Consúmase a amortización de prazas no CGAI e afóndase no desmantelamento do centro Imprimir
Venres, 08 Xullo 2016 09:41

A CIG anuncia que presentará demanda polo despedimento do traballador que ocupaba a praza de proxeccionista

Coincidindo coa xuntanza da Comisión de Persoal de Función Pública, CIG, CCOO, UGT e representantes do sector audiovisual galego concentrábanse diante da EGAP, para denunciar a pretensión do goberno do PP de amortizar prazas no CGAI e camiñar así cara o seu desmantelamento. Ao remate da Comisión representantes sindicais confirmaban que non se movera unha coma da proposta de RPT inicial, que implica a desaparición de 3 postos de traballo e o despedimento do traballador que ocupaba o de proxeccionista.
16-07-06  concentracion CGAI 001

Deste xeito confírmase tamén que tanto o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, como o deputado do PP César Fernández trataban unicamente de escorrer o vulto cando afirmaron que eran falsas as denuncias da CIG respecto do desmantelamento encuberto do Centro Galego de Artes da Imaxe (Filmoteca de Galiza) e aseguraban que non habería nin despedimentos, nin recortes.

Cristina Terrón, representante da CIG, asegura que tamén se confirma agora que a retirada da proposta de RPT da Comisión de Persoal  non era máis que unha medida electoralista, xa que a que se aprobou este mércores, non cambia nin unha coma respecto da presentada inicialmente.

A CIG lamenta que coa supresión destes postos de traballo o PP afonde no desmantelamento do único centro audiovisual da Galiza. “Condenarase de forma irreversíbel (50% de despedimentos na área de proxección e 40% menos das prazas cas que contaba o centro) e progresivamente á Filmoteca de Galiza á súa desaparición como tal, recortando os servizos públicos que viña prestando e danando o futuro dos galegos  e galegas”, reitera Terrón.

Para a representante da CIG, con todo, “o peor está por vir” xa que, con estas novas amortizacións “quedará sen cubrir un servizo público tan básico como necesario, que ten como fin defender e velar pola defensa da cultura e do sector audiovisual galego”.

Partillar no Chuza!Partillar no DoMelhorPartillar no MenéamePartillar no TuentiPartillar no Buzz it!Partillar no Digg it!Partillar no FacebookPartillar no TwitterPartillar no Cabozo