25 de novembro. Día Internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres Imprimir
Mércores, 23 Novembro 2011 22:16

A CRISE ECONÓMICA AGRAVA A DESIGUALDADE ENTRE HOMES  E MULLERES

A crise económica está a agravar aínda máis a desigualdade que existe entre mulleres e homes. As solucións que os distintos gobernos están a pór en marcha, reducindo os salarios, facilitando o despedimento nas empresas e recortando prestacións sociais e laborais, afectan de xeito singular ás mulleres, contribuíndo ao aumento da violencia de xénero. Porque aínda que a violencia contra as mulleres non está relacionada cunha clase social concreta, non é exclusiva de situacións de pobreza e de falta de recursos económicos, non é menos certo que en momentos de crise medra a tensión social e se agudiza a xerarquización de poder duns poucos sobre a maioría.

 

MEDRA A VIOLENCIA DENTRO DA ESTRUTURA FAMILIAR E ESTA SALPICA AO MUNDO DO TRABALLO

Xa que logo, non só medra a violencia dentro da estrutura familiar, senón que esta salpica ao mundo do traballo. Medra a presión exercida sobre as mulleres que pretenden compatibilizar as súas responsabilidades familiares co seu posto de traballo, e tamén nas traballadoras embarazadas. Denéganse permisos recoñecidos na lexislación e sométese ás traballadoras a verdadeiras situacións de acoso para que non reduzan ou flexibilicen a súa xornada. E aquelas que pretenden acceder ao mercado de traballo teñen que enfrontarse ademais con discriminacións por estar en idade fértil ou por ter cargas familiares.

Ou acaso non é violencia de xénero as altas cifras de desemprego, a precariedade laboral, os traballos sen contrato, a temporalidade, o traballo a tempo parcial e a desigualdade laboral que padecen as mulleres?  Porque se ben o comezo da crise afectou fundamentalmente a todo aquilo relacionado co estoupido da burbulla inmobiliaria e a crise da industria da automoción, posteriormente a contracción da demanda de man de obra alcanzou singularmente ao sector servizos, onde se empregan maioritariamente as mulleres, o cal fixo que as cifras de paro feminino subisen de xeito significativo.

E a pesar de que somos a metade da poboación, constituímos menos da metade da poboación activa, e aínda así, case a metade da poboación en paro. Sumamos menos da metade da persoas que traballan a tempo completo e das persoas beneficiarias dalgún tipo de prestación contributiva. Cando a percibimos facémolo durante menos tempo e menor contía. Pero somos maioría no traballo a tempo parcial e maioría na proporción de persoas inactivas que non perciben pensión ningunha. A isto hai sumarlle os períodos de inactividade relacionados coa maternidade e o coidado de dependentes. Tamén temos unha maior presenza ca os homes na economía somerxida, coa ausencia de dereitos laborais e sociais que isto implica.

AS MULLERES ACUSAMOS OS RECORTES NOS SERVIZOS SOCIAIS PÚBLICOS E PRESTACIÓNS SOCIAIS

Mais ante isto, o Goberno do PSOE puxo en marcha medidas neoliberais de reestruturación económica baseadas en plans de austeridade que afectan particularmente ás mulleres, ao termos unha maior representación no sector público (como traballadoras do ensino, a saúde e nos servizos sociais) sendo este un dos máis afectados polos recortes, e por sermos as que máis acusaremos os propios recortes de servizos públicos e prestacións sociais, substituíndo, por tanto, o recorte no gasto público mediante o noso traballo invisíbel e non remunerado no ámbito do fogar.

A actual crise perpetúa e agudiza a nosa presenza secundaria e sobreexplotada no mercado de traballo, supostamente xustificada pola nosa responsabilidade polos coidados da xente que nos rodea. As respostas dos gobernos central e galego non só se amosan indiferentes a reverter esta tendencia, senón que devolven certas tarefas reprodutivas, que foran asumidas polo estado, ás mulleres, o cal seguirá a ser a escusa para nos situar unha vez máis fóra do mercado laboral. Ese é o círculo vicioso que se potencia por parte do capitalismo patriarcal e a clase política que o xestiona: xustificar a nosa media entrada no mercado laboral pola nosa saída a medias do fogar e viceversa. Todo isto por mor do avance sen tregua dun capitalismo patriarcal baseado na lóxica da acumulación e do beneficio económico e que non inclúe a vida e o seu coidado nas súas ecuacións incomprensíbeis.

O DESMANTELAMENTO DAS POLÍTICAS DE IGUALDADE EN GALIZA

Baixo o pretexto da situación da crise económica mundial, os distintos gobernos veñen decretando recortes no desenvolvemento do estado de benestar.
Malia a aparente oposición do PP ás duras medidas adoptadas polo PSOE, non só non tomaron un rumbo diferente, senón que desde a súa xestión no goberno galego manteñen unha actitude servil aos poderes da patronal e da gran banca, aceptando ERES fraudulentos que deixaron na rúa a miles de traballadoras e traballadores.

Coa escusa da crise económica o goberno do PP na Xunta de Galiza está a por en marcha o que supón un desmantelamento e privatización da sanidade, o ensino e os servizos sociais públicos, a través dos recortes, ficando en perigo o xa de por si feble estado de benestar.

Amparándose en motivos económicos suprimiron o SGI, Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, que ate a data viña sendo un organismo de carácter autónomo, supresión que supón unha perda de poder, de relevancia na toma de decisións, de autonomía, desaparece a visibilización das políticas de igualdade nun momento no que estamos ante unha dura ofensiva contra as mesmas por parte dos sectores máis conservadores e reaccionarios da nosa sociedade, amparados e animados polo goberno da Xunta, cando sería necesario xustamente todo o contrario, é dicir, un fortalecemento deste organismo autónomo e das súas políticas transversais de igualdade.

É curioso que cando se fala de aforro orzamentario e de reestruturación, sexan sempre as políticas de igualdade as que teñan que sufrir o recorte, a pesares de ser as mulleres quen experimentan as consecuencias negativas da situación de crise con maior rapidez e quen se benefician da recuperación máis lentamente.

Sen embargo, non se ampararon na situación de crise cando, a través da aprobación da ILP pola que se establece e regula unha rede de apoio a mulleres embarazas, o goberno de Feijoo financiou con cartos públicos a asociacións ultracatólicas para que exerzan presión e disuadan ás mulleres do seu dereito a abortar libremente, no marco dunha campaña de boicote que a Xunta de Galiza está a realizar na aplicación da Lei de Saúde Sexual e Reprodutiva e de Interrupción Voluntaria do Embarazo (Lei do aborto), como xa fixo o pasado ano cando se opuxo á dispensación da pílula postcoital sen receita. Unha lei, que todo parece indicar que, no caso de que gañe o PP as eleccións, será das primeiras en ser derrogada.
Ou a deliberada política de  desmantelamento dos servizos sociais públicos, comezando pola eliminación dos Puntos de Información á Muller e das oficinas I+B (oficinas situadas maioritariamente no rural, desde as que se ofrecía unha atención integral ás persoas máis vulnerábeis da sociedade en risco de exclusión social, e onde se atendían distintos programas que redundaban nunha mellor inserción laboral da muller e na atención aos mozos e mozas), a cancelación da posta en marcha do servizo "kanguros" e a disolución final do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, pasando pola eliminación dos Centros Quérote (de asesoramento afectivo sexual á mocidade), o Servizo do Noitebús para a mocidade do rural, a eliminación do II Plan Galego de Inclusión Social, ou a paralización do programa ENTENDO, que daba resposta xurídica, médica e psicolóxica ás lésbicas, gais, bisexuais e transexuais, por poñer varios exemplos.

Pero o desmantelamento continúa. Así, no borrador de orzamentos deste ano, destaca unha vez máis a política de recorte e privatización dos servizos públicos levada a cabo polo goberno do PP, cunha serie de recortes orzamentarios que poden levar á desaparición de Programas tan senlleiros como o de Preescolar na Casa, ou nos fondos destinados ao Plan Concertado, o cal pode supoñer a desaparición das prestacións básicas de servizos sociais nos concellos. Uns orzamentos que exercizo a exercizo veñen reducindo os programas destinados á igualdade, á promoción do emprego, a protección e promoción da muller, migracións, freo do abandono escolar, por non entrar a falar do copago que están tentando instalar tanto na sanidade (co escandaloso recorte do dereito á prestación sanitaria e farmacéutica ás persoas sen recursos económicos) como nos servizos sociais.
Porén, non teñen reparo en financiar con cartos públicos a asociacións ultracatólicas (o pasado 17 de outubro distribuíron máis de 159.000 euros entre un bo número de entidades ligadas á extrema dereita antiabortista tales como Rebaño de María, Sí a la vida, Red Madre, Siervas de la Pasión, Betanía de Jesús Nazareno, Ayuda a la Vida e outros centos de miles de euros en entidades abertamente confesionais e católicas que desde logo non traballan a prol da igualdade de oportunidades e do empoderamento das mulleres) no marco dunha lei –a de familia- que cosifica á muller e que pretende devolvela ao seu rol tradicional de nai-coidadora do fogar.

Como o goberno dun país pode ampararse en cuestións económicas para eliminar un organismo autónomo como o SGI, cando alenta economicamente a asociacións que esixiron publicamente á Xunta "que non promovese unha sexualidade pervertida entre os adolescentes" (en alusión á función dos Centros Quérote), que considera a homosexualidade como patoloxía ou que non acepta a existencia do aborto terapéutico (o  xustificado por razóns médicas ao quedar en perigo a nai ou o bebé) porque desde a toma da pílula postcoital ate calquera interrupción do embarazo son cualificadas como asasinatos, entendendo só unha visión da muller, a de incubadora?

Como poden sentarse sentenzas como a do xuíz Del Olmo que  nun xuízo por delito de ameazas no ámbito familiar absolve a un home xa condenado por malos tratos por entender que “a palabra zorra non sempre proxecta desprezo ou menosprezo á dignidade da muller por ter outras acepcións, podendo empregarse o termo para describir a un animal que destaca pola súa astucia” (conversa entre o fillo da parella e o acusado, quen chamou zorra á muller logo de confesar que algún día a vería no cemiterio ou nunha caixa de piñeiro), ou aquela que sentouse o 2009 polo Alto Tribunal segundo a cal “non toda acción de violencia física no seo da parella do que resulte lesión leve para a muller, debe considerarse necesaria e automaticamente como a violencia de xénero”, tras a cal a Sección terceira desta sala emitiu varias sentencias absolvendo a presuntos maltratadores, nas que se asegura que “para que se aplique a lei de violencia de xénero ten que haber unha compoñente machista, no resto dos casos ten que aplicarse o código penal”. Todas estas sentencias e aquelas que inclúen teorías falsas como o Síndrome de Alienación Parental (SAP) para retirar a custodia da nai en favor do pai, o que fan é xustificar a violencia contra as mulleres e supoñen unha volta desde os poderes públicos a actitudes estremadamente machistas como reacción aos teimudos avances na igualdade entre homes e mulleres.

 

Por todos estes motivos facemos un chamamento á participación nas mobilizacións e concentracións que as organizacións feministas convoquen en Galiza para manifestar a repulsa cara a violencia exercida contra as mulleres.

E como traballadoras, como afiliadas da CIG, e como cidadás galegas, concentrámonos o venres 25 de novembro en todas as comarcas do país, entre as 11 e 12 horas, diante os edificios administrativos da Xunta de Galiza en Ferrol, Compostela, A Coruña, Lugo, Pontevedra, Vigo e Ourense, no marco dunha Xornada Nacional de loita, onde, alén de gardar un minuto de silencio polo feminicidio que está a ter lugar en todos os países do mundo, ademais de formular unha denuncia expresa da continua situación de violencia contra as mulleres, e dos recortes que tanto nesta materia, como en xeral, con todo aquilo que ten que ver coas políticas de igualdade, conciliación e cos servizos sociais públicos por parte do goberno da Xunta.

Porque a sociedade galega non pode permitir que sexa a propia administración a que desmantele unha conquista social que tantos esforzos levou conseguir. As mulleres non imos pagar esta crise por máis tempo. Erguémonos en loita polo emprego, polos salarios xustos, polos servizos públicos, por un modelo novo, xusto e solidario, e reivindicamos políticas de prevención e actuación fronte a violencia de xénero. Porque non imos permitir que a crise xere máis violencia contra as mulleres.

Descargar cartace

Partillar no Chuza!Partillar no DoMelhorPartillar no MenéamePartillar no TuentiPartillar no Buzz it!Partillar no Digg it!Partillar no FacebookPartillar no TwitterPartillar no Cabozo