O TSXG anula os orzamentos de 2009 do Concello de Verín Imprimir
Mércores, 16 Novembro 2011 12:53

O 27 de abril de 2009, o pleno ordinario do Concello de Verín aprobou unha resolución pola que se aprobaba con carácter definitivo o orzamento xeral do Concello para o exercizo dese ano e o cadro de persoal xunto co anexo de persoal funcionario e laboral, sen admitir nin resolver o escrito de alegacións presentado pola CIG o día 17 de abril do mesmo mes.

A Sección 001 da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza ven agora de ditar sentenza pola que se obriga ao Concello de Verín a acometer unha negociación real coa representación sindical e a realizar unha valoración de fondo das alegacións presentadas pola CIG, como trámite previo á nova aprobación do cadro de anexos de persoal así como das determinacións orzamentarias que lle corresponden.

Entre os elementos de interés da sentenza destacamos:

1. Limitación dos motivos impugnatorios

Pretender limitar os motivos impugnatorios aos enumerados no art. 170.2 da Lei de Facendas Locais abriría a porta á inmunidade de calquera decisión sobre recursos humanos municipais baixo o sinxelo pretexto de incorporala ao documento orzamentario. A inclusión dunha decisión sobre incremento de retribucións, que tería como amparo legal unha Relación de Postos de Traballo ou un acordo plenario autónomo e diferenciado non perde o seu réxime impugnatorio polo feito de incluírse dentro do documento orzamentario, pois iso suporía deixar o dereito á tutela xudicial efectiva nas maos da decisión estratéxica administrativo sobre o concreto canle formal para soportar a medida. Tamén o Tribunal Supremo, en sentenza do 28 de xuño de 2011 remata con esa sutil invocación da limitación de motivos impugnatorios fronte ao orzamento deixando no seu xusto e estreito alcance o manido artigo 170.2 da Lei de Facendas Locais. Esa Sala recoñeceu a lexitimación dos sindicatos para impugnar os orzamentos municipais por non terse axustado na súa elaboración e aprobación aos trámites establecidos na citada norma xurídica, entre eles cando non se cumprira o requisito da negociación colectiva. Estamos diante de motivos impugnatorios con fundamento alleo á lexislación orzamentaria local e como tais coa única limitación das leis sustantivas que os recoñecen (isto é, a lexislación sobre o dereito á negociación colectiva). Sen esquecer que as restricións impugnatorias, aínda que o sexan en vía administrativa, teñen que ser obxecto de aplicación restritiva e sempre favorables á efectividade do dereito a recorrer.

 

2. Sobre a negociación seria, real e de boa fe

As regras que establece o Estatuto Básico do empregado público (EBEP) esixen que as modificacións como as citadas na sentenza sexan precedidas do correspondente proceso negociador, e iso porque, aínda cando pretendan establecerse como consecuencia do exercizo pola Administración das súas potestades de organización, afectan a aquelas materias que deben ser obxecto de preceptiva negociación segundo o artigo 37.2.a), parágrafo segundo en relación co disposto nos apartados b) e c) do artigo 37.1 do EBEP.

Hai que precisar que o dereito a ‘negociar’ supón algo menos que o dereito a conseguir ‘acordar’ pero algo mais que o dereito a ‘informar’. Non se trata dun puro nominalismo senón sinxelamente de atender á finalidade do proceso negociador que non é outro que as autoridades locais e os representantes sindicais poidan poñer en común as súas posicións, mostrar os seus intereses, debater sobre os criterios da contraparte e finalmente, tras un esforzo de achegamento, poder arroxar un resultado frutífero que se é bo para os empregados públicos, serao tamén para a corporación.

…Nesas condicións, nas que existe un mero intercambio de impresións ou vontades sen dedicar non só xa tempo senón sen constatarse propostas e contrapropostas, nin exame ou invocación de informes, nin intercambio construtivo ou resultado de síntese, é patente que non merece o cualificativo de esforzo negociador…

 

3. Cualificación do vicio da invalidez e consecuencias

Sentada a ausencia dun trámite preceptivo e previo á aprobación dos orzamentos, cadro e anexos de persoal para o exercizo 2009, referido á existencia dunha negociación seria, real e de boa fe, haberá que determinar cal é a cualificación xurídica de tal vicio de invalidez.

Baste recordar que estamos diante dunha infracción do dereito de negociación das organizacións sindicais …que afecta a unha dimensión esencial da liberdade sindical plasmada no art. 27 da Constitución e como tal merecedora da cualificación de nulidade de pleno dereito por aplicación do art. 62.1 da Lei de Administracións Públicas e do Procedemento Administrativo Común.

Neste punto, fronte ao catastrofismo que impregna o escrito de apelación da Administración sobre a necesaria revisión de dereitos e obrigas derivadas do orzamento e posible reintegro de retribucións do ano 2009, baste ter presente que a Administración á hora de executar a sentenza non pode perder de vista, nin a natureza regulamentaria da actuación impugnada (lémbrese a resistencia dos actos firmes dos regulamentos anulados) nin os principios xerais en materia de conservacións de actuacións administrativas, nin a incidencia de sentenzas firmes sobre dereitos de terceiros… (ben está recordar que as consecuencias da nulidade de pleno dereito que poidan quedar subsistentes teñen que ser obxecto de consideración restritiva).

O que resultará ineludible será a admisión a trámite das alegacións e a reapertura do proceso negociador coas centrais sindicais, para volver a someter ao pleno municipal a aprobación definitiva do cadro de persoal e anexo de persoal funcionario así como aquelas determinacións do orzamento que se corresponden con estes aspectos relativos aos recursos humanos.

Finalmente, impóñenselle ao Concello as costas correspondentes ao recurso de apelación, cun límite máximo de 1.000 €.

Partillar no Chuza!Partillar no DoMelhorPartillar no MenéamePartillar no TuentiPartillar no Buzz it!Partillar no Digg it!Partillar no FacebookPartillar no TwitterPartillar no Cabozo