Federación de Administración Pública da CIG

Federación de Administración Pública da CIG

Ligazóns sectores

Autonómica
Correos
Xustiza

Ligazons confederacion

CIG - Avantar
Forga
Saúde laboral
Fesga

Procurar no web

Novas
Correos pecha temporalmente a oficina de Santa Cruz (Oleiros) por non substituír a unha traballadora que está de vacacións PDF Imprimir Correo-e
Xoves, 08 Setembro 2016 08:29

A CIG-Correos denuncia a falta de previsión da empresa para ter suficiente persoal formado nas bolsas de substitución

A CIG-Correos vén de demandar a contratación inmediata dunha persoa para substituír a traballadora que se encarga da apertura da oficina e que está de vacacións. Dende a central denuncian que a falta de previsión da empresa para ter suficiente persoal formado nas bolsas de substitución está a provocar situacións como esta. Unha cuestión que a CIG-Correos xa tiña denunciado previamente “pero dende a empresa fixeron oídos xordos ás nosas propostas”.
16-09-06 Peche oficina Correos Santa Cruz0

Segundo figura no cartel colgado na porta, Correos, por motivos “operativos”, pecha a oficina de Santa Cruz no Concello de Oleiros dende o día 1 até o día 9 de setembro, indicándolles ás usuarias e usuarios que deben dirixirse á oficina de Perillo para facer calquera trámite ou para demandar algún dos servizos que se prestaban dende esta oficina auxiliar.

Neste senso, dende a CIG-Correos da Coruña subliñan que, ademais de obrigar a veciñanza de Santa Cruz e Dorneda a desprazarse até Perillo para retirar calquera tipo de envío certificado ou de entrega personalizada que non puidera entregar o/a carteiro no domicilio, “non podemos esquecer que estamos en plena campaña electoral co aumento da correspondencia que isto significa e que nas oficinas estase solicitando o voto por correo”.

O feito de non ter substituído a titular do servizo que asume a apertura da oficina de 8:45 a 10:45, engade Miguel Ramudo, delegado da CIG en Correos, tamén prexudica ao resto dos traballadores e traballadoras “que teñen que facerse cargo do reparto da zona, a maiores do que lles corresponde”.

“A consecuencia da falta de previsión de Correos é que toda unha poboación como a de Santa Cruz, xunto coa súa zona de influencia, se atope sen estar atendida na oficina da localidade, véndose obrigada a realizar un desprazamento que moitas persoas non poderán facer ou que lles resultará custoso en tempo ou material ou fisicamente”, afirman.

Diante desta situación, a CIG Correos demanda unha solución urxente para este problema “que non pasa máis que por unha contratación inmediata para substituír a traballadora que está de vacacións, cubrindo deste xeito tanto a súa zona de reparto como a apertura da oficina”.

 
O Concello da Fonsagrada despide os traballadores do GES que tivo que readmitir por mandato xudicial PDF Imprimir Correo-e
Xoves, 08 Setembro 2016 08:28

A CIG de Lugo-A Mariña informa que vai impugnar os despedimentos, que a administración executou mediante un ERE de extinción

O Concello da Fonsagrada comunicou o pasado 29 de agosto o despedimento aos 12 traballadores/as do GES que foran readmitidos/as logo de que diversas sentenzas xudiciais declararan nulos os ceses que o goberno local realizara a finais do ano 2015. Para executar esta medida, o Concello aplicou un expediente de regulación alegando causas económicas e organizativas e “converténdose no primeiro do país que leva a cabo un ERE de extinción de contratos, amparado pola reforma laboral aprobada polo PP”.
RecursoGes

A CIG de Lugo-A Mariña explica que para levar adiante este ERE, a administración local “contou tamén coa colaboración dos sindicatos que teñen a representación dos traballadores/as no Concello da Fonsagrada (UGT e CCOO), que asinaron un acordo para despedir aos seus propios compañeiros, logo dun proceso no que non convocaron nin unha soa asemblea de para informar as persoas afectadas”.

O Secretario Comarcal da CIG, Antonio Niño, critica a actuación “de quen participaron nesta negociación” ao entender que houbo “unha actuación continua de prácticas de mala fe. Primeiro iniciando a negociación dun ERE, xusto cando o persoal é reincorporado por mandato xudicial, tratando de evitar fora como fora que regresaran ao seu posto de traballo; logo secuestrando o proceso de negociación, do cal non houbo ningunha información; e finalmente para rematar acordando o despedimento dous días antes de que cumpriran un ano máis de traballo, que lles daría polo menos dereito a máis meses de prestación por desemprego”.

A este respecto, Niño destaca que, a pesares de telo solicitado, non se permitiu participar na negociación a ningún dos traballadores afectados polo despedimento, aos que tampouco se lles facilitou a documentación para poder comprobar as causas alegadas polo Concello.

Dende a CIG de Lugo xa adiantaron que se van presentar as respectivas demandas xudiciais impugnando as rescisións, “pois é evidente que se trata dunha represalia por ter impugnado os despedimentos efectuados en decembro de 2015”. Neste senso, Antonio niño engade que “entendemos que nin as causas económicas, nin a causas organizativas sobre as que se sustenta o ERE son certas”.

A CIG reclamara tamén ao Concello da Fonsagrada que teña a mesma dilixencia para pagar os salarios de tramitación do período que o persoal permaneceu despedido.

 
A CIG esíxelle á Xefatura de Incendios que se respecten os horarios das brigadas municipais de extinción PDF Imprimir Correo-e
Venres, 26 Agosto 2016 11:56
Dende a central denuncian abusos provocados por ordes do SPDCIF
A sección sindical da CIG na Consellaría de Medio Rural en Ourense esíxelle á Xefatura de Incendios que se respecten os horarios das brigadas municipais de extinción de lumes despois de detectar abusos horarios provocados polas ordes emitidas dende o Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais (SPDCIF).
2010 17 08 lumesOurense

Dende a central explican que tras detectar varios casos de abusos horarios provocados polas ordes que o SPDCIF lles traslada a algunhas brigadas municipais “puxemos en coñecemento da Xefatura estas irregularidades”.

Sosteñen que a fragmentación nos medios de extinción, “a maiores das eivas que se producen no desenvolvemento dos traballos”, fai que convivan brigadas con condicións laborais que o SPDCIF, responsábel e mando único do dispositivo, descoñece ou non executa como debera.

Ademais, lembran que aínda que a Xunta de Galiza, en concreto a Consellería do Medio Rural, non é a responsábel directa da contratación nin da relación laboral cos traballadores/as cando non se trata dos seus medios propios, “si é a responsábel máxima dos medios e da coordinación de todo o dispositivo que se pon ao mando do SPDCIF”.

Así, indican que boa parte Concellos cos que asinan acordos non teñen convenio colectivo, o que fai que á hora de asinar convenios de colaboración os traballadores/as queden ao amparo do que establece o Estatuto dos Traballadores/as remudado o pasado ano 2015 vía Real Decreto Lexislativo 2/2015, de 23 de octubre.

“En boa parte destes contratos establécese que as quendas semanais son de 40 horas, e repártense en cinco días de traballo, o que quere dicir que a xornada non excederá as oito horas”.

Contratos sen horas extras

Segundo sosteñen, esta lexislación non competerá en concellos onde exista convenio colectivo, mais como norma xeral non estará por debaixo do marco que regula o propio Estatuto.

“Non temos coñecemento a día de hoxe de que se asinaran contratos onde se incluíran horas extras, posibilidade que se recolle no Estatuto dos Traballadores/as”.

Neste senso, denuncian que adoita acontecer que dende o SPDCIF se lles ordea a estes traballadores/as facer 12 horas, “como se foran persoal laboral da Xunta rexidos polo V convenio colectivo, pero non é o caso”.

Diante disto, agardan que suceda por descoñecemento, “entendendo as dificultades que poida supoñer para os encargados de establecer as quendas, pero como responsábeis directos do dispositivo non poden ordearlle aos traballadores/as realizar máis horas das que están asignadas por contrato”.

Finalmente, esixen que estas irregularidades se resolvan coa maior brevidade posíbel e que se coordinen as entidades xestoras dos medios para que dende o SPDCIF non se convide a infrinxir a lei e se respecten as quendas tal e como están asinadas por todos os membros, “evitando posíbeis responsabilidades diante dos accidentes que poidan producirse”.

 
O persoal do SPDCIF manifestarase en Compostela o 1 de setembro para denunciar o desmantelamento do servizo PDF Imprimir Correo-e
Venres, 26 Agosto 2016 11:55
Denuncian a precarización das condicións de traballo, a falta de medios materiais e humanos e a inestabilidade laboral que sofren
As organización sindicais CIG, CCOO, CSI•F e UGT veñen de presentar un escrito dirixido á Consellaría de Facenda, tras da ruptura do diálogo por parte da Administración, para que o departamento autonómico volva á mesa de negociación e se aborden e solucionen os graves problemas que afectan ao SPDCIF. Anuncian ademais a convocatoria dunha manifestación, o vindeiro 1 de setembro, ás 11:00 horas, na Praza do Obradoiro.
15-10-01 concentracion SPDCIF 002

As organizacións sindicais denuncian a situación de emerxencia á que o goberno da Xunta levou o Servizo Público de Defensa Contra Incendios Forestais (SPDCIF), co seu desmantelamento paulatino a consecuencia das “políticas de disgregación” dunha parte do dispositivo e a privatización doutra.

Consideran que esta “irresponsable” fragmentación levada a cabo pola Consellería do Medio Rural do dispositivo de prevención e extinción de incendios forestais, a través dun complexo entramado de organismos, empresas e institucións, “está prexudicando gravemente a eficiencia do que sempre foi un servizo público de contrastada eficacia coa única fin de servir a escuros intereses económicos e electoralistas”.

Xunto a isto denuncian a precarización das condicións de traballo, a falta de medios, tanto materiais coma humanos, así como a inestabilidade laboral e profesional á que o goberno da Xunta quere condenar os profesionais do SPDCIF. Unhas condicións que “poñen en grave risco a capacidade do servizo nas tarefas de extinción e prevención de incendios e supón unha gravísima neglixencia por parte dos seus responsables”, aseguran.

Denuncian ademais o incumprimento do Goberno do Partido Popular respecto ao seu compromiso público de recoñecemento da profesión de bombeiro forestal e a súa teima en manter de forma ilegal aos traballadores e traballadoras da extinción de incendios como “peóns forestais e da caza”, o que “impide o acceso do colectivo ao recoñecemento de enfermidades profesionais propias do traballo desempeñado e o recoñecemento dos correspondentes dereitos legais a redución da idade de xubilación”.

Por iso teñen convocada a mobilización do vindeiro día 1 de setembro e reclaman que se retomen as negociacións, entendendo que “só a través do diálogo pode acadarse unha solución satisfactoria para os graves problemas que afectan o SPDCIF”.

 
Varias unidades de extinción de lumes traballan sen motobombas polos fallos detectados nos vehículos PDF Imprimir Correo-e
Martes, 23 Agosto 2016 12:23
A CIG-Autonómica alerta dos riscos para o persoal do SPDCIF e exixe a convocatoria do Comité de Prevención de Riscos Laborais para que Medio Rural aclare a situación
O sector da Autonómica da CIG-Administración vén de denunciar que varias unidades dos servizos de extinción de incendios teñen que facer o seu traballo sen poder contar con motobomba debido aos fallos detectados na última remesa entregada á Xunta de Galiza. Alertan da mingua do dispositivo en época de máximo risco e máxima carga de traballo pola inmobilización dos vehículos sen aportar outra solución.
Incendio-motobomba

A CIG-Autonómica denuncia ademais que desde o goberno non contactaron cos representantes dos/as traballadores/as para explicar as causas destes fallos que “afectan á eficacia na defensa dos montes contra a vaga de lumes e que, ademais, están a pór en risco as vidas das traballadoras e traballadores dos servizos de extinción de incendios (SPDCIF), comezando polos condutores das motobombas e continuando con todo o persoal que fai o seu traballo na extinción, ao non contar co apoio destes vehículos”.

Segundo a información da que dispoñen, inmobilizáronse varias destas motobombas nos distritos de Ourense, Deza-Tabeirós, O Condado-Paradanta e Caldas-O Salnés.

“Tivemos coñecemento de que en algún caso o afectado foi o sistema de freado, poñendo en risco a vida tanto de condutos, como dos alí presentes”, explican. Xunto a isto tamén se detectaron problemas na refrixeración do motor, provocando que rebentase o vaso de expansión pola suba da temperatura.

Por iso reclaman a inmediata convocatoria do Comité de Prevención de Riscos Laborais e solicitan que a Consellaría de Medio Rural aclare a situación e explique o que vai facer co resto das motobombas entregadas nesta última remesa ou se aínda as teñen en funcionamento.

 
A CIG denuncia que a actual vaga de lumes é resultado do fracaso da política medioambiental da Xunta PDF Imprimir Correo-e
Mércores, 17 Agosto 2016 15:43
Critica a visión produtivista e especulativa da Lei de Montes e pide un novo Plan Forestal de Galiza
A CIG denuncia que a vaga de incendios que está a padecer o noso país é consecuencia do fracaso da política medioambiental da Xunta, que teima en “aplicar medidas que xa se teñen demostrado ineficaces no pasado e afonda na estratexia de converter Galiza nun deserto sen futuro”. Dende a central critican a visión produtivista e especulativa que introduce a Lei de Montes e reclaman un novo Plan Forestal de Galiza elaborado coa participación de todas as entidades que viven, traballan ou xestionan o medio rural.
Incendio-motobomba

O secretario confederal de Medioambiente da CIG, Anxo Pérez Carballo, lembra que ano tras ano o noso país padece milleiros de lumes forestais que arrasan milleiros de hectáreas, que destrúen o noso patrimonio, que hipotecan o futuro do monte e do rural e que poñen en perigo vidas humanas e vivendas. Mais, segundo denuncia, a Xunta segue a aplicar medidas que xa se teñen demostrado inoperantes no pasado “e afonda na estratexia de converter Galiza nun deserto sen futuro”.

Neste senso, sinala a aprobación dunha Lei de Montes só cos votos a favor do PP e coa opinión en contra dos sectores afectados que se centra unicamente na visión produtivista e especulativa do monte, fomentando o aproveitamento madeireiro en prexuízo doutros usos. Así, sosteñen que facilita a forestación de terras agrarias, o que significa reducir a superficie agraria útil e multiplicar as especies invasoras de crecemento rápido que reporten beneficios a curto prazo.

Ler máis...
 
Advirten sobre o desmantelamento do servizo público contra incendios forestais e o uso privado das bases helitransportadas PDF Imprimir Correo-e
Xoves, 11 Agosto 2016 17:11
A CIG denuncia que o persoal das brigadas está a ser contratado en precario por empresas privadas
O sector de Autonómica da CIG-Administración denuncia que o Goberno de Feijóo segue a avanzar no desmantelamento do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais (SPDCIF) e critica o uso das bases helitransportadas da Xunta polas empresas privadas. Dende a central advirten que o persoal público das brigadas “con experiencia e preparación” está a ser substituído por outro de empresas privadas sen que haxa ningunha garantía da profesionalidade e que está a ser contratado nunhas condicións de absoluta precariedade laboral, incluída a seguridade.
15-06-11 helicóptero lume

Segundo sinalan dende a federación de Administración da CIG, dende o inicio do seu mandato o actual presidente da Xunta decidiu prescindir da prevención porque ten un custo elevado “e non é un bo negocio para os seus amigos das empresas privadas”. A central critica que o Goberno galego fíe a loita contra os incendios forestais á climatoloxía, “sen facer prevención, desmantelando paso a paso o SPDCIF e regalándolle os contratos suculentos ás empresas amigas”.

Así, lembran que durante anos o persoal das brigadas helitransportadas pertencía á Administración autonómica e contaba con experiencia e preparación para combater os incendios forestais na primeira liña de lume. A propia Xunta, no artigo 3.19 do V Convenio, comprométese ao mantemento das brigadas helitransportadas existentes e inclúe a posibilidade de novas creacións. Mais nos últimos anos a tendencia é facer a contratación mediante empresa privada, relegando as bases da Xunta á mínima expresión.

Este ano, nun chanzo máis no desmantelamento do servizo, as brigadas helitransportadas que aumentaron en relación ao ano pasado tamén serán da empresa privada, na que non hai ningunha garantía da profesionalidade do persoal, contratado nunhas condicións de absoluta precariedade laboral, incluída a seguridade, segundo denuncian. “E para que o negocio destas empresas sexa seguro e abondoso a Xunta pon á súa disposición as bases que construíu e mantén cos seus orzamentos: heliportos, talleres, depósitos, casetas de vixilancia, etc.”, critican.

Negocio para as empresas

Neste senso, lamentan que mentres as brigadas da Xunta teñen unhas bases que en moitos casos non cumpren a normativa de seguridade e saúde laboral, as empresas privadas fan “negocio redondo” utilizando as bases das desaparecidas brigadas helitransportadas. Como exemplo citan o que acontece coas brigadas da empresa pública Seaga en Guntín ou na Fonsagrada, que teñen que utilizar como base unha caseta de obra na que en ocasións a temperatura chega aos 50 graos. “Pola contra, os propietarios das empresas amigas non teñen que gastar nada na construción, aluguer ou mantemento das súas bases porque xa llo pagamos entre todos/as”.

Diante disto, sosteñen que o Goberno de Feijóo ten demostrado que non lle importa nada que arda o monte, que non ten ningunha política definida sobre a explotación, racionalización e mantemento das áreas forestais e que non é capaz de organizar cun mínimo de coherencia o SPDCIF. “O único que lle importa ao presidente é mentir sobre a superficie arrasada polos lumes, ocultar a súa incapacidade para xestionar a loita contra os incendios forestais e regalarlle o negocio aos seus amigos”.

 
O Concello da Fonsagrada bota man da reforma laboral do PP para desfacerse do persoal do GES PDF Imprimir Correo-e
Xoves, 11 Agosto 2016 17:10
Tramita un ERE de extinción despois de que o Xulgado o obrigase a readmitir os despedidos/as
O Concello da Fonsagrada, gobernado polo PSOE, continúa coa súa teima de desfacerse dos traballadores/as do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES), segundo denuncian dende a Unión Comarcal da CIG de Lugo-A Mariña. Despois de verse na obriga por sentenza xudicial de readmitir a varios/as deles/as tras ser considerados nulos os despedimentos, O Goberno local acólle se agora á reforma laboral do Partido Popular para tramitar un ERE de extinción que afectará ao cadro de persoal no seu conxunto.
RecursoGes

Dende a Unión Comarcal da CIG de Lugo- A Mariña lembran que o persoal dos GES é sufragado ao 100% entre a Xunta e a Deputación Provincial, “polo que non lle acarrea ningún custo ao Concello”. Neste senso, critican que de todos os Concellos galegos o da Fonsagrada foi o único que non renovou o convenio, “dándose a paradoxa de que non vai ter o servizo e sen embargo terá que afrontar un custo duns 120.000 euros” como consecuencia da “xestión neglixente” do Goberno municipal.

“Se para defenderse dos despidos o alcalde dilapidou máis de 16.000 euros na contratación dun avogado estrela, desta vez para tramitar o ERE acude á asesoría xurídica da Deputación, estando así o Concello e Deputación á vangarda na aplicación da reforma laboral do PP”, indicen.

Con todo, consideran que o máis grave é a tramitación do ERE, “feita con absoluta alevosía e nocturnidade, ocultándolla aos traballadores/es afectados/es e xestionada con irregularidades, o que provocou que a propia Xunta se dirixise ao Concello advertindo de irregularidades tales como non especificar cal é a comisión negociadora do ERE, contradicións na relación do persoal municipal ou o comezo de reunións negociadoras antes de comunicar o inicio do expediente ante a autoridade laboral”.

Dende a CIG denuncian tamén a complicidade da representación legal dos traballadores/as do Concello da Fonsagrada, constituida por representantes da UGT e CCOO, “quenes supostamente estiveron a negociar un ERE sen comunicar nada afectados/as”.

Diante disto, instan novamente o Concello da Fonsagrada a que recapacite e volva á normalidade asinando o convenio do GES e dando traballo aos empregados/as despedidos/as, “e que dunha vez por todas deixe de andar a maniobrar con falcatruadas que resultan ser ilegais e cuxo custo teñen que asumir todos os veciños/as do concello.

 
A CIG denuncia que a Xunta adianta o pago de parte das extras de 2012 e 2013 para beneficiar electoralmente o PP PDF Imprimir Correo-e
Xoves, 11 Agosto 2016 17:10
O Diario Oficial de Galiza recolle a devolución das pagas adebedadas ao persoal público
O Diario Oficial de Galiza (DOG) recolle este pasado venres o abono das pagas extraordinarias do persoal que traballa para a Xunta, tanto o último prazo da extra de decembro de 2012 como a devolución de 1/6 do específico da paga de verán de 2013. Dende a Área Pública da CIG (federacións de Administración, Ensino e Saúde) denuncian que se trata dun acto electoralista que busca beneficiar o Partido Popular de cara aos próximos comicios autonómicos.
Xunta de Galiza

Segundo explican dende a CIG, o pago das extras realizarase durante o mes de agosto e a forma escollida será similar ás devolucións efectuadas coa paga de 2012, “debendo os interesados/as que no estean en nómina neste momento facer a reclamación correspondente”.

Para a central, este anuncio e o cambio de calendario na devolución de parte das pagas extraordinarias “roubadas” aos traballadores/as públicos está feito con fins electoralistas. “O señor Feijóo xa ten data para as eleccións autonómicas, e tal e como vén facendo antes de cada proceso electoral o mes anterior á votación dá orde de pago dalgunha cantidade das que adebeda das nóminas do seu persoal”, critican.

Diante disto, dende a CIG-Área Pública denuncian unha vez máis o uso “electoralista” que o Goberno do PP segue a facer coas devolucións das pagas extras. Así mesmo, lembran que esta devolución responde á multitude de sentenzas gañadas pola central sindical e ratificadas mesmo polo TSXG, “que declarou ilegal o recorte levado a cabo con carácter retroactivo”. Finalmente, sinalan que a Xunta continúa a adebedarlle ao seu persoal parte das pagas extras dos anos 2013, 2014, 2015 e 2016.

 
CIG reclama medidas para recuperar os niveis de emprego público e rematar coa precarización laboral nas administracións PDF Imprimir Correo-e
Martes, 02 Agosto 2016 14:18
A Área Pública remitiu as propostas e reivindicacións ante a “futura” Lei de Orzamentos Xerais do Estado para o ano 2017
A Área Pública da CIG vén de remitir as súas propostas ante a “futura” lei de Orzamentos Xerais do Estado para o ano 2017, que o executivo en funcións está a utilizar como arma propagandística en plenas negociacións para a formación de goberno. En calquera caso, con independencia da cor do próximo executivo ou de que finalmente se prorroguen os orzamentos deste ano, as demandas da central teñen un obxectivo claro: a recuperación dos servizos públicos de calidade e con carácter universal e a reposición dos dereitos e condicións laborais das traballadoras/es das administracións.
DefensaSalariosadmonpublica

As propostas e demandas foron remitidas ao Ministerio de Facenda e Administracións Públicas logo do goberno en funcións solicitar das organizacións sindicais o seu posicionamento “sobre unha lei da que non sabemos nada”. “Nestes momentos descoñecemos quen vai ser a persoa interlocutora por parte da Administración Xeral do Estado na negociación dos orzamentos ou incluso cales serán as liñas xerais da política de xestión do persoal do próximo goberno”, sinala Maricarme López Santamariña, voceira da CIG-Área Pública (Administración, Ensino e Saúde).

Neste senso, López Santamariña engade que “todo o que sabemos é que o goberno en funcións anunciou que os salarios públicos medrarán un 1% en 2017 no caso de que se forme goberno a tempo de elaborar os orzamentos”. Un incremento que considera ridículo tendo en conta a continuada perda de poder adquisitivo do persoal ao servizo das administracións.

Ler máis...
 
CIG-Xustiza denuncia o mal estado de conservación dos xulgados de Corcubión PDF Imprimir Correo-e
Martes, 02 Agosto 2016 14:11
Pingueiras, roturas de tubaxes, humidades ou vibracións son parte das deficiencias
O sector de Xustiza da CIG denuncia o estado deplorábel no que se atopa o edificio xudicial de Corcubión. As roturas de tubaxes son constantes e provocan fugas de auga en diferentes estancias, a máis recente no despacho do fiscal, acontecida a semana pasada e que deteriorou parte do mobiliario e especialmente o falso teito, que presenta varios furados e está inchado en determinadas zonas.
16-08-01 arquivo_1

Outras dependencias do edificio tampouco se libran das fugas, engaden dende CIG-Xustiza da Coruña. No xulgado número 1, situado no primeiro andar, rexistráronse no teito da oficina e, hai un ano, no despacho da xuíza. “Porén, desde a Dirección Xeral de Xustiza da Xunta non se fai nada para remediar esta situación”.

Por outra banda, non son poucas as estancias que presentan focos importantes de humidade nas paredes. É o caso de varios puntos da oficina do xulgado número 1, da sala de vistas deste órgano ou do arquivo do edificio, situado no soto. As humidades, alén de provocar o desprendemento constante da pintura e de pór en risco o material informático e electrónico, constitúen unha ameaza para a saúde dos e das traballadoras.

Ler máis...
 
Incumprimento reiterado da Xunta de Galiza de non cubrir os postos de traballo que ten vacante PDF Imprimir Correo-e
Martes, 26 Xullo 2016 12:31

Dende a CIG Administración denunciamos de novo o incumprimento reiterado da Xunta de Galiza de non cubrir os postos de traballo que ten vacantes, xerados por xubilacións, baixas, excedencias e, o máis escandaloso, a non cobertura de baixa por maternidade.

Na Xefatura Territorial da Consellaría de Medio Ambiente da Coruña levamos moito tempo reclamando a cobertura das baixas por maternidade, cousa que xa sucedeu en máis  Xefaturas Territoriais da Coruña.  Esta non cobertura supón que o incremento de expedientes do departamento de espazos naturais de medio ambiente teña que ser asumido polo resto de traballadores/as do departamento, provocando un considerable aumento de traballo e impedindo axilidade na tramitación dos mesmos.

Mais a maquinaria administrativa é tan sumamente lenta e inzada de trabas burocráticas que para cando resolven a cobertura xa non pode haber substitución por que está a titular de volta. Ata hai ben pouco a cobertura de baixas por maternidade era a única que estaba a administración  obrigada  a cubrir por Lei. A Xunta de Galiza ten regulación concreta para proceder á cobertura de estas baixas e non está a facer uso correcto da mesma.

Máis tendo en conta que as políticas de defensa e cobertura  da maternidade están a ser usadas como bandeira polo partido popular na Xunta de Galiza. Non pode ser que por unha banda o Presidente Feijoo resolva crear unha materia de Igualdade para desenvolver na ESO e educar neste valor aos nenos e nenas do País, cousa moi importante, pero que por outra banda non sexa quen de lograr, por falla absoluta de interese, un plano de Igualdade nos Servizos Públicos que sexa exemplo a seguir no resto da sociedade e mesmo no mundo empresarial, onde tantas eivas existen, tamén denunciadas dende esta central sindical en numerosas ocasións.

Mais a realidade demostra que nos Servizos Públicos as e os traballadores seguimos a ter serios problemas á hora de conciliar a vida familiar e laboral. Neste presente que nos toca vivir, ao que non é alleo o señor Presidente, non só temos fillos e fillas menores a cargo, senón tamén, por deficiencias serias nos Servizos Sociais temos a dependentes ou grandes dependentes na casa, casuísticas estas novas que demandan de políticos comprometidos, e non escapistas do mundo real, actual e dramático...

Non nos cabe ningunha dúbida de que Feijoo e un excelente propagandista que lava a face diante duns novos comicios deste xeito, sacando da manga medidas engaioladoras mais de compromiso irrealizábel. A Igualdade con maiúscula hai que demostrala cada día, de cada semana, de cada mes do ano e non con fume, senón con feitos.

 

Teléfono de contacto:

Erea Estevez Campos, Sección Sindical da CIG na CMATI

670 872 388

 
Condenan o Concello de Ourense a conceder ou indemnizar os días de libre disposición dos bombeiros/as PDF Imprimir Correo-e
Venres, 22 Xullo 2016 08:05

O Xulgado recoñécelles o dereito a gozar de seis días libres por asuntos propios ao ano

O Xulgado do contencioso administrativo número 1 de Ourense vén de condenar ao Concello de Ourense a conceder ou indemnizar os días de libre disposición dos bombeiros/as, que eran denegados pola Administración local alegando “necesidades do servizo”. A sentenza recoñécelles o dereito a gozar de seis días libres de permiso por asuntos propios ao ano.
12-10-19 bombeiros 002

Segundo explican dende o sector de Local da CIG-Administración, os bombeiros/as recorrentes alegaron na súa demanda que as resolucións impugnadas foron ditadas por un órgano incompetente, así como que a denegación dos permisos por “necesidades do servizo” carecía de xustificación, por canto o Concello utilizaba os días de libre disposición para cubrir a infradotación de persoal existente nos reténs de bombeiros/as.

Deste xeito, a sentenza anula as devanditas resolucións do Concello de Ourense por ter sido dictadas por un órgano incompetente e declara o dereito dos recorrentes a gozar de seis días de permiso por asuntos propios ao ano.

Ao mesmo tempo, condena a Administración local a concederlles, no prazo máximo de dous meses, os días de permiso por asuntos propios que lles foron denegados en 2015 por necesidades de servizo; ou subsidiariamente a indemnizalos/as pola súa perda coa cantidade equivalente á parte proporcional das retribucións correspondentes a un día laborábel por cada día de permiso perdido.

Diante disto, dende a CIG-Administración valoran positivamente unha sentenza que “reforza os dereitos dos traballadores/as nos Concellos desta provincia que, infelizmente, se ven anulados con decisións arbitrarias carentes de toda lexitimidade e baseadas no mero exercicio dun poder que non lles corresponde”.

 
A CIG-Administración reclama medidas excepcionais na loita contra os lumes coincidindo coas altas temperaturas PDF Imprimir Correo-e
Venres, 22 Xullo 2016 08:04
A central amosa a súa solidariedade cos feridos/as nos incendios de Ribas de Sil e Lobios
A CIG- Administración reclámalle á Xunta a adopción de medidas excepcionais de precaución na intervención dos incendios forestais coincidindo coas altas temperaturas, xa que nestas condicións a perigosidade no traballo aumenta exponencialmente, tal e como se puido comprobar nos recente lumes de Ribas de Sil e Lobios. Ao mesmo tempo, a central amosa a súa solidariedade cos brigadistas feridos/as nestes incendios e coas súas familias.
15-06-11 helicóptero lume

Dende a CIG-Administración expresan o seu apoio a todos os compañeiros/as e ás familias dos feridos/as nos lumes forestais de Ribas de Sil, en Lugo, e Lobios, en Ourense. “Queremos manifestar que o traballo da extinción de lumes forestais é moi perigoso e moitas veces os traballadores/as poñen en risco as vidas”, lembran.

Neste senso, sinalan que as condicións actuais de altísimas temperaturas e baixa humidade relativa, “os perigos no traballo multiplícanse exponencialmente, polo que a Xunta debera adoptar medidas excepcionais de precaución na intervención dos incendios”. Consideran que o adestramento e a formación son imprescindíbeis para minimizar os riscos, “e a Xunta do Partido Popular trata este traballo como outro calquera e non forma ao persoal de forma axeitada nin aplica protocolos normalizados”, como pode ser o protocolo OACEL (http://www.magrama.gob.es/es/desarrollo-rural/temas/politica-forestal/Protocolo_OACEL_tcm7-232583.pdf).

Dende a CIG esixen que en situacións tan adversas tanto de carga de combustíbel como de condicións climáticas sexan adoptadas medidas preventivas extraordinarias e que se proceda á formación do persoal de forma axeitada mediante protocolos claros e técnicas de autoprotección contra o lume.

 
Chamamento da CIG ante a celebración do Día da Patria Galega PDF Imprimir Correo-e
Mércores, 20 Xullo 2016 10:34

25 de xullo de 2016

A CIG chama ás traballadoras e aos traballadores galegos a participar nos actos que o nacionalismo galego celebre en Santiago de Compostela, e por Galiza adiante, o dia 25 de xullo, para conmemorar o Día da Patria Galega.
Bandeiras patria e CIG

A celebración do Día da Patria Galega supón para a clase traballadora galega unha data de reivindicación, conxuntamente co resto das clases populares galegas, do dereito que temos os galegos e galegas a decidir por nós mesmos o noso futuro como nación, a autogobernarnos e a poder vivir e traballar na nosa terra nunhas condicións dignas.

A celebración deste 25 de xullo coincide -ao amparo e coa xustificación de combater a crise económica- co afondamento no modelo de capitalismo neoliberal a través da imposición de todo un conxunto de políticas de recorte de dereitos, de salarios, do investimento e do gasto público e tamén das liberdades públicas; do incremento da precariedade laboral e do debilitamento da negociación colectiva; de redución de impostos ao capital mentres se incrementan á clase traballadora. En definitiva, de  debilitamento da clase traballadora no económico, no político e no organizativo.

Ao tempo que se empobrece á clase traballadora, as grandes corporacións económicas, o capital financeiro, seguen incrementando os seus beneficios e concentrando un maior poder económico e político. O capital controla e pon ao seu servizo aquelas institucións financeiras e políticas (Comisión Europea, Banco Central Europeo, Fondo Monetario Internacional, …), que funcionan á marxe da opinión e do control da cidadanía, e que  son as que ditan as políticas económicas, sociais e laborais a aplicar por parte dos gobernos e dos parlamentos, na grande maioría dos casos en mans das forzas políticas maioritarias da dereita (PP) e da socialdemocracia (PSOE) comprometidas co sistema neoliberal.

Altos niveis de desemprego, avellentamento e perda de poboación activa, emigración da xente moza, deterioro dos nosos sectores produtivos (leite, pesca, naval,…), apropiación do noso aforro e da enerxía que producimos, alleamento do noso sector financeiro, deterioro dos servizos públicos, perda de galego falantes, incremento da españolización da sociedade galega con menosprezo e infravaloración do propio, empezando polo noso idioma e seguindo polas nosas potencialidades económicas e humanas.

Todo isto enfróntanos a unha situación que levamos moito tempo a padecer e que dificulta o noso desenvolvemento pleno como pobo no económico, no social, no cultural, no idiomático e no político. A iso contribúe sen dúbida algunha, neste momento, a  incompetencia manifesta da Xunta de Galiza e do seu presidente o sr. Feijoo, incapaces de ofrecer alternativas e saídas pensadas nos intereses das clases populares galegas, pero tamén inflúe de forma determinante a falta de soberanía política de Galiza e o papel que tradicionalmente xogamos, no contexto do Estado e da Unión Europea, de nación colonizada espoliada, subministradora de man de obra, materias primas e aforro.

Neste contexto, cobra aínda máis forza a necesidade de termos soberanía política para poder estabelecer os mecanismos adecuados para unha mellor defensa dos nosos sectores produtivos básicos, para modernizar as nosas infraestruturas e os servizos sociais, para levar adiante unha política de emprego propia, para potenciar unha economía autocentrada ao servizo e en beneficio da maioría social. A dependencia favorece as desigualdades sociais, discrimina a nosa cultura e lingua, debilita o noso proxecto colectivo, hipoteca o noso futuro individual e social.

Por todas estas razóns as traballadoras e os traballadores galegos somos os primeiros interesados en participar activamente nos actos conmemorativos e reivindicativos do Día da Patria Galega, pondo o noso esforzo ao servizo da conquista dunha sociedade galega máis xusta, máis igualitaria, máis solidaria e máis soberana.

 
<< Inicio < Anterior 1 2 3 4 5 6 7 8 9 10 Seguinte > Final >>

Páxina 7 de 47
Joomla Templates: from JoomlaShack.com