Federación de Administración Pública da CIG

Federación de Administración Pública da CIG

Ligazóns sectores

Autonómica
Correos
Xustiza

Ligazons confederacion

CIG - Avantar
Forga
Saúde laboral
Fesga

Procurar no web

Novas
Marga Corral: “Temos que artellar respostas colectivas ás múltiples violencias que sufrimos as mulleres” PDF Imprimir Correo-e
Luns, 28 Novembro 2016 00:03

A Secretaría da Muller da CIG presenta a campaña do 25 de novembro baixo o lema “Combatendo a violencia machista”


Nacional - 21 Nov 2016

A Secretaría da Muller da CIG conmemora este ano o 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia contra as Mulleres, cunha campaña que xirará arredor do lema “Combatendo a violencia machista” e que compila todas as accións que vén desenvolvendo na última década para “reducir, concienciar e combater a violencia machista”. Así o explicou a secretaria das Mulleres, Margarida Corral, quen fixo un chamamento a “artellar respostas colectivas ás múltiples violencias que sufrimos as mulleres” na rolda de prensa celebrada este luns en Compostela.

 
Até sempre, comandante Fidel Castro PDF Imprimir Correo-e
Domingo, 27 Novembro 2016 23:59

A CIG reivindica o legado do recentemente finado Fidel Castro, comandante da revolución cubana

 

Nacional - 26 Nov 2016

Desde a Confederación Intersindical Galega sumámonos ao pesar pola morte e á reivindicación mundial da figura revolucionaria de Fidel Castro, alén de transmitir todo o noso apoio ao pobo cubano e, singularmente, á Central de Traballadores/as de Cuba e ao Consulado de Cuba en Galiza.

A revolución cubana supuxo unha referencia imprescindíbel para os movementos de liberación nacional e na loita polo socialismo, principios fundacionais do sindicalismo nacionalista galego que representa a CIG, e que hoxe continúan vixentes.

Reafirmamos, así mesmo, o noso compromiso antiimperialista con Cuba e o seu pobo, tal e como fixemos nos últimos anos sumándonos ás diferentes campañas solidarias que xudiron no noso país para denunciar a agresión constante dos EUA.

Até a vitoria sempre!

Galiza, 26 de novembro de 2016

 
Denuncian a paralización das oposición aos corpos xerais da Xunta de Galiza PDF Imprimir Correo-e
Sábado, 19 Novembro 2016 23:20

A CIG-Administración Autonómica alerta de que non cumprir os prazos xera “inseguridade xurídica” nas opositoras/es.

O sector da Autonómica da CIG-Administración vén de denunciar o lento desenvolvemento dos procesos selectivos de Corpos Xerais da Xunta de Galiza. Unha lentitude provocada polo indeterminado tempo que pode transcorrer entre a publicación da Oferta de Emprego Público e a da convocatoria e a inconcreción nas datas de realización dos exercicios e o exceso nos prazos entre cada un destes.

Os procesos máis afectados polos atrasos son:

  • A2 promoción interna: segundo exame 27 de xullo e aínda sen notas; xa pasaron os prazos do terceiro (galego).
  • C1 promoción interna: segundo exame 14 de xullo e notas o 7 de outubro con modificación posterior o 14 de outubro; non hai nada do terceiro exercicio (galego) e xa pasaron os prazos (mesmo a ampliación concedida por Función Pública).
  • C2 promoción interna: segundo exame 22 de xullo e notas o 29 de setembro; non hai nada do terceiro exercicio (galego) e xa pasaron os prazos (mesmo a ampliación concedida por Función Pública)
  • C2 libre: primeiro exercicio 15 de xullo e notas o 29 de xullo; o segundo estaba previsto desde setembro para esta primeira quincena de novembro; incumprido.
  • A1 promoción interna: aínda non están publicadas as notas do segundo exame realizado o 28 de setembro e en breve incumprirán tamén o prazo para realizar o terceiro exame, previsto para a segunda quincena de novembro; o 16 de setembro ampliaron o prazo por 20 días.
Ler máis...
 
A Xunta retira helicópteros das bases con persoal público e mantén as xestionadas por Natutecnia PDF Imprimir Correo-e
Martes, 15 Novembro 2016 19:08

O sector autonómico da CIG-Administración esixe un servizo profesional, único e público, que remate co “negocio do lume”

O sector autonómico da CIG-Administración denuncia que unha vez rematada a tempada de alto risco, que este ano se prolongou até o 15 de outubro, a consellaría de Medio Rural retirou os helicópteros das bases con persoal propio do Servizo Público de Defensa Contra Incendios Forestais (SPDCIF) mentres mantén a pleno rendemento as bases xestionadas pola empresa privada NATUTECNIA.

Trátase, segundo explican, das bases de Marroxo en Lugo, Campiño en Pontevedra e Vilamaior en Ourense. Bases que contan con persoal fixo descontinuo de 9 meses, traballadores da Administración Autonómica que agora están a prestar servizo como brigadas helitransportadas sen helicóptero.

Denuncian que mentres desactivan o servizo público, o resto de bases xestionadas pola empresa Natutecnia continúan a día de hoxe con todo o persoal de terra e todos os medios aéreos a pleno rendemento.

A maiores do persoal propio das bases helitransportadas, sinalan que a Xunta de Galiza rematou os contratos do persoal propio de reforzo de verán o pasado 1 de outubro, deixando sen persoal o período correspondente á ampliación do tempo de alto risco decidida pola Xunta (do 1 ao 15 de outubro).

“Isto responde á práctica á que nos ten desgraciadamente acostumados a Consellaría do Medio Rural, favorecendo sempre a privatización do dispositivo de loita contra incendios forestais, encargando a empresas privadas a xestión e aproveitamento das bases de utilidade e propiedade pública, prexudicando o funcionamento do servizo coa única finalidade de privatizar e pasar o servizo público a mans privadas”.

Lembran que neste ano aumentouse a duración do contrato das empresas privadas das brigadas helitransportadas, encomendándoselles tamén como novidade tarefas de prevención.

“Estamos entón, a día de hoxe, co reforzo de verán do SPDCIF na casa, con brigadas do dispositivo público helitransportado con contrato ata rematar novembro pero sen helicópteros, e coas brigadas de empresa privada a pleno rendemento prestando máis funcións e durante máis tempo”, denuncian.

Por iso o sector da Autonómica reclama un servizo único profesional e público, que corte de raíz co negocio do lume, “do que se está a beneficiar a empresa privada Natutecnia e que foi perniciosamente proxectado dende a Consellaría do Medio Rural”.

Xunto a isto lembran que xa no mes de maio presentaron no Parlamento unha Proposición Non de Lei solicitando a ampliación a nove meses do período de traballo do persoal de reforzo de tres meses do SPDCIF, “onde demostrabamos que o custe económico desta proposta sería arredor dun millón de euros por ano e provincia, cantidade netamente inferior a empregada nas helitransportadas privadas, demostrando que non se trataba dun problema de cartos senón de vontade política”.

 
Mobilizacións o 17 de novembro "ante a ameaza constante ás nosas pensións" PDF Imprimir Correo-e
Martes, 15 Novembro 2016 09:06

O colectivo de Xubiladas/os e Pensionistas da CIG convoca concentracións nas sete cidades

O Colectivo de Xubiladas/os e Pensionistas da CIG vai iniciar unha campaña para "propiciar a mobilización e a participación activa" deste colectivo na defensa do sistema público de pensións, do poder adquisitivo das mesmas e polo dereito a que as pensións mínimas sexan iguais ao SMI. Con tal motivo, o 17 de novembro teñen convocadas concentracións nas sete cidades galegas.

O colectivo de Xubilados/as e Pensionistas de Pontevedra anunciou en rolda de prensa as mobilizacións.

Dende o colectivo sinalan que nos últimos meses estanse a escoitar todo tipo de informacións sobre a viabilidade futura do sistema público de pensións, sobre a capacidade para pagar aos e ás pensionistas actuais nos próximos anos, ou incluso sobre a posibilidade de manter as pagas extraordinarias.

Preténdese xustificar o desmantelamento do sistema público das pensións para favorecer os plans privados"

"Estamos ante as mesmas mentiras de sempre, por moi decoradas que estean por supostos 'expertos'", denuncian. Entende o colectivo que con estas noticias en realidade preténdese xustificar o desmantelamento do sistema público e universal das pensións para favorecer os plans privados "dos que se enriquece as grandes empresas e bancos que as xestionan".

A este respecto, engaden que as sucesivas reformas das pensións e da Seguridade Social, aprobadas tanto polo PSOE como polo PP, dificultan cada vez máis o acceso ás pensións contributivas, rebaixan as contías de quen accede ao sistema e atrasan a idade efectiva de xubilación.

A pensión media en Galiza, 15 puntos por debaixo da media estatal

Ler máis...
 
O Consello Confederal da CIG convoca o VII Congreso para os días 27 e 28 de maio PDF Imprimir Correo-e
Martes, 08 Novembro 2016 15:04

Acordou tamén, entre outras cuestións, conxelar as cotas sindicais para o ano 2017 e reforzar o papel da caixa de resistencia.

O Consello Confederal da CIG aprobou esta mañá por unanimidade a convocatoria do VII Congreso para os días 27 e 28 de maio. Xunto a isto aprobou o Regulamento precongresual, onde se estabelecen os prazos do proceso ou número de congresistas, entre outras cuestións, e as comisións de traballo das que sairán os relatorios de Acción Sindical, Organización e Estatutos que serán obxecto de debate no Congreso e que definirán as liñas de actuación da central sindical para os vindeiros anos.

O VII Congreso, que terá lugar no Pazo de Congresos,  en Compostela, permitirá avaliar o traballo desenvolvido nos últimos catro anos. Un período no que a CIG conseguiu consolidar a súa posición como primeira forza sindical en afiliación en Galiza, con arredor de 65.000 afiliados/as, e a menos de un punto de ser a primeira en número de delegados/as.

Partindo destas premisas a CIG encara este Congreso co obxectivo de seguir reforzando a súa estrutura e organización e definir as liñas de traballo que permitan a súa consolidación como primeira forza sindical en Galiza para mellor loitar polos dereitos e as condicións laborais e de vida da clase traballadora galega.

Regulamento precongresual

O Consello Confederal elixiu a comisión de Organización do VII Congreso, que recae na propia executiva confederal, e aprobou o Regulamento, que contempla a participación de 540 congresistas de elección directa máis os membros de pleno dereito, Consello Confederal e Comisión de Garantías, ademais establece o calendario precongresual, que queda como segue:

Ler máis...
 
"Seguiremos na mobilización contra os acordos transatlánticos até a súa retirada definitiva" PDF Imprimir Correo-e
Venres, 28 Outubro 2016 10:56
A pesar dos atrancos e de adiarse a sinatura do CETA, a CIG entende que a UE e Canadá non cesarán nas negociacións até lograr a súa aplicación
Dentro do calendario de mobilizacións que a CIG vén realizando en rexeitamento aos diversos tratados comerciais que está a negociar a UE (TTIP, CETA e TISA), na tarde deste xoves realizouse unha concentración na Delegación do Goberno na Coruña, coincidindo co data da reunión na que estaba previsto que se asinara o acordo entre a Unión Europea e Canadá (CETA), suspendida logo do veto do parlamento de Valonia.
2016-10-27-ACorunha-StopCeta-04

Aínda que o cumio UE-Canadá tivo que ser adiado, as presións e negociacións de última hora con Valonia posibilitaron que tan só unhas horas despois se anunciara a existencia dun consenso para desbloquear o veto da rexión valona, grazas á introdución de pequenos cambios no texto do acordo. Estas modificacións terán agora que pasar polos parlamentos das diferentes rexións belgas e recibir o visto bo do resto dos membros da UE. Trámites que atrasarán a sinatura pero que non supoñen en ningún caso deixar nun caixón o documento.

"Nin as reticencias de Valonia nin as manifestacións realizadas no seu día por día por dirixentes de estados da UE dando por rotas as negociacións do TTIP (o outro gran acordo que se negocia cos EEUU), supoñen a liquidación definitiva dos tratados. Pois as grandes compañías transnacionais van presionar para conseguir que definitivamente se asinen estes perversos acordos, tan favorábeis ao seus intereses", advertiu o Secretario Comarcal da Coruña, Xabier Filgueira, durante a protesta realizada esta tarde diante da Delegación do Goberno. "Por iso, a CIG seguirá mobilizándose para esixir a non ratificación e a súa retirada definitiva".

Ao servizo dos intereses das grandes corporacións

O interese por sacar adiante estes tratados é de tal magnitude que nin o Presidente da Comisión Europea, Jean-Claude Juncker, nin a ministra de comercio de Canadá, Christia Freeland, puideron reprimir publicamente o seu enfado tras coñecer o veto valón. Porén, non cómpre perder de vista que antes da negativa da rexión belga, a Comisión propuxo a entrada en vigor provisional do tratado -trala súa aprobación no Consello de Europa e no Parlamento- e mentres se desenvolve o proceso de ratificación en cada un dos Estados membros.

Iso permitiría aplicar o CETA -nomeadamente as disposicións en materia de inversións- anos antes da súa ratificación definitiva e con independencia de que durante ese proceso un ou máis estados votaran contra do mesmo. "Entendemos que intentarán comezar a aplicar canto antes as disposicións do acordo. Por iso, dende a CIG seguiremos a informar das negativas consecuencias que os tratados teñen para Galiza e a mobilizarnos esixindo a non ratificación e a súa retirada", engadiu Filgueira.

Neste senso, apuntou que tras o interese e urxencia das institucións europeas e canadenses por aprobar o CETA, agóchase o TTIP, o acordo que a UE aínda está negociando cos Estados Unidos e que ten xerado un enorme rexeitamento social. De non lograr finalmente sacar adiante ese acordo, considérase que boa parte dos seus obxectivos poderíanse lograr mediante o CETA, xa que as grandes corporacións estadounidenses teñen filiais en Canadá a través das que "materializar" os seus intereses na UE. É por iso que se adoita cualificar ao CETA como "o cabalo de Troia".

Finalmente, Filgueira destacou que a asemblea parlamentaria de Valonia puidos facer uso da soberanía que lle outorga a constitución do estado belga para pór en xaque un acordo internacional que considera prexudicial para os intereses do seu pobo e obrigar a pactar cambios no texto. Circunstancia imposíbel na Galiza pola falta de autogoberno e competencias.

 
A CIG denuncia unha “caza de bruxas” en Correos PDF Imprimir Correo-e
Xoves, 27 Outubro 2016 11:33
Alerta da inxusta decisión da entidade de sancionar a unha traballadora do servizo de reparto de Boiro
Ante a grave decisión de Correos de suspender de emprego e soldo a unha carteira de Boiro a CIG asegura que ela fixo correctamente o seu traballo en base á normativa postal tal e como indica o RD 1829/1999. Denuncia que se trata dunha sanción inxusta e que nin sequera se lle deu a oportunidade a traballadora de alegar no seu favor.
Moto de reparto de Correos estacionada

A CIG denuncia que Correos aplicou unha sanción de suspensión de emprego e soldo a unha traballadora do servizo de reparto de Boiro logo da denuncia dunha cooperativa e en base a presuntos informes terxiversados do concello de Boiro e da propia unidade de reparto de Correos. Informes segundo os que esta traballadora tería incorrido nunha falta por non entregar unhas notificacións a esta cooperativa.

Fronte a isto a CIG adianta que presentará informes periciais e testemuñais que demostrarán que esta traballadora fixo correctamente o seu traballo. Anxo Álvarez, representante de CIG-Correos denuncia que estamos diante dun caso que é “unha auténtica caza de bruxas” e que “ao mellor esta traballadora está pagando as consecuencias dun caso de mala praxe que se produciu recentemente en Fene”.

Álvarez considera moi grave que a esta traballadora non se lle dera sequera a oportunidade de alegar nada na súa defensa como sería preceptivo nun estado de dereito. Por iso anuncia que a central sindical vai solicitar copia de todo o expediente e, en caso de atopar algún documento que non se corresponda coa realidade poñerao en coñecemento da fiscalía anticorrupción e da Delegación do Goberno en Galiza.

 
Persoal auxiliar coidador da Xunta está sendo obrigado a prestar servizos para empresas privadas de cátering escolar PDF Imprimir Correo-e
Xoves, 27 Outubro 2016 11:32
CIG-Administración denuncia que a Xunta podería estar incorrendo nunha cesión ilegal de traballadores/as
CIG-Administración Autonómica da Coruña alerta da situación na que se atopa determinado persoal laboral da Xunta do colectivo de auxiliares coidadoras/es, que están sendo obrigadas/os a prestar os seus servizos nos comedores  escolares xestionados por entidades privadas “sen ánimo de lucro”. Unha circunstancia que pode constituír unha cesión ilegal de traballadores/as, xa que se trata de persoal contratado pola administración pública para o coidado de alumnos/as con necesidades especiais de apoio educativo, pero que está realizando servizos para estas empresas privadas.
10-04-21 protesta comedor colexio xunqueira

Estas situacións prodúcense nos centros públicos de Infantil e Primaria que dispoñen de espazo físico para habilitar un comedor e cuxo servizo está subcontratado a empresas privadas de restauración. As contratacións non son asinadas pola administración educativa, senón que están subscritas entre as empresas e as asociacións de nais e pais de alumnas/os (ANPA).

"Na maioría dos casos, por non dicir en todos os coñecidos até agora, o persoal auxiliar coidador presta os seus servizos baixo as directrices de superiores que nada teñen que ver coa dirección do centro ou coa súa relación contractual, provocándose situacións de roce entre o propio persoal do servizo de cátering e o persoal da Xunta", explica a responsábel do sector de Autonómica da CIG-Administración da Coruña.

Hai que ter en conta que a relación contractual destas empresas de cátering coas ANPAs implica que será a propia empresa quen teña que achegar  tanto os recursos materiais como persoais para a atención das/dos distintas/os usuarias/os do servizo de comedor. "Non queremos pensar que está practica supón un encubrimento para a non atención de nenas/os con necesidades específicas de apoio educativo dos cales se fan cargo, conxuntamente co profesorado, as/os auxiliares coidadoras/es en horario lectivo".

Neste senso, a propia lexislación estabelece que "as entidades privadas sen ánimo de lucro xestoras dos comedores escolares, mediante as distintas modalidades, organizarán e prestarán de xeito exclusivo os labores de atención e coidado do alumnado nos comedores, mediante os seus propios medios persoais ou recorrendo á contratación con empresarios e empresas especializadas.”

Por todo isto, enténdese a existencia dunha cesión ilegal de traballadoras/es da Xunta de Galiza cara ditas empresas privadas "coa conivencia da Administración Pública (e mesmo dalgunha dirección dalgún centro educativo), sometendo desta maneira a dito persoal coidador aos criterios da empresa privada".

A CIG xa ten posto en coñecemento da Inspección de Educación estas situacións e estuda iniciar as accións legais oportunas.

 
A CIG pon en marcha unha campaña para demandar a creación do cuarto Xulgado do Social en Lugo PDF Imprimir Correo-e
Luns, 24 Outubro 2016 12:04
A central alerta do colapso que sofre a administración de xustiza na provincia, na que se están fixando xuízos de asuntos ordinarios para o ano 2018
A CIG de Lugo-A Mariña informou este xoves en rolda de prensa da campaña que vai desenvolver durante o mes de novembro en demanda da creación do cuarto Xulgado do Social para a provincia de Lugo. Esta vella reivindicación, sinalan, resulta especialmente urxente nestes momentos, xa que se están marcando as datas de xuízos dos asuntos ordinarios para dentro de dous anos.
2016-10-20-RP-CampanhaCIGNovoXulgado-00

"Unha xustiza que non resolve rapidamente non é xustiza". Con esta premisa, a Unión Comarcal da CIG de Lugo-A Mariña pon en marcha esta campaña, lembrando que dende o estoupido da crise económica produciuse un incremento de procesos no Social que non só non foi acompañado da creación de novos xulgados ou o reforzo dos existentes, senón que, pola contra, "nos últimos catro anos asistimos á amortización de prazas na administración da xustiza", denunciaba Jesús H. Sánchez, responsábel nacional do Sector de Xustiza da CIG.

Sánchez, que compareceu xunto co Secretario Comarcal da CIG, Antonio Niño, apuntou que, se ben as gravosas taxas xudiciais impostas polo goberno do PP provocaron un descenso de entrada de asuntos noutros xulgados, non ocorreu así no social. De feito, a CIG xa teñen reivindicado en numerosas ocasións medidas urxentes para afrontar este colapso, pero "ningunha delas foi contestada".

O incremento de entrada dos asuntos urxentes e a acumulación dos ordinarios provocou unha dilación dos procesos, chegando nestes momentos a unha situación crítica "na que se está pondo data de xuízo aos asuntos non urxentes para o ano 2018, mesmo para o mes de outubro".

Ler máis...
 
Cadea humana arredor da Torre de Hércules contra o ERE en Extel PDF Imprimir Correo-e
Xoves, 20 Outubro 2016 12:57

Traballadoras e traballadores da Coruña secundan este martes unha nova xornada de folga contra os 205 despedimentos

Traballadoras e traballadores de Extel realizaron este martes, coincidindo cunha nova xornada de folga, unha cadea humana arredor da Torre de Hércules para manifestar o rotundo rexeitamento ao ERE que a empresa pretende aplicar. O persoal, que sorprendeu coa súa acción ás e aos visitantes, aproveitou tamén para desenvolver unha pequena manifestación rodeando o emblemático faro ao berro de "Este ERE ímolo parar".
2016-10-18ACorunha-EREExtel-TorreHercules-17

GALERÍA DE IMAXES

Esta nova xornada de folga en Extel -cun amplo seguimento- conclúe o calendario de mobilizacións aprobado até agora en contra do expediente de regulación de emprego e que na plataforma da Coruña afectaría a 205 traballadoras e traballadores.

Porén, tal e como sinalaba Yolanda Martínez, delegada da CIG, "seguimos na loita porque non hai causa que xustifiquen estes despedimentos. Vimos á Torre a berralo ben alto para ver se Extel, Movistar e Adecco se enteran de que non imos aceptar este ERE", aseveraba ao pé do monumento Patrimonio da Humanidade.

Ler máis...
 
Bombeiros forestais reclaman que Bruxelas obrigue ao Estado español a recoñecer a súa categoría en todos os dispositivos PDF Imprimir Correo-e
Xoves, 20 Outubro 2016 12:55
A PASBF presentou unha ponencia aos grupos da eurocámara explicando a situación laboral e demandando un cambio de modelo
Representantes da “Plataforma de Asociacións e Sindicatos de Bombeiros Forestais” (PASBF), do que fai parte a CIG-Administración Autonómica, presentaron en Bruxelas –convidados polo grupo de Esquerda Europea- unha ponencia a todos os grupos da eurocámara na que, ademais de demandar un cambio de modelo no sistema de prevención e extinción de incendios, exixen unha directiva europea que obrigue a recoñecer a categoría de bombeiro forestal en todos os dispositivos do Estado.
15-10-01 concentracion SPDCIF 001

A ponencia defende un cambio de modelo no sistema de prevención e extinción de incendios forestais para adecuarse á nova realidade do cambio climático e á nova tipoloxía de lumes forestais e urbano-forestais que se producen a día de hoxe. Así como un cambio de modelo de prevención de incendios.

As e os representantes da PASBF, entre os que estaba en representación da CIG Manuel Martínez, puxeron tamén en coñecemento do Parlamento Europeo a elevada precariedade contractual que padecen as e os traballadores do sector “xa que en boa parte do territorio español os servizos de prevención e extinción de incendios teñen contratados a maior parte dos efectivos que conforman o dispositivo en situacións precarias”.

A PASBF exixiu unha directiva europea de obrigado cumprimento para a aplicación da categoría profesional Bombeiro Forestal a todos os dispositivos do Estado. A este respecto a Plataforma subliña que cando un estado membro da UE ten lexislación sobre calquera tema e non a está aplicando pódese, desde Europa redactar unha directiva  europea de obrigado cumprimento para a aplicación da normativa estatal que non se está aplicando.

Para a PASBF este é un obxectivo estratéxico ca que entende que “no est6ado español non se está aplicando correctamente a lexislación concernente ao noso traballo”.

Xunto a iso tamén se solicitou estabilidade laboral para as e os traballadores xa que “todos nós pertencemos ao servizo de emerxencias como vén reflectido no artigo 17 da nova lei de protección civil do 15/10/2015”.

 
A CIG convoca concentracións en todas as cidades galegas contra o TTIP para o vindeiro 15 de outubro PDF Imprimir Correo-e
Mércores, 12 Outubro 2016 09:51

Alerta de que os tratados de libre comercio que se están a negociar “son a ruína do pobo galego”e chama a mobilizarse para paralos

A CIG convoca, para o sábado 15 de outubro, concentracións na Coruña, Ferrol, Compostela, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vilagarcía e unha manifestación unitaria en Vigo contra o TTIP. As mobilizacións en Galiza coinciden cunha xornada internacional de rexeitamento a este e outros tratados de libre comercio que se están a negociar, como o CETA e o TISA, que a central sindical considera que terán graves consecuencias para a nosa economía, para o emprego e para a propia soberanía nacional.
16-10-05 TTIP

A crise acelera a concentración da riqueza en cada vez menos mans, supondo cada vez maiores desigualdades entre clases e territorios. As maiores beneficiadas son as grandes empresas multinacionais, que se expanden de forma agresiva polo mundo coa colaboración dos gobernos ao seu servizo.

Coa escusa de “eliminar barreiras” para a circulación de capital e mercadorías, propoñen fusionar áreas de mercado. As diferentes propostas prometen unha saída á crise, pero en realidade supoñen unha maior regresión nos dereitos e condicións de vida da clase traballadora. Ademais, tentan conducir os pobos cara un futuro de confrontación militar global.

Cos tratados TISA (Acordo en Comercio de Servizos, que afecta 23 países) e TTIP (Asociación Transatlántica para o Comercio e o Investimento- USA/UE) aínda en negociación, o desafío inmediato vén dado polo CETA (UE/Canadá), considerado como un “cabalo de troia” do anterior pola alta integración das economías estadounidense e canadiana. Este último, xa aprobado pola Comisión Europea, podería entrar en vigor de xeito provisorio antes da aprobación de cada un dos Estados este mesmo mes de outubro.

Estas son as principais ameazas:

Eliminación de “barreiras ao comercio”: implicará unificar á baixa a normativa en materia laboral (salarios, negociación colectiva, liberdade sindical, etc.) de calidade, medioambiental, fiscal e de investimento.

Poténcianse as empresas “multiservizo”, que desregulamentan as relacións laborais, desprotexendo e precarizando aínda máis a clase traballadora. Ampliará a todos/as os/as traballadores/as a filosofía da Directiva “Bolkestein” da UE, que permite aplicar as condicións laborais máis regresivas  .

Limitan a intervención pública na economía baixo o argumento da “competencia desleal” co sector privado. Os estados fican aínda máis diminuídos ao aspecto lexislativo, xudicial, represivo, etc. Acoutan as cláusulas sociais dos pregos de contratación.

Privatización de calquera servizo público (con escasas excepcións) e blindaxe das xa efectuadas. Substitúense os dereitos por “privilexios” de quen poida pagar unha sanidade ou ensino de calidade.

Tribunais privados de “protección aos investimentos” ao servizo das multinacionais (ISDS) que suporán compensacións multimillonarias en compensación a decisións dos gobernos que comporten “diminución dos beneficios”.

As traballadoras/es galegos/as xa comprobamos as consecuencias negativas dos anteriores procesos de integración forzada que nos restan soberanía nacional e popular, como foi o Mercado Común Europeo. Por todo isto, desde a CIG chamamos a clase traballadora galega a combater estes acordos lesivos, non só para os nosos intereses inmediatos, senón para garantir unha convivencia pacífica e mutuamente beneficiosa para os diversos pobos do mundo. Un futuro de paz e cooperación que en última instancia pasa por virar costas ao capitalismo.

Concentracións

Ler máis...
 
Delegados e delegadas da CIG percorren as rúas de Compostela contra a centralización da negociación colectiva PDF Imprimir Correo-e
Mércores, 12 Outubro 2016 09:07

Antes da mobilización analizaron en asemblea as consecuencias das reformas e os avances conseguidos grazas á mobilización

Delegados e delegadas da CIG percorreron esta mañá as rúas de Compostela en defensa da negociación colectiva en Galiza e contra a precarización do mercado laboral. A mobilización tivo lugar tras unha asemblea nacional na que se analizou a situación sociolaboral en xeral e, nomeadamente, a problemática que se dá no ámbito da negociación colectiva. As/os asistentes concluíron que é imprescindíbel reforzar a central sindical como mellor mecanismo para loitar contra a política de recorte de dereitos e o empobrecemento da clase traballadora.
2016-10-11 mani delegados 002

Galería de imaxes da asemblea nacional de delegados/as

Galería de imaxes da manifestación por Compostela

Na asemblea previa á manifestación debulláronse as consecuencias das reformas introducidas na negociación colectiva para, segundo Antolín Alcántara, secretario confederal de Negociación Colectiva e Saúde Laboral, precarizar aínda máis as condicións laborais.

Alcántara denunciou a transferencia masiva das rendas do traballo ás rendas do capital abaratando, na primeira reforma o despedimento; despois modificando as condicións para os EREs e logo mudando as regras da negociación colectiva.

Unhas reformas que, lembrou, acometeu primeiro o PSOE pactando con CCOO e UGT a prevalencia dos convenios a nivel de Estado, para poder decidir “desde Madrid e nas cúpulas” convenios que definiu como “miserentos” para “arrebatarnos a capacidade de mobilizar á clase traballadora e que esta non puidera participar nas negociacións”.

Ler máis...
 
Persoal de Correos mobilízase en Compostela en demanda de máis efectivos para garantir o reparto diario da correspondencia PDF Imprimir Correo-e
Luns, 03 Outubro 2016 11:28
Denuncian que os recortes dos últimos anos reduciron o cadro de persoal e provocaron un incremento da carga de traballo para as traballadoras/es que quedan
Traballadores/as de Correos concentráronse este xoves diante da oficina principal de Compostela para demandar máis persoal de reparto para asumir a carga de traballo que hai na capital de Galiza e resolver a continúa acumulación de correspondencia sen repartir. A mobilización foi convocada pola Xunta de Persoal e o Comité de Empresa.
16-09-30 CIG-Correos

Anxo Álvarez Amado de CIG-Correos explica que esta problemática arrástrase desde que Correos procedeu a recortar o cadro de persoal de reparto en arredor de 20 persoas nos últimos dous anos “sen que houbera un descenso parello da correspondencia e mesmo producíndose un incremento tanto na paquetería a repartir como no número de novas vivendas ás que lle hai que prestar servizo”, matiza.

Isto está a provocar que a carga de traballo para o persoal sexa cada vez maior ficando cada máis correspondencia sen repartir e contravíndose así as directivas comunitarias e lexislación estatal que obriga ao reparto diario, cinco días á semana a todas as vivendas.

Álvarez Amado sinala que esta mobilización é a continuación doutras que se veñen desenvolvendo nos últimos anos por este mesmo motivo e anuncia que “haberá máis protestas nos vindeiros meses se Correos non escoita as demandas da Xunta de Persoal, do Comité de Empresa e do conxunto de traballadores e traballadoras para que se incremente o cadro de persoal de reparto necesario para garantir un servizo de calidade e que cumpra a lexislación vixente nesta materia”.

 
<< Inicio < Anterior 1 2 3 4 5 6 7 8 9 10 Seguinte > Final >>

Páxina 6 de 47
Joomla Templates: by JoomlaShack