Federación de Administración Pública da CIG

Federación de Administración Pública da CIG

Ligazóns sectores

Autonómica
Correos
Xustiza

Ligazons confederacion

CIG - Avantar
Forga
Saúde laboral
Fesga

Procurar no web

Novas
A CIG-Área Pública exixe a convocatoria da Mesa Xeral de Negociación das Administracións PDF Imprimir Correo-e
Martes, 31 Xaneiro 2017 21:59

A central vén de transmitirlle á Secretaría de Estado de Función Pública o seu malestar pola falta de información

A Área Pública da CIG vén de transmitir a súa protesta e malestar a Elena Collado, secretaria de Estado de Función Pública, dependente do Ministerio de Facenda, pola “falta de comunicación e información” que ten a CIG malia ter presenza na Mesa Xeral de Negociación das Administracións Públicas e nas distintas mesas de negociación sectoriais.

Na comunicación remitida sinala que tivo constancia, a través de diversos medios de comunicación, das xuntanzas que se están a realizar con organizacións sindicais que tamén están presentes na Mesa Xeral. “Noticias nas que se fala de que o goberno e os sindicatos están tratando temas como a suba salarial dos traballadores e traballadoras das administración públicas, emprego público…”

Diante disto a CIG lembra que tal e como se acordara na última xuntanza da Mesa Xeral de Negociación das Administracións Publicas, celebrada o pasado día 29 de xuño de 2016, remitiu xa daquela propostas, suxerencias e consideracións en materia de Función Pública de cara á futura Lei de Orzamentos Xerais do Estado para este año 2017.  Porén, afirma, “a data de hoxe só nos consta que por  parte de Función Pública foron recibidas, sen ter ningunha outra comunicación nin resposta ás propostas que enviamos.

Por iso exixe a convocatoria da Mesa Xeral de Negociación das Administracións Públicas na que se acometan e negocien as demandas laborais , as melloras oportunas para a correcta prestación dos servizos públicos así como a continuidade dos mesmos”. Servizos públicos que, subliña, se atopan nun grave deterioro como consecuencia das súas propias políticas.

A CIG reclama medidas para recuperar os niveis de emprego público e rematar coa precarización laboral nas administracións

 
A CIG proclama en Compostela que o sistema público de pensións “é viábel” e “ten futuro” PDF Imprimir Correo-e
Luns, 30 Xaneiro 2017 10:25

Seixo denuncia que se pretende amedrentar á poboación para que contraten plans privados favorecendo así o negocio dos especuladores

Miles de traballadores/as, xubilados/as e pensionistas chegados de toda a xeografía galega sumáronse á manifestación convocada para este sábado pola CIG en defensa do sistema público de pensións. Unha mobilización que forma parte dunha campaña máis ampla que a central sindical puxo en marcha pola recuperación dos dereitos perdidos pola clase traballadora galega nos últimos anos, a consecuencia das políticas laborais, sociais e económicas, promovidas polo Partido Popular.

Así o explicou o secretario xeral da CIG, Suso Seixo na súa intervención, na que explicou que todas as reformas emprendidas polo PP: das pensións, das prestacións por desemprego, dos despedimentos, da negociación colectiva ou mesmo a lei de seguridade cidadá, responden ás mesmas razóns políticas, económicas e ideolóxicas. “Trátase de fortalecer un modelo de sociedade, un modelo económico ao servizo dos intereses da oligarquía, dos grandes grupos económicos, en prexuízo dos intereses das clases traballadoras, da maioría social”.

Seixo denunciou que con ese modelo económico e social “inxusto”, de capitalismo neoliberal “que incrementa as desigualdades”, “non se garanten dereitos básicos” como as pensións, o ensino, a sanidade, a vivenda, a enerxía” a toda a poboación nunhas condicións dignas, nin “un reparto igualitario, que provoca unha acumulación de riqueza cada vez en menos mans a custo de empobrecer á maioría da sociedade”.

A estes intereses de clase atribuíu a “campaña permanente que o poder económico e político manteñen nos medios de comunicación para convencer á xente de que o sistema público de pensións non ten futuro, é un sistema en quebra. Isto é unha grande mentira”, afirmou.

Lonxe disto, Seixo asegurou que o que se pretende con esta campaña é “meterlle medo á poboación para que pense que non ten garantida unha pensión pública e que ten que aforrar para subscribir un plan privado de pensións”. Denunciou que este “é o grande negocio da banca, dos especuladores”.

Ler máis...
 
Persoal da Área Pública demanda no Parlamento servizos públicos de calidade e a recuperación dos seus dereitos laborais PDF Imprimir Correo-e
Xoves, 26 Xaneiro 2017 10:28

O vindeiro día 6 de febreiro volverán a concentrarse diante do Pazo do Hórreo coincidindo coa votación dos Orzamentos da Xunta de Galiza para 2017

Nacional - 25 Xan 2017

Delegados e delegadas da Área Pública da CIG (Administración, Ensino e Saúde) concentráronse este mércores diante do Parlamento de Galiza para demandar uns servizos públicos de calidade e a recuperación dos dereitos laborais e salariais perdidos ao longo destes anos. A mobilización, que se repetirá o vindeiro luns, día 6 de febreiro, coincidiu co debate e votación dos Orzamentos da Xunta de Galiza para o ano 2017.

Segundo explicou a portavoz da Área Pública, Maricarme López Santamariña, con esta mobilización “queremos manifestar a nosa oposición a uns orzamentos que non se diferencian nada dos presentados polo PP en anos anteriores”, explicou a portavoz da Área Pública, Maricarme López Santamariña.

E é que para Ensino, Administración e Saúde, o proxecto de orzamentos presentado polo goberno Feijóo “confirma unha vez máis o recorte dos nosos dereitos e os nosos salarios, non pula por unha recuperación efectiva dos servizos públicos, non contempla ningunha referencia ás taxas de reposición, simplemente se dedican a facer declaracións a través do presidente Feijóo que xa dixo que eles acatarán no que se decidira en Madrid. Non teñen a decencia sequera de manifestar que a Xunta está porque se rache coas taxas de reposición”.

A este respecto, López Santamariña lembrou que no recente cumio de presidentes autonómicos Feijóo “non abriu a boca” na defensa dos servizos públicos, malia presentar estes orzamentos como os da recuperación. “Véndenos como se supuxeran un gran avance no campo dos servizos públicos, con esa oferta de emprego que anuncia por aí de 3.000 postos de traballo, que é unha cativez se temos en conta como se laminaron os servizos públicos e nin sequera aportan solución algunha á grande taxa de precariedade que se padece”.

Canto aos dereitos económicos e laborais do persoal, a portavoz da Área Pública denunciou que aínda que se repite que van ser recuperados “non van repoñer a totalidade da paga extra porque quedan sen recuperar a parte salarial que nos recortaron xa co goberno Zapatero do 5% e os demais complementos que nos quitaron”. Ademais, engadiu “tampouco se fala en ningún momento da reposición dos nosos salarios de 2013”.

Para a Área Pública é tamén “unha falta de respecto” que non se presenten á representación sindical, e nomeadamente á CIG como central maioritaria na función pública, ningunha das medidas que se veñen anunciando no Parlamento ou a través dos medios de comunicación. “En ningún momento poñen no noso coñecemento as intencións que teñen de cara aos traballadores e traballadoras das administracións públicas e cara aos propios servizos públicos”.

Por todo isto, López Santamariña asegurou que a central sindical vai estar sempre “estas políticas de destrución dos servizos públicos e do emprego público que non aportan ningún avance nin económico, nin laboral, nin social, dos seus traballadores e traballadoras”.

Equiparación do persoal

Xunto a isto, a Área Pública da CIG considera tamén grave que se manteñan as distincións entre o persoal da propia Xunta de Galiza. “Non poñen remedio para regularizar o persoal que teñen nos entes públicos, nomeadamente o Consorcio Galego de Servizos Sociais, nin poñen enriba da mesa solucións para a integración, dunha vez, do seu persoal no V Convenio co fin de igualar as súas condicións de traballo. Algo que deberían facer en todos os entes da Xunta de Galiza”.

 
As traballadoras/es do Concello de Sarria non poderán cobrar os salarios pola falta de tesoureiro/a PDF Imprimir Correo-e
Xoves, 26 Xaneiro 2017 10:27

CIG-Administración Local reclama unha mesa de negociación urxente para abordar esta insólita situación

Sarria - 25 Xan 2017

O goberno municipal de Sarria vén de anunciar que non poderá realizar ningún pago, incluídas as nóminas do seu persoal, pola falta de tesoureiro/a. Unha situación, denuncian dende o Sector de Administración Local da CIG de Lugo-A Mariña, que deixa en "absoluta indefensión" os traballadores e traballadoras do Concello, "que van ser os verdadeiros/as prexudicados/as" desta medida.

Dende a CIG-Administración Local censuran "a irresponsabilidade daquelas forzas políticas" que co seu voto impediron a creación da praza de Tesoureiro/a, e que hoxe da lugar "a esta insólita e dramática" situación.

Reclaman a convocatoria con carácter de urxencia dunha mesa de negociación para poder analizar e debater a situación xerada e, neste senso, instan o goberno municipal a que adopte as medidas necesarias para desbloquear esta problemática, e así poder afrontar ao pago dos salarios.

Fernando Fernández, responsábel Sector de Administración Local CIG Lugo engade que "esperamos que dende de todas as partes (Concello, Xunta, Ministerio e grupos políticos con representación municipal) se actúe coa responsabilidade e cordura precisa para dar unha solución rápida a esta situación".

De non ser así, analizarase coas traballadoras e traballadores afectados as accións a desenvolver na defensa dos seus intereses.

Aínda que este é o primeiro caso que se rexistra en Galiza, o impago dos salarios ao persoal municipal poderíase estender a outros Concellos, xa que a maioría deles non contan cun tesoureiro ou tesoureira habilitada.

 
Orzamentos 2017: mobilizacións en defensa dos servizos públicos e a recuperación dos dereitos roubados PDF Imprimir Correo-e
Venres, 20 Xaneiro 2017 11:16

CIG-Área Pública convoca concentracións o 25 de xaneiro e o 6 de febreiro no Pazo do Hórreo

Co gallo do debate e votación dos Orzamentos da Xunta para o ano 2017, a Área Pública da CIG ten convocadas mobilizacións, ás 12 horas, diante do Parlamento Galego o vindeiro mércores 25 de xaneiro e o luns 6 de febreiro, en defensa duns servizos públicos e de calidade e para demandar a recuperación dos dereitos laborais e salariais "roubados nos últimos anos".

Con estas concentracións, explica Maricarme López Santamariña, voceira da Área Pública da CIG (Administración, Ensino e Saúde) quérese amosar o rexeitamento aos orzamentos da Xunta argallados polo goberno do PP para este ano así como á lei de acompañamento.

No proxecto de orzamentos presentado no Parlamento -que non foi entregado ás centrais sindicais na mesa de negociación- non se contempla nin a reposición de servizos públicos, nin medidas para atallar a precariedade laboral instalada nestes momentos nas distintas administracións. "A taxa de temporalidade xa acada nalgúns servizos o 20%, co agravante de que entre os anos 2010 e 2016, en Galiza, perdeuse máis dun 6% de emprego público", alerta López Santamariña.

Parte da causa desta temporalidade e da precariedade é debida á taxa de reposición de efectivos, "que se ben é unha competencia da administración do Estado non se está oíndo que por parte da Xunta de Feijoo se demande a eliminación da mesma e incluso a posibilidade de recuperar servizos públicos".

Precarización e perda de emprego

Non hai que perder de vista que no período 2010-2015 a porcentaxe de reposición foi do 0%, agás para os servizos esenciais nos que, entre 2011 e 2014, estivo fixada nun exiguo 10%. Isto significou a perda de máis de 4.000 empregos públicos e un incremento da temporalidade: neste intre contabilízanse nos distintos servizos das administracións máis de 5.000 traballadores e traballadoras con contratos temporais, de relevo, por días, horas, etc.

En contraste con estas cifras, o Conselleiro de Facenda anunciou como unha das medidas estrelas dos orzamentos a creación de 3.000 postos de traballo. "Tendo en conta os datos anteriores, esa oferta de emprego que anuncian a bombo e prato non é máis que un apósito cativo para a sangría que está sufrindo a administración", asevera.

Ler máis...
 
IG chegará a onde sexa necesario para conseguir a restitución de todos os dereitos de Nélida Pisco PDF Imprimir Correo-e
Venres, 20 Xaneiro 2017 11:14

Respaldo multitudinario á condutora durante a concentración da estación de autobuses de Santiago

Delegados e delegadas da CIG, entre os que se atopaban compañeiros/as do sector de transporte de viaxeiros da área de Compostela, representantes da Executiva da CIG, da secretaría da Muller e de diversas federacións, ademais de representantes institucionais nacionalistas, quixeron este xoves mostrar o seu apoio a Nélida Pisco na concentración convocada pola central sindical diante da estación de autobuses de Compostela. Unha mobilización en denuncia do acoso laboral que padece a condutora de Autobuses de Calo por parte da empresa e en demanda da súa inmediata readmisión no seu posto de traballo en condicións dignas.

Con esta concentración a CIG tiña como obxectivo exixir a inmediata intervención da Xunta de Galiza en defensa dos dereitos dunha muller traballadora sometida a acoso laboral nunha empresa que é concesionaria dun servizo público como é o transporte metropolitano, que depende directamente dunha lei e dun concurso público da consellaría de Infraestruturas e Vivenda.

De feito, no decurso da concentración, Inácio Pavón, da FGAMT de Compostela, lembrou que xa hai máis de unha semana que está solicitada unha entrevista coa conselleira, Ethel Vázquez, que aínda non obtivo contestación. “A Xunta debe deixar de mirar para outro lado, dunha vez, e implicarse nun conflito que transcende as simples diferenzas laborais entre unha empresa e unha traballadora”, afirmou.

A isto engadiu que estamos diante dunha situación que “está acreditada por sucesivas actas da Inspección de Traballo, sentenzas do xulgado do Social de Santiago e do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza”.

O propio secretario xeral da CIG, Suso Seixo, foi o encargado de pechar o acto lembrando todo o acontecido desde o ano 2009. Data na que se inicia este conflito coa solicitude dunha redución de xornada.

Responsabilizou á Xunta de Galiza e ao propio presidente, Núñez Feijóo, por publicitar medidas favorábeis á defensa dos dereitos das mulleres e contra a violencia machista mentres que, porén, nun caso real como o de Nélida Pisco non actúan. Por iso acusounos de ser “cómplices” da empresa nun caso que cualificou como “gravísimo”, como este.

Ler máis...
 
NOTA PRENSA CIG A CORUÑA PDF Imprimir Correo-e
Luns, 16 Xaneiro 2017 13:41

Dende a sección sindical da CIG do Concello da Coruña queremos rexeitar a política de xestos deste goberno municipal, concretamente da despedida que o Sr Alcalde vaille dar (13 xaneiro)

aos/as traballadores/as do RISGA que prestaron servizo estes últimos 7 meses e cunhas retribucións por categorías de 684 e 612€, cando o Comité de Empresa deste Concello leva solicitado dende a constitución do mesmo en 2015, que se lles retribúa polo traballo que fan en igualdade de condicións que o resto do persoal municipal.

 

Dende a CIG, creemos que os/as traballadores/as do RISGA estarían moito máis satisfeitos si en vez da despedida oficial se lles pagara o que en xustiza lles corresponde polo traballo realizado e que non foran utilizados coma obra barata para limar e maquillar as listas do paro.

 

A Coruña 13 de xaneiro de 2017

 
CIG-Área Pública responde ás falsas declaracións do conselleiro de Facenda PDF Imprimir Correo-e
Venres, 13 Xaneiro 2017 13:41

nicia accións xudiciais contra "o mal hábito" da Xunta de reducir as mesas de negociación "a un mero trámite"

En relación ás declaracións do Conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, a Área Pública da CIG (Administración, Ensino e Saúde) quere manifestar e recordar que esta central sindical abandonou a mesa de negociación relativa aos orzamentos da Xunta no capítulo 1, por non terse achegado ningún tipo de documentación previamente, nin tampouco durante a propia reunión.

Denuncian que xa se converteu en "mal hábito do goberno da Xunta do PP" considerar as mesas de negociación como un mero trámite no que realmente non se negocia ningunha cuestión relativa ao persoal empregado público. Así, ao comezo da xuntanza do pasado 1 de decembro, a CIG solicitou o aprazamento da Mesa e unha nova convocatoria para a que se proporcionara previamente ás centrais sindicais a documentación necesaria.

Ante a negativa de Función Pública, optouse por abandonar e mesa e tal e como se anunciou naquel momento, a Área Pública da CIG está tramitando accións xurídicas pola vulneración continuada do dereito á negociación colectiva e de cara a corrixir estes malos hábitos da administración galega.

A este respecto, a CIG lembra que calquera negociación que pasa por “pór enriba da mesa a recuperación dos dereitos laborais e económicos do persoal das administracións públicas galegas”. Unha cuestión “irrenunciábel” xunto coa recuperación do emprego público e a blindaxe dos servizos públicos.

 
A CIG inicia o reparto de material informativo da campaña para recuperar dereitos laborais e sociais PDF Imprimir Correo-e
Venres, 13 Xaneiro 2017 13:40

Editou milleiros de panfletos, volantinas e documentos de análise sobre as pensións.

A Confederación Intersindical Galega (CIG) vén de iniciar o reparto do material informativo que fai parte da campaña para a recuperación dos dereitos laborais e sociais perdidos nos últimos anos. A central editou milleiros de panfletos e volantinas para explicar os detalles da iniciativa e un documento de análise sobre as pensións que serán distibuídos nos centros de traballo e na rúas.

A CIG xa comezou coa distribución do material informativo que fai parte da campaña de concienciación, acumulación de forzas e mobilizacións que vén de poñer en marcha co obxectivo de recuperar os dereitos laborais e sociais perdidos nos últimos anos.

Os representantes do sindicato repartirán nos vindeiros días por boa parte dos centros de traballo e das rúas de todo o país milleiros de panfletos e volantinas explicando a iniciativa e de documentos de análise sobre as pensións nos que se desenvolven as propostas e alternativas da central ao respecto.

Ler máis...
 
A CIG-Correos reivindica os “santos/as carteiros/as inocentes” PDF Imprimir Correo-e
Martes, 10 Xaneiro 2017 14:40

Desenvolveu unha ‘performance’ na zona vella compostelá para denunciar a indefensión do persoalCompostela  28 Dec 2016

A CIG-Correos de Compostela protagonizou esta mañá unha ‘performance’ reivindicativa para denunciar a situación na que se atopa a carteira de Boiro sancionada, logo de dous meses sen resolver o seu caso. Xunto a isto denunciou a indefensión das e dos carteiros diante dos abusos que padecen por parte da dirección de Correos.

Cunha procesión encabezada por un carteiro que cargaba coa súa propia cruz, simbolizando a excesiva carga de traballo que sofren as e os carteiros, por mor da redución dos cadros de persoal de reparto, comezaba a ‘performance’ que esta mañá se desenvolveu pola zona vella compostelá.

Un peculiar via crucis no que traballadores e traballadoras de reparto xunto con delegados/as e compañeiros/as da CIG portaban velas e carteis rogando por melloras nas súas condicións laborais. En plena Praza do Obradoiro o carteiro coa cruz axeonllouse suplicando clemencia a unha dirección que desoíu as súas pregarias diante das atónitas miradas de turistas e peregrinos que inmortalizaron esta inusual imaxe diante da catedral.

Desde alí a procesión regresou á Dirección Territorial de Correos, onde o carteiro que portaba a cruz foi atado polo seu verdugo –que simbolizaba un directivo da empresa estatal- e posteriormente salvado polos delegados/as da CIG que defenderon os seus dereitos.

Anxo Álvarez, da CIG-Correos, explica que con esta mobilización pretendíase chamar a atención tanto das veciñas e veciños de Compostela, como dos medios de comunicación. “Denunciamos a situación na que está esta compañeira, suspendida temporalmente de emprego e soldo inxustamente, mais tamén denunciamos a indefensión que sofren centos e centos de carteiros”.

Neste sentido sinalou que no seu traballo diario, o persoal de reparto padece un exceso de carga de traballo, contratacións irregulares, ordes que non se entregan por escrito e mesmo a obriga de traballar en días nos que non terían que facelo para recuperar festivos que teñen dereito a gozar.

Álvarez demandou máis persoal para atender  todas as zonas de reparto diariamente, dando así cumprimento ao que di a Lei Postal, segundo a que Correos e Telégrafos está obrigada a repartir en todas as zonas, todos os días laborábeis da semana. “Non se están cubrindo as ausencia, o que provoca que ese traballo se teña que repartir entre o persoal nalgúns casos ou que queden esas zonas sen reparto”.

Ao final do acto entregouse un escrito en Correos solicitando a inmediata readmisión da traballadora e anunciouse que haberá más mobilizacións até que se resolva o seu caso e mentres non se solucionen os problemas laborais do conxunto do persoal.

 
A Autoridade Portuaria de Vilagarcía deixa de entregar a cesta do Nadal por primeira vez na súa historia PDF Imprimir Correo-e
Martes, 10 Xaneiro 2017 14:35

Dende as centrais CIG e CCOO denuncian que a medida repercutirá negativamente no comercio local

Vilagarcía - 27 Dec 2016

As seccións sindicais da CIG e CCOO na Autoridade Portuaria de Vilagarcía, que conforman a maioría sindical nesta empresa pública, denuncian que a dirección vén de anunciar que este ano non haberá a tradicional cesta de Nadal para os traballadores/as. As centrais sosteñen que a medida repercute negativamente no comercio local, xa que se trata dun investimento que se adoita realizar na propia cidade e critican que a compañía non amose os supostos informes que desaconsellan entregarlle este agasallo ao persoal.

Dende as centrais CIG e CCOO explican que a dirección da Autoridade Portuaria de Vilagarcía pon como escusa para non entregar a cesta de Nadal por primeir vez en máis dun século uns son supostos informes desfavorábeis da Intervención Xeral da Administración do Estado “que nunca se poñen enriba da mesa pese ao noso dereito a coñecelos”.

Ao mesmo tempo, critican que a de Vilagarcía é a única Autoridade Portuaria de Galiza que elimina este dereito adquirido dos traballadores/as. “E isto acontece inexplicablemente cando desde a propia Autoridade Portuaria se transmite o incremento no movemento de mercancías”, denuncian.

A CIG e CCOO lembran que se trata dun dereito adquirido dos traballadores/as

Lembran que se trata dun dereito adquirido dos traballadores/as, "tamén dos públicos". Así, citan a “importantísima” sentenza do Tribunal Supremo do 21 de abril de 2016 e a da Sala Cuarta do propio Tribunal Supremo do 3 de febreiro, “máis importante se cabe para nós pola condición de empregados/as públicos/as”. Nela establécese que por razóns de seguridade xurídica e igualdade procede aplicar a doutrina máis recente que admitíu a existencia de condicións máis beneficiosas no ámbito do emprego público mesmo cando se opoñen a prescripcións restrictivas, como os informes da IGAE que expresamente nomea a sentenza.

Deterioro das relacións laborais

Ler máis...
 
Condenan o Concello da Coruña a readmitir a delegada da CIG despedida PDF Imprimir Correo-e
Xoves, 29 Decembro 2016 11:26

A administración comunicoulle o cese tras reclamar que se recoñecera a súa relación laboral indefinida

Un xulgado vén condenar o Concello da Coruña a readmitir a unha traballadora -e delegada de persoal pola CIG- á que despediu de xeito improcedente xusto despois de ter reclamado que se recoñecera a súa relación laboral indefinida coa administración local. A sentenza entende que a empregada estaba en situación de fraude de lei e obriga ao Concello a reincorporar ou indemnizar,  de xeito inmediato, a despedida, así como a abonarlle os salarios de tramitación.

Esta traballadora leva prestando servizos para o Concello da Coruña dende o ano 2012 como orientadora laboral, cun contrato por obra ou servizo que lle prorrogan cada ano e financiado cunha subvención.

A sentenza recoñece que non existe causa para o despedimento e cuestiona o carácter temporal do servizo

O 31 de decembro de 2015 o concello procedeu ao  despedimento, alegando fin de obra, sen sequera iniciar o oportuno expediente previo, dada a súa condición de representante legal dos/as traballadores/as.

Fronte a decisión da goberno local, a sentenza recoñece que non existe causa para o despedimento, pois incluso "a falta de subvención ou a convocatoria para contratar axentes de emprego non pode dar lugar á extinción contractual" na forma levada a cabo polo Concello.

Ademais, cuestiónase incluso o carácter temporal do servizo que realiza a traballadora, que "parece que era permanente no Concello, pois non cabe falar de servizo temporal o que se leva a cabo durante uns catro anos e non ten aparencia de finalizar".

Así, o fallo xudicial declara a improcedencia do despedimento e condena o Concello da Coruña, a readmisión inmediata da traballadora nas mesmas condicións que tiña, ou ao abono dunha indemnización. En calquera caso, pola condición de delegada de persoal, a decisión queda en mans da traballadora, que finalmente optou pola readmisión. O Concello tamén terá que abonar os salarios deixados de percibir pola empregada dende a data do despedimento até a notificación da resolución.

Contratos temporais para tarefas estruturais

Dende a CIG-Administración Local critican a proceder do goberno da Coruña que segue contratando a través de programas de carácter temporal a realización de tarefas que son totalmente estruturais e que, diante dos despedimentos declarados improcedentes, non lle permita aos/ás traballadores/as temporais que escollan entre ser readmitidos/as ou indemnizados/as, dereito que a lei recoñece para o persoal fixo e para quen ostente a condición de delegado/a sindical.

 
Ningunha agresión sen resposta. Basta de violencia machista! PDF Imprimir Correo-e
Martes, 20 Decembro 2016 13:58

A CIG chama a participar nas mobilizacións convocadas para este martes pola Marcha Mundial das Mulleres

A CIG  fai un chamamento a participar nas mobilizacións convocadas pola Marcha Mundial das Mulleres, da que a central sindical forma parte, para este martes 20 de decembro, en repulsa aos asasinatos machistas de Ana María Enjamio e Elena Mihaela Marcus.

Concentracións ás 20h

- Vigo, no Marco

- Lugo, na Praza do Concello

- A Coruña, no Obelisco

- Compostela, na Praza 8 de marzo-Porta do Camiño.

- Ferrol, na Praza do Concello.

- Ourense, Castañeira (Subdelegación do Goberno).

- Pontevedra, na Audiencia Provincial.

Estes asasinatos non poden ser considerados como dous casos máis dunha longa lista de feminicidios. Son xa catro as galegas asasinadas durante o ano 2016. As dúas últimas en tan só dous días, mais deberan ser os derradeiros.

Non podemos asumir a cotidianidade dos asasinatos. É preciso denunciar os valores patriarcais que perpetúan e consolidan na sociedade a violencia contra as mulleres.

Desde a Confederación Intersindical Galega unímonos ao rexeitamento da violencia machista e facemos un chamamento á mobilización de toda a sociedade galega contra o feminicidio.

Que o silencio non nos faga cómplices. Ningunha agresión pode quedar sen resposta.

 
A Xunta de Galiza crea unha nova categoría na administración pública: “chico para todo” PDF Imprimir Correo-e
Martes, 20 Decembro 2016 13:57

Dende a CIG-Autonómica exixen que se inclúan nas categorías existentes no V Convenio

“A Xunta de Galicia leva 8 anos incumprindo o convenio colectivo para o persoal laboral da Administración galega e negándose reiteradamente a convocar a mesa de funcións para definir as mesmas en todas as categorías, tal e como recolle o convenio, e agora pretenden eliminar todas as funcións de dito persoal para crear categorías que fagan de todo”.

Así o asegura o sector da Autonómica da CIG-Administración que denuncia que, por unha banda, e tendo unha categoría que se chama coidador/a xeriátrico, pretenden crear unha categoría nova, coa denominación de xerocultor/a, “polo que non sabemos a intención real desta actitude que o único que pretende é atomizar o servizo e crear persoal en diferentes categorías coas mesmas funcións”.

Xunto a isto asegura que a intención da Administración galega, e en especial da Consellería de Política Social, “a consellería do Goberno do Partido Popular que se leva caracterizado nestes derradeiros 8 anos en ser a consellería que máis dereitos sociais e laborais leva eliminado ao persoal ao seu servizo, na historia do goberno autonómico galego”, non queda aquí.

A Consellería de Política Social, coa necesaria complicidade da Dirección Xeral da Función Pública, pretende crear unha nova categoría chamada Persoal de Servizos Xerais, cunha funcións que o converterían en Chico/a para todo, tal e como demostra a súa propia proposta que recolle o seguinte:

  1. a) Apoio á xestión Administrativa.

Tramitación de pedidos, rexistro de entrada de documentos, transcrición de informes, etc.

  1. b) Recepción, portería, atención e información aos usuarios.

Atención aos usuarios, información aos usuarios, atención telefónica, etc.

  1. c) Limpeza, lavandería, mantemento e apoio ás funcións xerais.

Apertura e peche dos centros, control das instalacións e vixilancia da limpeza dos mesmos, limpeza e mantemento das estancias e dos materiais, retirada de cueiros, montaxe e desmontaxe de cunas, lavandería do centro, etc..

  1. d) Apoio en cociña e comedor segundo o centro e o tipo de servizo.

Elaborar e servir as comidas nos comedores

Entenden que deste xeito, “a partir de agora xa non é necesario na Xunta de Galicia que exista persoal administrativo, nin de atención ao público, nin limpeza ou cociña. Un auténtico despropósito”.

Pero este despropósito, afirman, non remata aquí, senón que continúa, coa Lei de medidas fiscais e administrativas, onde “crean as escalas de Xerocultor/a e de Persoal de Servizos Xerais, polo que a partir de agora xa non será necesario a cobertura de ningunha praza de administrativo, nin de subalterno, xa que unha única escala fará de todo”.

Por iso, exixen que se inclúan estas categorías nas categorías existentes no V convenio colectivo de xeito inmediato, e se deixe dende a Consellería de Política Social de “maltratar” ao persoal ao seu servizo, “negando dereitos de continuo, e buscando a forma de desprestixiar aos profesionais ao seu servizo”.

 
Xunta de persoal e comité de Correos concéntranse para rexeitar a persecución da empresa a unha traballadora PDF Imprimir Correo-e
Xoves, 15 Decembro 2016 15:09

Demandan a suspensión das medidas cautelares aplicadas a unha carteira de Boiro.

Representantes da Xunta de Persoal e do Comité de Empresa de Correos, xunto con traballadores e traballadoras da entidade concentráronse esta mañá diante da sede da Dirección Territorial de Correos, en Compostela, para denunciar a decisión de suspender temporalmente de emprego e soldo a unha carteira de Boiro e demandar que non se apliquen estas medidas cautelares mentres non se investigue.

No decurso da concentración representantes sindicais explicaron que esta mobilización responde á grave decisión de Correos de suspender de emprego e soldo a unha carteira de Boiro. Fronte a isto aseguraron que ela fixo correctamente o seu traballo en base á normativa postal, tal e como indica o RD 1829/1999. Por iso denunciaron que se trata dunha sanción inxusta e que nin sequera se lle deu a oportunidade a traballadora de alegar no seu favor.

Os representantes dos traballadores sinalaron que a Correos tomou esta decisión logo da denuncia dunha cooperativa e en base a presuntos “informes terxiversados” do concello de Boiro e da propia unidade de reparto de Correos. Informes segundo os que esta traballadora tería incorrido nunha falta por non entregar unhas notificacións a esta cooperativa.

Fronte a isto a Xunta de Persoal e o Comité de Empresa consideran moi grave que a esta traballadora non se lle dera sequera a oportunidade de alegar nada, vulnerando así o dereito fundamental á presunción de inocencia, como sería preceptivo nun Estado de dereito.

Por iso exixiron que se paralice a aplicación desta medida, que consideran “desproporcionada”, mentres non remate a investigación dos feitos e se esclarezan todo o asunto. Investigación que, en todo caso, denunciaron que “Correos está levando a cabo cunha anormal parsimonia”.

 
<< Inicio < Anterior 1 2 3 4 5 6 7 8 9 10 Seguinte > Final >>

Páxina 5 de 48
Joomla Templates: by JoomlaShack