei

A CIG, sindicato mais representativo na AEAT en Galiza pide a dimisión de Cristobóbal Montoro, ministro de Facenda, como máximo responsábel da aplicación da  amnistía fiscal que o Tribunal Constituciona vén de anular, aínda que, sorprendentemente a resolución xudicial apenas terá consecuencias prácticas. A CIG denunciou en numerosas ocasións que esta medida  vulnera os principios de progresividade e proporcionalidade que debe perseguir o sistema tributario “premiando” a quen defrauda ao permitirlle pagar impostos moi inferiores aos que lle correspondería plo nivel de ingresos.

A baixa moralidade desta amnistía fiscal resultaba obvia pero agora, tras a resolución do Tribunal Constitucional, tampouco hai  dúbidas sobre a súa legalidade. “Ningunha situación excepcional pode xustificar que ás persoas que son grandes defraudadoras  se lles permita regularizar o seu patrimonio oculto á Axencia Tributaria a un tipo reducido, sen sanción e recargos,  o que supón unha discriminación clara respecto a quen cumpre coas súas obrigas tributarias. En definitiva, esa lei permitiu que se lle dera un mellor trato ao evasor fiscal que o cumpridor”, denuncia o subsector da CIG-Administración na AEAT.

Neste senso, sinalan que a resolución do Constitucional non deixa outra saída que a dimisión do Ministro de Facenda, pois esta amnistía causou tamén un descrédito á  labor da Axencia Tributaria “xa que mentres se esixía o cumprimento das obrigas tributarias aos e ás contribuíntes, por outro lado estábase a premiar a labor dos e das  defraudadoras”.

A nivel laboral, a representación da CIG sinala a “total desmotivación” que este tipo de medidas producen entre o persoal da AEAT, que está asumindo unhas cargas de traballo inaceptábeis, cunha reposición de efectivos claramente insuficiente (conta con 3.000 efectivos menos que hai sete anos) e sen posibilidade de promocionar pola vía do concurso nin de progresar na carreira administrativa, paralizada desde o ano 2010.

“Esta situación está a producir un descontento entre o persoal máis que evidente polo que fai necesario unha renovación total na cúpula da Axencia Tributaria, con outros directivos que miren polo persoal e non estean ao servizo do goberno que toque”, afirma o subsector da CIG.

 
Instan os Concellos de Lugo a darlle publicidade ás prazas para as brigadas municipais do SPDCIF PDF Imprimir Correo-e
Xoves, 22 Xuño 2017 12:31

CIG-Administración lembra que a "difusión destes procesos é un principio básico de transparencia"

Nas actuais datas son moitos os Concellos da provincia que se adheriron ao convenio coa Xunta de Galiza para a Participación na Prevención e Defensa contra Incendios Forestais durante os anos 2016, 2017 e 2018, e en consecuencia están na fase de contratación de persoal para conformar as brigadas municipais de SPDCIF. Desde a CIG demándaselles aos Concellos que sexan democráticos e transparentes e que publiquen en boletíns oficiais e en medios dixitais as bases de convocatoria do persoal das brigadas, para que así todas as persoas poidan concorrer en igualdade de condicións a ditos procesos.

"Entendemos que dar a máxima difusión a estes procesos é un principio básico de transparencia e democratización da administración local", asevera Azucena Gavín, da
CIG-Administración Autonómica de Lugo. Para, a continuación, aclarar que "sabemos que hai concellos que non estar a actuar coa transparencia precisa ao respecto e nos que os procesos de selección se xestionan a través dun absoluto escurantismo", privando así a moitas persoas de optar a estes postos de traballo por descoñecemento dos procesos de selección. 

Estas situacións, denuncia Gavín, "son propias de prácticas caciquís, discriminatorias cos principios de igualdade, mérito e capacidade que debe de primar na contratación do persoal nas administracións públicas". Por iso, dende a CIG atenderase ao desenvolvemento destes procesos de contratación e "no caso de que observemos incumprimentos da normativa legal, non dubidaremos en recorrer os mesmos por vía xudicial".

 
CIG-Correos de Compostela denuncia a decisión do Concello de privatizar o Servizo de Notificacións PDF Imprimir Correo-e
Xoves, 22 Xuño 2017 12:30

Interveu no pleno en defensa do sector público fronte ao privado

CIG-Correos compareceu este xoves no pleno do Concello de Santiago para denunciar a privatización do servizo municipal de entrega de notificacións e a retirada ao operador público Correos das Noficacións de sancións de tráfico dentro da cidade, outorgándollas a unha empresa privada de Valencia e inscrita no rexistro mercantil de Bizkaia.

Para a CIG-Correos esta decisión adoptada a proposta do concelleiro delegado de Medio Ambiente Xan Duro, só tivo en conta “cuestións economicistas”. Considera que o goberno municipal de Santiago non tivo en conta porén, os custos sociais derivados desta decisión: “nin o que implica apostar por empresas privadas fronte empresas públicas; nin as precarias condicións laborais ás que someten estas empresas aos seus traballadores e traballadoras, que son as que lles permiten abaratar os custos”.

Precariedade laboral

Unhas condicións que entende que deberían levar a calquera administración a “nin sequera contemplalas como posíbeis concesionarias dun servizo público mentres non cumpran coas súas obrigas cos traballadores/as”. En concreto sinala cuestións como “manter os pagos dos salarios ao día, retirar os continuos E.R.E´s que presentan, ou aplicar un convenio colectivo acorde coa legalidade vixente, e non como ocorreu con C.I. Postal, por exemplo, que vén de ver revogado precisamente o seu convenio colectivo polo propio Tribunal Supremo”.

Por iso denunciou tamén que outra das empresas valoradas para outorgarlle esta concesión, Unipost vén de despedir a unha traballadora polo simple feito de estar embarazada.

Xosé Iglesias, que foi quen interveu en representación da CIG-Correos, afirmou que as condicións laborais que ofrecen estas empresas son tan precarias que a elixida, C.I.Postal, estivo chamando a traballadores/as inscritos no INEM, con experiencia en Correos, ofertándolles postos de traballo con contratos de tres horas. Unha precariedade á que, lamentou, “colabora este goberno municipal”.

Sinalou que C.I. Postal fixo unha proba de entrega de notificacións a veciños/as de Santiago para presentarlle a este concello os resultados. Proba que considera que “está trucada”, porque foi realizada no distrito 1 e 2 de Compostela (a chamada “zona nova”) onde hai unha maior concentración poboacional, o que favorece que sexa máis áxil e efectiva a entrega de notificacións, ao ser a zona de maior concentración de vivendas.

Ademais, lembrou que o informe deste Concello “non contrasta” esa suposta efectividade comparando os datos aportados por C.I. Postal cos repartos de Correos.

Lamentou que, a pesar disto, se lle outorgase á empresa de Valencia a notificación dentro da cidade onde, por mor desa maior concentración de poboación, é maior o beneficio. “Resulta rechamante que porén se manteña a Correos como servizo de entrega de notificacións fóra da cidade onde é deficitario pola complexidade derivada da maior dispersión poboacional. Privatízase o correo na zona do concello máis rendíbel economicamente e mantense o servizo público onde dá perdas, facendo unha discriminación por beneficio económico entre o público e privado”.

Iglesias considerou ademais que á hora de tomar esta decisión, o goberno municipal tampouco contrastou experiencias similares noutras localidades, onde no pasado se levaron a cabo este tipo de iniciativas que foron abandonadas por incapacidade na prestación do servizo e por ilegalidades na súa tramitación.

Neste sentido afirmou que “varios xulgados non lle outorgaron o principio de veracidade e fehaciencia a estes operadores privados na entrega de notificacións. Principios cos que si contan as traballadoras e traballadores de Correos”.

Exercicio de “incoherencia”

Xunto a isto, o representante da CIG-Correos considerou que este é “un exercicio de incoherencia política porque organizacións que se din defensoras do sector público acaban favorecendo o privado”. Sinalou como exemplo diso este caso e asegura que “non deixa de sorprender que Compostela Aberta defendera na Deputación da Coruña o servizo postal universal de Correos e esixira a súa continuidade e mantemento para logo facer o contrario na nosa cidade”. A isto engadiu que, a coalición de partidos onde está encadrada C.A. en Madrid vén de facer un pronunciamento no Congreso manifestando que a redución orzamentaria de Correos pon en risco o servizo postal universal e un requirimento ao goberno do Estado na defensa de Correos.

Servizo Público

Ademais salientou o servizo “profesional, de calidade e personalizado” que presta o operador postal público Correos, con “profesionais con ampla experiencia” formados especificamente para esta función que teñen, ademais, un coñecemento específico en procesos de notificacións.

Subliñou que estes traballadores/as son ademais veciños e veciñas de Santiago e que Correos en Galiza concentra o maior número de traballadores e traballadoras na capital de Galiza, chegando a preto de 400 efectivos, malia ter sufrido importantes retalladas de persoal e que é unha das dez empresas máis importantes do concello, como prestadora de servizo público.

E rematou a súa intervención concluíndo que “os servizos públicos teñen o deber de servir á cidadanía e non de entrar en competición directa con outros grupos privados por cota de mercado. Non están orientados ao beneficio económico, como si ocorre nas compañías privadas, que teñen como obxectivo a rendibilidade do seu negocio. Unha rendibilidade que nos máis dos casos esquece os intereses da cidadanía”.

 
A Sección Sindical da CIG no Concello de Fene pide a dimisión do voceiro municipal do PSOE PDF Imprimir Correo-e
Xoves, 22 Xuño 2017 12:29

A Sección Sindical da CIG no Concello de Fene pide a dimisión do voceiro municipal do PSOE

A Sección Sindical da CIG no Concello de Fene vén de reclamar a dimisión do voceiro do grupo municipal do PSdG-PSOE, Antón Lois Noceda Carballo, polas declaracións realizadas no programa “Espacio Abierto” da Televisión de Ferrol emitido o pasado 08-06-2017. Nas mesmas, denuncian, polo político insinuou, "en base a presuntas militancias e relacións de parentesco, prácticas de nepotismo dos/as traballadores/as municipais que conformaron e conforman os tribunais cualificadores para a provisión de diferentes postos de traballo".

Ante estas insinuacións, a Sección Sindical da CIG emitiu un comunicado que pasamos a reproducir:

1.   "Non imos perder nin un minuto en rebater unhas insinuacións tan falsas coma tendenciosas, que se desmenten por si soas e que son máis propias dun auténtico irresponsábel ou de alguén que non está no seu xuízo, que dun digno representante dos veciños e veciñas de Fene".

2.   Non estamos dispostos/as a consentir que ninguén intente agochar a súa propia incapacidade para exercer o cargo de concelleiro calumniando e intentando poñer en cuestión a honradez e profesionalidade dos traballadores e das traballadoras municipais.

3.   Reservámonos a adopción das medidas que consideremos oportunas para poñerlle couto a este tipo de prácticas que sobardan a liberdade de expresión e o lexítimo dereito á crítica para entrar de cheo no ataque ao honor e á propia imaxe dos traballadores e das traballadoras municipais.

4.  Reclamamos da executiva provincial do PSdG-PSOE que desautorice publicamente as declaracións do voceiro do grupo municipal socialista no Concello de Fene quen, nesta e noutras moitas ocasións, amosou a súa falta de ética política e de respecto para cos traballadores e traballadoras municipais.

Por todo o exposto, esixe a dimisión como concelleiro de Antón Lois Noceda Carballo".

Fene, 15 de xuño de 2017

 
A CIG denuncia a discriminación da lingua galega na nova sede electrónica de MUFACE PDF Imprimir Correo-e
Xoves, 22 Xuño 2017 12:29

O castelán aparece como única opción desprezando ás persoas usuarias de Galiza

Na última reunión do Consello Xeral de MUFACE, a CIG presentou unha queixa formal pola discriminación que supón para o galego que a nova sede electrónica da entidade só estea en castelán. O sindicato rexistrou un escrito no que solicitou que, sen dilación, se ditaran as oportunas instrucións para que as persoas usuarias da sede electrónica non só podan optar pola versión en galego das informacións que conteña a nova web senón que, ao tempo, poda descargar ou cumprimentar en liña os impresos en galego dos distintos servizos que se ofrecen.

A CIG lembra que MUFACE é a entidade que xestiona, entre outras, as prestacións sanitarias de todo o persoal encadrado no Réxime Especial do Funcionariado Civil do Estado, e no cal está incluído todo o profesorado galego coa excepción do persoal interino e outros vinculados ao réxime xeral. Igualmente está tamén incluído persoal de Correos, da Administración Central en Galiza e da propia Administración Autonómica. Estamos falando, por tanto, da negación dun dereito elemental para miles de persoas en Galiza, que se fai extensíbel tamén a outras linguas como o éuscaro ou o catalán nos seus respectivos países.

En resposta á demanda da CIG, o Director Xeral de MUFACE asegurou que a versión “noutras linguas diferentes do castelán” se habilitaría en breve e que sería mediante unha tradución automática dos contidos orixinalmente redactados en castelán sen revisión posterior, como xa está actualmente a web xeral da mutualidade.

A CIG critica esta opción xa que “somos conscientes dos innumerábeis erros que conteñen as web con traducións automáticas”. Por iso insta ao Ministerio de Facenda, do que depende MUFACE, a que publique todos os contidos con traducións oficiais.

Para a CIG é rechamante que a única razón esgrimida por MUFACE para recorrer á tradución sen control é o gasto que suporía facer unha tradución oficial. A central sindical propuxera á Dirección Xeral  que fixeran a proba de facer unha web orixinalmente en galego e con tradución automática en castelán. “Estamos ben certos de que, neste caso, non habería razóns económicas que valesen para prestar un servizo cun mínimo de calidade”.

A CIG defende que o galego ten que ter o mesmo recoñecemento que o castelán nunha administración estatal xa que, do contrario, supón unha vulneración dos nosos dereitos lingüísticos. En todo caso advirte de que “estaremos vixilantes para que a incorporación da nosa lingua, con todas as eivas expresadas, se faga canto antes, tal e como se comprometeu o máximo representante de MUFACE na reunión”.

Tamén anima a todas as persoas que fagan uso desta sede electrónica ,ou doutras similares que conten con versión na nosa lingua, a que usen sempre a opción no noso idioma para así facer máis visíbel o galego en internet.

 
Paulo Carril, elixido novo secretario xeral da CIG PDF Imprimir Correo-e
Martes, 30 Maio 2017 09:22

O Congreso Confederal escolleu tamén a Executiva Confederal e a Comisión de Garantías

O VII Congreso Confederal remataba a última hora da mañá deste domingo elixindo á nova Executiva Confederal e a Paulo Carril Vázquez como novo secretario xeral da CIG, en substitución de Xesús Seixo. Concluía así o proceso de renovación de cargos e organismos confederais coa posta a punto do ideario programático e no cal se definiron e aprobaron as liñas que guiarán a acción sindical da CIG no vindeiro período.

Tanto para a Executiva Confederal como para a Secretaría Xeral ou a Comisión de Garantías presentábase unha única candidatura. A da Executiva Confederal foi referendada por 506 congresistas (95%), 22 votaron en branco e 3 emitiron voto nulo. Mentres, Paulo Carril Vázquez resultaba elixido novo secretario xeral, con 511 votos (96%), 17 brancos e 3 nulos.

Composición da nova Executiva Confederal

1.- Paulo Carril Vázquez.
2.- Margarida Corral Sánchez.
3.- Francisco Xabier Cartelle Pérez
4.- Susana Méndez Rodríguez
5.- Fernando Acuña Rúa
6.- Lucía Freire Ces
7.- Miguel Malvido Cabirto
8.- Nicolasa Castro Monteiro
9.- Paulo Paio Rubido Bará
10.- Anxo Noceda Carballo
11.- Renato Núñez da Silva
12.- Francisco González Sío.

 
O VII Congreso aproba o Informe de Xestión da Executiva saínte con 458 votos, ningún en contra e só tres abstencións PDF Imprimir Correo-e
Domingo, 28 Maio 2017 09:45

A CIG é primeira forza en afiliación e está a piques de selo en representación

O VII Congreso da CIG, que se celebra baixo o lema “Coa CIG somos máis fortes”, arrincou esta mañá en Compostela co debate e votación do Regulamento do propio Congreso, o saúdo do secretario comarcal de Compostela, Anxo Noceda, ás/aos congresistas e a presentación do Informe de Xestión, que correu a cargo do secretario xeral, Suso Seixo, e que foi aprobado co voto favorábel da práctica totalidade dos/as congresistas (458 votos), ningún en contra e 3 abstencións.

Debate Informe Xestión e Mesa Presidencial

Seixo arrincou a súa intervención presentando os resultados do traballo desenvolvido neste período no que a CIG foi a central sindical que protagonizou a conflitividade laboral, as mobilizacións e as alternativas; mellorou os seus índices de afiliación, situándose como primeira forza en afiliados/as, e no que se acadaron uns moi bos resultados nas eleccións sindicais, a tan só unhas centésimas de ser a primeira forza en representatividade nas empresas.

Xunto a isto fixo un percorrido pola situación política e económica a nivel mundial e, en concreto, a situación na UE. Denunciou as políticas económicas e laborais impostas por institucións como o BCE, CE ou FMI como resposta á crise, que “supuxeron a perda de miles de postos de traballo e o empobrecemento de amplos sectores da sociedade, ao tempo que se protexían os intereses do sector financeiro, pola vía de axudas, do crédito barato e da especulación coa débeda pública”.

Un retrato que o levou a rexeitar o carácter “antisocial” da UE que se está a construír tanto para a poboación de Europa como para as persoas refuxiadas, “vítimas da miseria e das guerras, resultado das políticas imperialistas promovidas por occidente nos seus países de orixe”.

O secretario xeral afondou especialmente na situación socioeconómica, laboral, política e sindical en Galiza e no Estado español e denunciou as consecuencias das sucesivas contrarreformas laborais e o importante retroceso nos dereitos individuais e colectivos da clase traballadora, ao desregular e flexibilizar as condicións en materias como a contratación, o despedimento, a xornada, o salario ou mesmo a negociación colectiva. “Estamos a falar”, dixo, “dun calculado e continuado proceso de desmantelamento do dereito do traballo a prol da parte máis forte nas relacións laborais, a prol do capital”.

Ler máis...
 
Aprobado o Relatorio de Organización con 313 votos a favor, 23 en contra e 16 abstencións PDF Imprimir Correo-e
Domingo, 28 Maio 2017 09:44

Reforzar a presenza nos centros de traballo, afiliación e representatividade, eixos principais

O VII Congreso da CIG ratificou as propostas recollidas no relatorio de Organización con 313 votos a favor, 23 en contra e 16 abstencións. Un texto no que, para combater o modelo neoliberal que nestes anos impuxo un proceso de precarización laboral a todos os niveis, a CIG asume que é absolutamente imprescindíbel unha central sindical “viva, dinámica, insubornábel, que practique un sindicalismo combativo, antipacto social, participativo e defensor dunha Galiza democrática e soberana”.

Establécese ademais como un dos obxectivos prioritarios da central sindical a formación de cadros; a loita contra o individualismo e a insolidariedade; a mellora na planificación, seguimento e constancia do traballo sindical, en todo o relativo a convenios colectivos, a afiliación e a eleccións sindicais; a información e formación dos delegados e delegadas, a visita aos centros de traballo ou a execución e priorización das campañas.

A CIG parte de que “a renuncia á politización, ideoloxización e compromiso militante dos cadros da central sindical levaría consigo a despolitización e desideoloxización da nosa práctica sindical, das nosas análises e do enfoque dos propios conflitos laborais e, ao cabo do tempo, o abandono da loita de clases, da defensa da soberanía e do socialismo, para finalmente integrármonos no sistema, converténdonos nunha central sindical máis asimilada por este”. Unha situación na que considera que están unha parte moi importante das organizacións sindicais europeas, empezando polas maioritarias do Estado español.

Sindicato e poder

Outra das prioridades marcadas é pór en valor o papel dos sindicatos como fonte de conquistas e de poder da clase traballadora, fronte ao poder político e económico. Un poder que queda patente cando se comparan as condicións salariais e laborais que se conseguen naquelas empresas nas que as traballadoras e traballadores están organizados, fronte as peores condicións que se dan nas que non o están.

Asúmese tamén a necesidade de adaptar a acción sindical á dupla realidade que se está a conformar dentro da clase traballadora: por unha banda a dos sectores especialmente afectados pola deterioración das condicións de traballo e dos dereitos sociais e a dos sectores con traballo con certa estabilidade e dereitos. Dúas realidades que dar unha resposta como clase para as que a central sindical entende que é imprescindíbel “crear organización sindical (afiliación, eleccións sindicais, representación sindical…)” como “garantía dos nosos dereitos e da mellora das nosas condicións laborais e salariais”.

Un proceso de adaptación no que a CIG considera que debe primar a solidariedade de clase, reforzando o sindicato como a expresión viva e organizada, que ten estrutura e capacidade de iniciativa e de resposta. “Somos unha organización que non se resigna á pasividade, que non fica na desmobilización, senón que acreditamos na nosa capacidade de enfrontar esta situación”.

Reforzar a presenza e o debate

Para este período a central sindical encoméndase “reforzar o asemblearismo, a participación, a mobilización, a combatividade e a construción de organización, para avanzar nas conquistas de dereitos e na transformación da sociedade”.

Parte de que a loita e o conflito concreto son o inicio da toma de consciencia, pola clase traballadora, “da nosa situación de explotación de clase e nacional” e que é imprescindíbel, para manter o recoñecemento e a credibilidade do modelo sindical que representa “incrementar o noso dinamismo, mellorar o coñecemento do que sucede nos diferentes sectores e centros de  traballo, atinar na formulación das alternativas concretas, pórse á fronte das loitas sociais e encabezar a conflitividade social, sexa na negociación colectiva, sexa para combater a precariedade ou contra a destrución de emprego”, entre outras.

A afiliación

Reforzar e incrementar a afiliación é tamén obxectivo esencial porque é o piar que permite ter estrutura sindical, dar a resposta acaída ás agresións que sofre a clase traballadora galega e a garantía para contar con autonomía económica e independencia fronte o poder político e económico.

Eleccións sindicais

Neste período acardáronse visíbeis avances nos resultados electorais, chegando a porcentaxes históricas de representación a nivel nacional. En todo caso, considera que seguen sendo necesarias medidas para “uniformizar e unificar as liñas de actuación”.

Por iso o VII Congreso acordou a constitución de comisións electorais en cada comarca, de puntual reunión mensual, e de obrigada asistencia para liberados/as e axentes sindicais; xerar unha dinámica participativa cos delegados e delegadas, coa convocatoria de asembleas, como mínimo, cada dous meses; visitas e presenza regular nos centros de traballo onde haxa delegados/as, mais tamén naqueles nos que non se obtivera representación e mellorar en aspectos organizativos como a posta ao día dos ficheiros de delegados/as, así como tamén dos delegados/as de prevención.

A organización sindical na empresa

A central sindical asume que é imprescindíbel organizar os traballadores e traballadoras nos centros de traballo, fomentar a súa participación con asembleas periódicas e promover a constitución de seccións sindicais “de cara a que sexan os/as verdadeiros/as protagonistas das reivindicacións e das conquistas nas súas empresas” para traballar de cara a ampliar o proxecto sindical, creando corpo e organización centro de traballo a centro de  traballo.

O funcionamento dos organismos de dirección

Mantendo a vixencia das liñas acordadas no VI Congreso para a mellora do funcionamento interno da CIG, no relatorio insístese na necesidade de rematar e superar a burocratización, para que a central sindical sexa máis áxil e resolutiva.

Por iso establécese que todos os organismos de dirección estean conformados coa militancia máis viva e activa e que estes teñan un papel real de dirección, que pasa por un maior grao de colectivización no debate e na toma de decisións que facilite a orientación do traballo sindical e de educación dos cadros de dirección no traballo colectivo e solidario e no coñecemento das alternativas globais da central sindical.

Métodos de traballo

Para mellorar os métodos de traballo acordouse celebrar ‘xuntanzas de traballo’ cos liberados e liberadas de cada comarca para “planificar e programar de forma concreta e detallada o traballo sindical da semana, atendendo de forma prioritaria, as visitas aos centros de traballo polas eleccións sindicais, para distribución de propaganda, para executar as campañas que estean en marcha, para convocar asembleas de delegados/as, actuacións da campaña de afiliación, conflitividade laboral de actualidade que hai que atender, seguimento da afiliación e demais.

Mapa federativo

O VII Congreso vén de facultar ao Consello Confederal para facer o oportuno seguimento e, se é o caso, introducir os axustes necesarios para levar adiante unha nova estrutura federativa que facilite unha mellor organización e funcionamento e permita un contacto e axitación máis intensa e directa cos centros de traballo.

O relatorio recolle ademais unha proposta de sete federacións, coa creación de dúas federacións de Industria, unha a xa existente, e outra, a resultante da fusión da actual FGAMT coa Construción e Madeira, sen o sector de Transporte. Nunha e na outra estarían concentrados os sectores coas afinidades e similitudes propias dos procesos industriais, mais coas diferenzas evidentes segundo a actividade produtiva.

Proponse tamén ter dúas federacións de Servizos privados, unha a xa existente, e outra que sería a fusión da actual Banca, Aforro, Seguros, Oficinas e Telemarketing, co sector de Transporte, telecomunicacións e Medios de Comunicación.

A Área Pública quedaría estruturada nas tres actuais federacións: Administración pública; Ensino e Saúde.

Pensionistas e xubilados/as

O Colectivo de Pensionistas e Xubilados/as da CIG púxose en marcha xa no VI Congreso e neste acordouse darlle o pulo definitivo constituíndo, nun período de seis meses, unha Comisión Nacional que estará integrada polas persoas nomeadas a nivel nacional por cada unha das Federacións e cada unha das Unións Comarcais.

Esta Comisión estará coordinada coa Executiva Confederal e definirá as liñas de traballo e designará unha persoa, con voz pero sen voto, nas reunións do Secretariado Confederal.
Acordouse tamén constituír comisións comarcais que, á súa vez, designarán unha persoa para participar nas reunións dos secretariados comarcais.

O activismo feminista e de clase

O relatorio, subliña os importantes avances para fortalecer a perspectiva feminista dentro das distintas estruturas durante este período, no que tamén se situou á CIG como unha das organizacións vertebradoras en materia de acción feminista no país, tanto en materia de reivindicación de dereitos, como de resposta aos ataques do patriarcado quer en solitario, quer con organizacións ou con Plataformas.

Xunto a isto establece a necesidade de non limitar a acción arredor de datas senlleiras, senón marcar un calendario propio con campañas de denuncia do machismo e de reivindicación dos dereitos das traballadoras, tanto no marco das empresas como a nivel social.

Ademais márcase o reto de acadar unha representatividade de mulleres acorde coa súa presenza nas empresas incrementando o número de delegadas para poder consolidar, dentro duns anos, unha representatividade de mulleres acorde coa reivindicación de igualdade e empoderamento das mulleres na sociedade e, polo tanto, na propia central sindical.

Plan de Axuda Alimentaria

Valórase que durante este período o seu funcionamento foi desigual en función das comarcas e proponse adoptar medidas para a súa consolidación a fin de homoxeneizalo no conxunto da central sindical. Un obxectivo que pasa por aumentar a implicación e compromiso das estruturas, que se informe da súa existencia nos centros de traballo e que se comunique que hai unhas cotas propias do Plan á nova afiliación e á xa existente.

Ler máis...
 
Aprobado o Relatorio de Acción Sindical con 381 votos a favor, 3 en contra e 19 abstencións PDF Imprimir Correo-e
Domingo, 28 Maio 2017 09:42

O documento analiza a situación da clase obreira galega e recolle as alternativas da central.

O VII Congreso Confederal da CIG aprobaba, na tarde deste sábado, o Relatorio de Acción Sindical no que se analiza a situación da clase obreira galega no actual contexto económico e social e se formulan as propostas da central nacionalista para enfrontar o modelo de relacións laborais precarizado que pretende impor o capital e as consecuencias das políticas antiobreiras aplicadas nos últimos anos baixo a escusa da crise. O documento recibiu 381 votos a favor, 3 en contra e 19 abstencións.

O relatorio de Acción Sindical comeza advertindo do afondamento no modelo capitalista neoliberal, da tremenda concentración e centralización da riqueza e o poder, e da aposta estratéxica do capital por promover un modelo de relacións laborais precarizado, a todos os niveis, que lle permita incrementar a súa marxe de beneficios e, ao tempo, debilitar a clase traballadora. Contexto no que, describe o documento, se está a conformar unha subdivisión no seo da clase obreira: o precariado, con baixos salarios,  escasos dereitos e protección social, sen estabilidade no emprego e baixa participación na dinámica sindical.

A este modelo económico e social responde tamén o modelo da UE que se está a construír, sendo institucións europeas como o BCE, a CE ou a sección europea do FMI as principais impulsoras das medidas antiobreiras (reformas laborais, da negociación colectiva, das pensións), das privitizacións dos servizos públicos e do recorte e prestacións sociais que vimos sufrindo nos últimos anos baixo a escusa da crise. Unhas receitas que o goberno do PP aplicou con fervor, especialmente nos anos de maioría absoluta, e que someten a máis pobreza ás clases populares das nacións periféricas como Galiza.

"A cabalo desta crise", denúnciase no texto, "reforzouse o papel dependente de Galiza", intensificáronse o proceso de absorción de empresas galegas; espoliouse o aforro dos galegos e galegas coa bancarización e venda das antigas caixas; e continúase coa explotación dos nosos recursos naturais e a nosa capacidade de produción de enerxía. Xunto a isto,  padecemos as consecuencias nefastas das políticas deseñadas dende a UE para os nosos sectores pesqueiro e gandeiro; e a ausencia dunha estrutura produtiva que peche os ciclos produtivos no noso país.

Condicións que se reflicten na imparábel destrución de emprego, o alarmante retroceso demográfico e o avellentamento da poboación, nunha nova vaga migratoria, o aumento da pobreza, o deterioro dos servizos públicos ou a redución do gasto público. Combinados cun reforzo das políticas españolistas e centralizadoras, e un ataque furibundo ao noso principal sinal de identidade: a nosa lingua.

Ler máis...
 
Miles de persoas claman na rúa pola recuperación de dereitos no 1º de Maio PDF Imprimir Correo-e
Martes, 02 Maio 2017 08:52

O secretario xeral da CIG, Suso Seixo, que participou na manifestación de Vigo, insistiu en que hai "condicións obxectivas" para convocar folga xeral

Máis de 25.000 persoas participaron nas 13 manifestacións convocadas pola CIG en todo o país para conmemorar o Primeiro de Maio, Día Internacional da Clase Obreira. A celebración deste ano estivo centrada na campaña pola recuperación dos dereitos sociais e laborais roubados coa escusa da crise e contra a precarización do mercado laboral que a central está a desenvolver dende comezos de ano. O secretario xeral da central nacionalista, Suso Seixo, que participou na mobilización de Vigo, insistiu en que “existen condicións obxectivas” para convocar unha folga xeral.

As rúas de Vigo, A Coruña, Ourense, Pontevedra, Lugo, Santiago, Ferrol, Cee, Cangas, Ribeira, Burela, Vilagarcía e A Estrada enchéronse hoxe de milleiros e milleiros de persoas que, convocadas pola CIG, quixeron celebrar un ano máis o Primeiro de Maio, Día Internacional da Clase Obreira, cunha xornada reivindicativa e festiva baixo o lema “Recuperemos os nosos dereitos”.

A marcha central, na que participou o secretario xeral da central nacionalista, Suso Seixo, tivo lugar novamente en Vigo. Arredor de 15.000 persoas percorreron as rúas da cidade entre o cruce da Dobrada e a Porta do Sol. Esta mobilización volveu ser un ano máis a máis multitudinaria de todas as que se celebraron no país. Durante o percorrido, os berros máis escoitados foron a prol da convocatoria dunha folga xeral e para reclamar a dimisión dos presidentes da Xunta e do Goberno central.

Ao remate da marcha, Seixo tomou a palabra para incidir en que nesta ocasión o carácter reivindicativo da xornada está especialmente xustificado “debido aos ataques que os nosos dereitos e intereses están a sufrir por parte do capital, da man de políticas antisociais e antiobreiras promovidas polos Gobernos españois coa recomendación e a colaboración da UE e do FMI”. O máximo responsábel da CIG considera que se trata do maior ataque aos dereitos da clase traballadora dende a caída do franquismo e a implantación do actual réxime de democracia burquesa.

“O retroceso lexislativo en materia de contratación, xornada laboral, despedimentos, prestacións de desemprego, pensións, negociación colectiva e liberdades públicas, xunto co recorte do gasto público a privatizacións dos servizos públicos e unha fiscalidade ao servizo das rendas máis altas e das grandes empresas, están a supor un importante retroceso en dereitos e calidade de vida para amplos sectores das clases populares galegas”, asegurou.

Situación que se agrava no caso de Galiza

Segundo denunciou, esta situación agrávase no caso de Galiza pola enorme destrución de emprego fixo e polos altos índices de emprego temporal, polos baixos salarios e pensións, pola perda de poboación activa menor de 35 anos, pola emigración masiva de mozos/as, polo avellentamento da poboación, pola destrución de emprego e perda de peso do sector industrial, polo desmantelamento do sector primario, polo espolio da nosa enerxía e do noso aforro “e pola actitude incompetente do señor Feijóo e da Xunta diante desta situación, totalmente vendidos aos intereses das grandes empresas e da oligarquía española”.

Seixo explicou que neste contexto a CIG decidiu poñer en marcha a comezos de ano unha campaña informativa e de mobilizacións centrada na recuperación dos dereitos laborais e sociais perdidos e contra a precarización do mercado laboral. “Dende a CIG vimos dicindo ao longo desta campaña, e así o mantemos hoxe, que se non se producen de inmediato cambios lexislativos orientados a recuperar os dereitos e as liberdades perdidas existen condicións obxectivas para promover como resposta unha convocatoria de folga xeral”. Neste senso, denunciou a actitude dos sindicatos CCOO e UGT “de seguir a mirar cara a outro lado e de estar máis preocupados polos seus propios intereses que dos problemas da clase traballadora.

Finalmente, manifestou a firme solidariedade da CIG con todos/as os traballadores/as e con todas as nacións do mundo “vítimas deste capitalismo depredador e agresor, e reafirmámonos na na nosa firme vontade de seguir a loitar pola conquista dunha nova sociedade galega máis xusta, libre, solidaria e igualitaria nunha patria soberana”.

Unha vez rematado o discurso, e antes de pechar a xornada coa interpretación da Internacional e do Himno galego, o secretario xeral da CIG, que deixará o seu cargo no próximo Congreso da central que terá lugar en maio, aproveitou para despedirse publicamente de todos/as os presentes, aos que agradeceu o seu traballo e colaboración para erguer a central sindical.

A comarca de Vigo, “en coma produtivo”

Antes de que Seixo tomase a palabra interveu o secretario comarcal da CIG de Vigo, Alberto Gonzalves, que denunciou a grave situación na que se atopa a bisbarra. “Estamos sumidos nun coma produtivo resultado da desertización da nosa industria e do adelgazamento anémico de actividades que son fundamentais para esta comarca, como a construción naval ou a automoción”. O responsábel sindical lembrou que continúan a ser preto de 80.000 persoas as que se atopan privadas dun posto de traballo no conxunto da bisbarra.

“Ademais milleiros de fogares atópanse sen ningunha fonte de ingresos, e outros moitos está a atravesar durísimas penalidades para facer fronte aos seus gastos cada mes”. Fronte a isto, renovou o compromiso da CIG na defensa dos intereses da clase traballadora e adiantou que a central seguirá a dar resposta a cada ataque, a cada agresión, dende os grandes conflitos até as pequenas problemáticas concretas a través da mobilización e da loita. Para pechar a súa intervención citou unha frase de Fidel Castro: “Sigamos adiante sen dar un só paro atrás, nin para coller impulso”.

Galería de imaxes da Coruña, Lugo, Pontevedra, Ourense, Santiago e Ferrol

 
Xunta de Persoal e comité de Correos denuncian as "malas prácticas" da Mutua Fraternidad PDF Imprimir Correo-e
Mércores, 19 Abril 2017 13:44

Este venres 21 de abril, ás 11:30 horas en Compostela

Xunta de Persoal e Comité de empresa provincial de Correos da Coruña convocan para o próximo venres, día 21 de abril, ás 11:30 horas, unha concentración diante da sede de Compostela da Mutua Fraternidad Muprespa, encargada da atención médica do persoal de Correos, en protesta polas “malas prácticas” da entidade e para exixir responsabilidades por esta “inadmisíbel” forma de proceder. Demandan ademais que se leven a cabo as accións oportunas a fin de reverter esta situación de inmediato.

A acción de protesta irá acompañada polo envío dunha carta detallando a denuncia desas “malas prácticas” ao Colexio Médico e os “malos modos empregados polo persoal encargado de prestar a atención médica”, que xa foron denunciados publicamente por traballadores/as de Correos afectados.

Cos recentes cambios normativos, as mutuas viron aumentadas as súas competencias na atención sanitaria ao persoal de Correos, o que está provocando unha cada vez maior desprotección e indefensión das traballadoras e traballadores desta entidade pública.

A isto, representantes da Xunta de Persoal e do comité engaden as políticas de control das baixas por enfermidade implantadas pola empresa para dificultar que o persoal acceda a elas e os abusivos descontos en nómina cando se lles conceden.

Ler máis...
 
A CIG-Correos detecta 127 afectados/as por contratos irregulares na provincia da Coruña PDF Imprimir Correo-e
Mércores, 19 Abril 2017 13:43

A central denunciou esta situación na Inspección de Traballo

A CIG Correos da Coruña denunciou esta semana diante da Inspección de Traballo a empresa Sociedade Estatal Correos e Telégrafos S.A., pois, no marco do labor de control que fai a central sindical sobre o sistema de contratación, atopáronse 127 afectados/as por contratos irregulares na provincia nos anos 2015 e 2016.

Aínda sendo "graves e inadmisíbeis" os feitos detectados nos derradeiros anos, para o sector de Correos da CIG resulta "incríbel que continúen a suceder" despois de ser sancionada a empresa pola consellería de Economía Emprego e Industria, de xeito reiterado en 2015 e de novo en 2016, tal e como lle foi notificado á central en datas pasadas.

En 2015, Correos foi sancionada por falta grave en grao medio e en grao máximo en 2016, impóndoselle a maior das sancións previstas

Así, en 2015 Correos S.A. foi sancionada por falta grave en grao medio e en grao máximo en 2016, impóndoselle a maior das sancións previstas. Pero estas multas parecen ser insuficientes para que a empresa estatal corrixa os seus modos de “… utilización fraudulenta da modalidade contractual e transgresión da normativa reguladora …”, tal como os describe a Consellería. "Correos, seguindo as directrices austericidas do goberno de Madrid, encobre con contratos temporais o que son vacantes de persoal que deberían de ser consolidadas en postos fixos", denuncia Fernando Novás, delegado sindical da CIG-Correos da Coruña.

Tamén advirte a CIG Correos que tal cantidade de contratos en fraude de lei podería causar unha avalancha de demandas de fixeza, despois do precedente do ano 2011, no que un empregado conseguiu pactar cos responsábeis de Correos no órgano de arbitraxe (SMAC), un acordo de relación laboral con carácter fixo, "conseguindo deste xeito, sen mediar resolución ditada por ningún órgano de Correos, un posto fixo".

Ler máis...
 
Campaña pola recuperación de dereitos marcará celebración do 1º de Maio PDF Imprimir Correo-e
Martes, 18 Abril 2017 21:07
A CIG convoca 13 mobilizacións para conmemorar o Día Internacional da Clase Obreira

A CIG aproveitará a celebración do Primeiro de Maio, Día Internacional da Clase Obreira, para continuar coa súa campaña a prol da recuperación dos dereitos laborais e sociais roubados coa escusa da crise e para reclamar a derrogación das sucesivas reformas antiobreiras. A central conmemorará esta data coa convocatoria de 13 mobilizacións nas principais localidades do país baixo o lema “Recuperar os nosos dereitos, derrotar as reformas”.

Dende a CIG lembran que nos últimos oito anos os diferentes gobernos do PP e do PSOE atacaron por medio de reformas lexislativas os principais dereitos conquistados pola clase traballadora na súa historia constante de loita. “Amparados na crise tomaron por asalto as nosas pensións, os dereitos laborais, os salarios, reduciron a nosa protección e cobertura sanitaria, etc”, sinalan.

Ler máis...
 
A CIG-Área Pública rexeita un 'Acordo para a mellora do emprego público' que avala a súa destrución PDF Imprimir Correo-e
Martes, 04 Abril 2017 13:10

Cre “impresentábel” que CCOO, UGT e CSIF renuncien a recuperar efectivos, dereitos e salarios

CIG-Administración, CIG-Ensino e CIG-Saúde rexeitaron, en rolda de prensa, o acordo asinado este mércores, antes mesmo da celebración da Mesa Xeral das Administracións Públicas, por CCOO,UGT e CSIF. Denuncian que “é unha renuncia a recuperar todo o emprego público perdido durante todos estes anos” e que non contempla tampouco a recuperación nin dos dereitos laborais suprimidos, nin das condicións salariais recortadas. Lonxe disto, denuncian que se lle dá un aval ao Partido Popular para que utilice ao persoal das administracións públicas como arma para que se lle aproben os orzamentos de 2017.

“O contido deste documento non contempla a creación de emprego público en ningunha das administracións, non leva parello dotación económica, nin abre a vía para que se derroguen ou modifiquen os decretos lei que nos impuxeron ao longo destes anos e que impedían dotar as administracións públicas dos recursos humanos que precisan”.

Esta foi, segundo explicou a portavoz da Área Pública da CIG, Maricarme López Santamariña, unha das principais causas polas que a central sindical acordou non asinar este “Acordo para a Mellora do Emprego Público” que, en realidade. non mellora o emprego público.

Non mellora o emprego público

De feito, as condicións salariais e os dereitos perdidos por mor da imposición de sucesivos decretos leis -que comezaron xa no ano 2010, con Zapatero, cun recorte do 5% nos salarios- se manteñen. “Non se fala da recuperación do poder adquisitivo perdido, de arredor dun 30% nestes anos, nin da recuperación dos fondos de acción social, nin da volta á xornada laboral que tiñamos establecida nas administracións ou da recuperación do complemento do 100% en caso de IT. Non se fala de nada de nada”, denunciaba López Santamariña.

Fronte a un acordo que a CIG-Área Pública entende que é tamén “unha renuncia a poder recuperar todo o que nos foron roubando e vai imposibilitar a reposición de efectivos nas administracións”, reclama a recuperación de dereitos, de servizos públicos e a dotación de cadros de persoal estruturais que permitan recuperar os servizos esenciais.

Lembra ademais que nin sequera se eliminan, como a CIG demandaba,  as taxas de reposición, que se manteñen e que serán dun 50% para a administración xeral e dun 100% para os servizos que se consideran esenciais.

Cumprimento das sentenzas europeas

Ler máis...
 
<< Inicio < Anterior 1 2 3 4 5 6 7 8 9 10 Seguinte > Final >>

Páxina 3 de 47
Joomla Templates: by JoomlaShack